Prosa recuperada de dous autores esquecidos vencellados coa nosa comarca
N’O mestre de Quiroza sentiu José Varela Buela a necesidade saudosa de plasmar por escrito o rodopío de emocións xerado polo afastamento da Galiza, enfeitizado pola paisaxe física e espiritual da “terra meiga”. Emporiso, Varela non desaproveitou a oportunidade de sinalar os prexuízos da paisanaxe, disimulados pola beldade do locus amoenus. A novela de Varela alicérzase na crítica á relixión oficial e ás súas contradicións. Naquel Cerdedo (Galiza) de comezos do século xx, a política e a relixión confabuláronse para baleirar o país, e a lubrificada engrenaxe encheu os peiraos de emigrantes. O autor tamén foi vítima desta diabólica sinerxía cuxa vixencia secular fixo de Cerdedo un ermo irrecuperábel.
Baixo o título “Obra reunida” traduciuse ao galego a obra narrativa localizada de Santiago Gómez Tato. Os dezaoito relatos de De la tierra meiga (1924), os nove de Céltiga (1924) e mais a ducia de narracións soltas que acaso integrasen o volume inédito Enxebre (1924-28) ambiéntanse nos concellos de Cerdedo (Pontevedra) e Santa Comba (A Coruña) ou nunha utopía rural tecida con fíos de ambas as dúas madeixas vitais. Nos textos de Gómez Tato apréciase unha celebración nostálxica da natureza e da paisaxe, do carácter da xente rural e dos costumes e tradicións, en contraste coa crítica acerba do caciquismo, bosquexado como un obsceno aquelarre de personaxes grotescos. O material recompilado, e agora editado, non só arrequece o tesouro literario de Cerdedo, senón que é paradigma do inmenso e ignoto labor cultural dos protagonistas da nosa diáspora.