A historia dun estradés na corte vaticana e a da súa parella, María Criada. Da Vinci, Miguelanxo, Rafael, a Capela Sixtina, os pantanos de Roma, A Estrada, Cuntis, Lalín, Compostela e Lugo...
Segundo os autores, esta obra leva rematada unha ducia de anos, mais ningunha administración se animou a publicala, e iso que versa sobre a historia de dous personaxes ilustres da historia galega: o deán Gabriel Rodríguez de Casal de Raros e a súa parella María “Criada”. Aquel, estradés de nacenza, posibelmente da freguesía de San Miguel de Moreira (da que tamén é natural Damián Porto), foi un destacado clérigo que veu ao mundo a finais do século XV e que, logo de tomar hábitos eclesiásticos, asenta durante un tempo na corte de Roma, sendo criado de varios papas, entre eles de Giovanni di Lorenzo de Medici, coñecido comunmente como León X. Deste pontífice chegaría a ser, incluso, un dos seus palafreneiros ou cabalarizos. No momento en que fica na “Cidade dos Sete Outeiros”, coinciden nela os vértices do “triángulo máxico” da máis grande xenialidade universal: Leonardo da Vinci, Raffaelo Sanzio e Michelangelo Buonarroti.
A obra que se presenta non é un ensaio ao uso, pois realmente podería servir para elaborar unha novela fantástica ou un guión de cine. O citado Gabriel Rodríguez, logo de ocupar determinados beneficios curados (crego de San Mamede de Piñeiro, San Fins das Estacas e Santa María dos Baños de Cuntis), tamén consegue diversas responsabilidades tanto en Roma como na Galiza: cóengo das colexiatas de Baiona e Muros, igualmente do Cabido Diocesano de Santiago e Deán do Capítulo Catedralicio de Lugués... Tanto é así que, alén de ser nomeado Protonotario Apostólico, estará entre os 6 eclesiásticos máis relevantes da Galiza dos anos trinta do século XVI.
Porén, se a súa vida é sobradamente interesante tanto é máis resulta a da súa parella, a lalinesa María “Criada”. Con este alcume que lle asignaron ensombrecíase a persoa de María Rodríguez de Monteagudo e Ulloa, unha muller que canda a morte do clérigo se dixo viúva e se dedicou durante uns anos ao comercio de cereais e viño ourensán, así como a prestar sumas importantes de diñeiro a distintos particulares. A súa vida, oculta entre nos palacios episcopais (e nas rúas de Compostela e Lugo), foi vinte cinco anos máis longa ca da súa “parella”. Ignórase o lugar no que repousan os restos mortais de Gabriel Rodríguez de Casal de Raros, pero a súa “muller” decidiu que cando chegase a seu óbito fose sepultada na catedral de Santiago, como así consta nalgúns documentos que os autores puideron recuperar. Amais diso, dun dos fillos desta “parella”, o cóengo Aníbal Rodríguez, tamén se conserva a súa sepultura na xirola da basílica compostelá.
Amais deste persoeiro, tamén ilustre, Gabriel e María terían cando menos media ducia de fillos máis, proxenie que curiosamente sería recoñecida como froito das relacións afectivas daqueloutros.
O extenso ensaio que presenta Vagalumes, prologado polo debuxante e escritor Grato E. Amor Moreno e que foi deseñado con todo gusto e mestría por Martiño Picallo, ofrece moitas historias paralelas, como a do cura de Olives e Rubín Vasco de Ulloa, que polos anos trinta do século XVI era un dos escriptores do Arquivo Vaticano. No MOME temos unha cita ineludíbel que ha conectar as terras da Estrada e Cuntis coa historia universal de Roma.