Coa subida ao cumio do Pico Sagro para ler o Alba de Groria, rendémoslle unha homenaxe a Castelao, e a todas as “luceciñas e vagalumes” que nutren o humus vivificador do noso país. Organízaa a AC Vagalumes como membro de Galiza Cultura, federación da que é cofundadora, ao igual que a AC O Galo, que tamén colabora para levala a cabo. Xuntámonos desde a saia deste monte, río Ulla por medio, os da antiga Provincia Compostelá da que os de Santiago e da Estrada compartiamos vellas adscricións territoriais. E erguemos a bandeira da nosa lingua e cultura, do noso patrimonio natural, material e inmaterial fronte aos que desertan e renegan del.
De Compostela ao Pico Sacro. Alba de Gloria 2011 -2021 dá conta do acto que anualmente, coincidindo co sábado antes do 25 xullo, Día da Patria Galega, decorre no curuto do antigo Ilicinio. Un monte emblemático para as xentes de Jacobusland, por ser un dos “protagonistas” do mito da aparición dos restos do apóstolo Santiago e da fundación de Compostela, o lugar cemiterio ou a cidade ben composta, que desde hai dez séculos é a capital da Galiza. Ambos os dous comparten lendas e realidades que axudaron a construír a nosa nación.
No libro descríbese o transcurso da lectura do discurso Alba de Gloria de Alfonso D. Rodríguez Castelao. Recóllense os textos que, desde 2011 até 2021, redactaron ad hoc: David Otero, Mª do Pilar García Negro, Marga do Val, Xosé Luis Santos Cabanas, Calros Solla, Miro Villar, Marica Campo, Mercedes Queixas, Marta Dacosta, Iolanda Aldrei e Héitor Picallo. Todos e todas son prestixiosas autoras que leron os seus escritos e, en ocasións, dirixíronse ao público asistente a este recoñecemento.