“Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron”, o primeiro achegamento sistemático ao estudo dos represores na Galiza que racha con este tabú nos traballos da memoria histórica e pon en negro sobre branco os nomes, as causas e as metodoloxías usadas polo terror.
Este traballo, que publica Sermos Galiza está coordinado polos historiadores Xosé Ramón Ermida, Dionisio Pereira, Eliseo Fernández e Xoán Carlos Garrido. E nel participan moitos dos principais investigadores desta época na Galiza, como Emilio Grandío, Carlos Nuevo Cal, Bernardo Máiz, Xosé Álvarez, Manuel Pazos, Judith Carbajo, Ana Cebreiros, Carlos F. Velasco ou Julio Prada.
Nel abórdase a represión fascista nas comarcas de Pontevedra, o sur de Lugo, Ferrol, A Coruña, a Mariña, Ordes e Terra de Montes, ademais de temas como os procedementos e actuacións dos represores, as mulleres falanxistas, o papel da Igrexa, os tribunais militares e a represión económica.
Trátase do primeiro traballo que estuda de forma global este fenómeno que completa o relato histórico desde outra perspectiva.
Desde o punto de vista comarcal atopamos neste traballo referencias a vitimarios de Tabeirós-Terra de Montes e de como se aplicaba a mecánica represiva nos nosos concellos. Até agora os estudos puxeron o acento en dar a coñecer os nomes das vítimas que sufriron ademais o esquecemento. Mais o feito de que non houbese un traballo específico sobre os que cometeron os crimes levou a que se siga a homenaxear e a render tributo en rúas e recoñecementos a quen non só non tivo un comportamento exemplar senón que debera ser socialmente reprobado por calquera persoa defensora dos dereitos humanos e das liberdades civís.