Moitas grazas Manuel por poder estar aquí contigo.E así nese agradecer, a ti mesmo como autor deste libro, pero tamén desoutro tan importante sobre a RAPA DAS BESTAS , quero adicarche con sentir e admiración o poema titulado SABUCEDO… DO LIBRO A BOCA DA TERRA… DE MANOLO RIVAS.
E logo destas e así de primeiras, e plenamente convencido, direi que este libro que hoxe presentamos faise significativo, de importancia e relevante, polo seu contido e xa que logo tamén se fai oportuno ( que non oportunista) e necesario e así polo mesmo, a maiores, quero felicitar ao editor, a Bieito Ledo, por ser sensible a publicar estes contidos que se tratan neste libro,
pois Galicia, o pobo do galego, é moito máis cá literatura, que ben sabemos que é moi boa, pero Galicia é máis.
Dun libro coma este diremos que é unha celebración pois reflicte unha posición necesaria de ideas, quizabes tamén podemos dicir que é unha trincheira que cavamos coas mans constructoras de Manuel collidas ás de tantas e de tantos, con argumentos e saberes, con palabras da nosa Lingua Galega de infinita beleza e por selo tamén contundentes. Este libro chámanos á reflexión. Axúdanos a colocarnos.A posicionarnos.
Recupéranos na alegría da loita e referéncianos no que xa sabemos moitas e moitos, si…o de que vivir implica dignidade e esperanza e así ir gañando paso a paso e golpe a golpe – e tamén sufrindo- a nosa liberdade na fame de horizontes novos e determinados.Pois nestes tempos que imos indo…hai que ver como se desprezan as vocesque falan claro,que non enganan,que convencen,que na beleza…serven para vermos que hai outras formas de pensar e de entender este noso pobo.E esa beleza está nos seus soños e nos seus sorrisos, pois Nós somos unha nube da que os soños son os ventos.E como dicía Pasolini:
- A verdade está en moitos soños. Non chega un.
E tamén engado que…
- En Galicia se sueña todavía…- deixou dito daquela Don Miguel de Unamuno.
Por iso na substancia esencial e substantiva deste libro de Manuel hai pensamentos e aconsellos, referencias e camiños. Soños…Xa que para chegar ao que intuímos… son necesarios.
Como ben di X.L.Méndez Ferrín no prólogo:
“Cada época da nosa historia apresenta individualidades e grupos de traballo que intentan procurar as claves de Galicia para agatuñar polo poste ensebado que ao final nos premiará con regalo.máis nunca damos culminado a cucaña.”
E velaí está Manuel indicándonos amablemente, orientándonos a sabencia, para que comprensivamente, no sentir quen somos, galegas e galegos, camiñemos xuntos e compartindo nas reivindicacións obrigadas para que os nosos desexos comúns – soños realizables, obrar para o posible- cristalicen no vivir comunal deste noso pobo.
Neste libro GALICIA RAÍCES E COMPROMISO,Manuel, o seu autor, tal arxina pedra a pedra,propónnos encontro e pensamento,reflexion, identidade, si…neste arestora no que ben se ve un desleixo cara o propio, o territorio,a cultura e a lingua,a identidade,o país en definitiva….
Velaí nel tamén que vemos e notamos, sufrimos…como din moitas e moitos a enxurrada “progre” dun bilingüísmo absurdo, decretado,
a dun plurilingüismo que sería bonito, desexable,pero cheo de plantexamentos interesados, falsas vaidades, propagandas de corte privado,que en nada concordan cun baseamento pedagóxico e social de ensino público desde quen somos. Galegas e galegos.
Ben sabemos que así como di o profesor Francisco Calo:
“A nación xa a creamos en 1918, agora falta que haxa galegas e galegos nacionalistas”
Pois xa poderiamos dicir unha vez máis ao ir deste libro:
- Chegou a hora…!
Na lectura deste libro, indo polo roteiro que nos propón Manuel ,camiñando pois coa e pola nosa cultura como ferramenta para desexar neste noso modo de ser,as lectoras e os lectores…faremos paro a tomar grolos de pensar en quen somos , na poboación, no maternal, na matria e na patria, na fratría, na paisaxe,na saudade ( saudade como di Manolo Rivas, esa sagrada nostalxia, a fame do porvir, esa melancolía ,dicimos nós, esa memoria).Tamén no sentir,no ser ( esa determinación necesaria), no humor e na ironía ( sexto e sétimo sentido), na retranca,no facer e na irmandade.
Logo seguindo polas páxinas… vai a punto de importancia… O País.O pobo. A nación ( digo eu). E aí a nosa dependencia política e cultural.Terra de colonización como se di no libro.Mesmo, como nel tamén di XM Beiras,situación de “ dependencia colonial institucionalizada”.
E a igrexa. A Igrexa castelá en Galicia.A pobreza no noso pobo.A nosa imaxe. A rebeldía.
E xa na terceira parada UNHA LINGUA ao que eu lle diría A LINGUA, así …con determinante absoluto.Facéndoa soberana e nosa. O nacer dela,
O prestixio.A chegada do castelán. A castelanización ( a igrexa como parte importante deste feito real).A relevancia da lingua. Sarmiento.A diglosia.
O bilingüísmo. A nosa lingua hoxe.
E así, amigo Manuel, ao fío disto, permíteme que lle fale á Lingua:
…e ti Lingua nosa…
el como terás lugar
para o perfume…
se non tes aínda
o teito Branco
que preserve
o todo azul
de tantos alentos,
nin tampouco
o brillar da aflorecida alborada
en engaiolante plenitude
da nosa estrela raiolante…
Este teu libro Manuel axúdanos a bradar intensamente e coa claridade das raiolas de abril…
“ NÓS NON IMOS PERMITIR SER UNHA LINGUA EN EXTINCIÓN…NON O PERMITIREMOS…”
Velaí neste libro tres andares moi significativos.Importantes.Cultura, País e Lingua. E xa que como dixen ao primeiro desta miña intervención estamos no disfrute, así pois na lectura, dun libro referente dun autor serio, dun estudoso fondo. Estudoso das cousas nosas,propias,sen deixar de atenderlle ás alleas…como un modo de entender mellor as propias.
Velaí un libro trascendente,feito de amor,que como del di X.L.Méndez Ferrín:
“Nesta primeira metade do século XXI estábase a facer necesario un avance e unha actualización da imaxe de nós mesmos. Son horas de conquerir aquilo que Salvador Espriu chamaba ACCESO AO PLENO DOMÍNIO DA TERRA. E así xorde esta aportación, a de Manuel Cabada… Todas e todos estabamos esperando un libro coma este”
E xa que logo ao fío do dito e do que se pode intuir diremos que polos tempos que vivimos son horas de accionarmos o freo de emerxencia.
Non imos ben.
Pois aínda se repiten
palabras vellas
por calquera dos recantos
onde se desfán os abrazos.
Aínda se len nas sombras
nomes perigosos.
O que vivimos non nos gusta.Digan o que digan, todo crecemento non é desenvolvemento.Nós non podemos estar ao outro lado das feridas ( que as temos e vense).As nosas voces han recoñecerse.E imos atopar a saída do que non somos. De todo…este libro é unha boa ferramenta.
Direi como cando falando de nós compartindo palabra…
- E o futuro tamén ten porvir.
Moitas grazas.
david otero 15/4/2016 Ano de Manuel María.