Manuel Cabada Castro
Agora ben, é xustamente o específico da internacional festa da Rapa das bestas de Sabucedo o feito de se desenvolver non só ó longo de varios días, senón -e isto é o máis relevante- en espazos non só diversos senón incluso entre si moi distantes. Por iso o que máis frecuentemente hoxe denominamos “Rapa das bestas” de Sabucedo foi ó longo dos tempos popularmente denominada de xeitos diferentes: “O día das eguas”, “O día da baixa” etc. Entre eles o da “Rapa” abranguería o conxunto das accións festivas que se realizan especialmente no interior do “curro”, mais o da “Baixa” (para moitos non menos gratificante) é a previa subida ós montes na procura de xuntar as diversas greas que habitan nas súas propias zonas de montaña pra acompañalas logo na baixada a Sabucedo.
Dito isto, hai que engadir seguidamente que non poucas destas greas de bestas habitan xustamente na zona do “Campo das Rosas”, na proximidade do coñecido pico dos Aguillóns e é evidente que a previsíbel intrusión nesta zona do mencionado parque eólico, coa concomitante destrución do ámbito natural nun marco xigantesco desnaturalizado, botaría por terra algo que é específico ou esencial nesta festa. Aquilo que poderiamos denominar a súa estética natural e a convivencia directa coa natureza na súa bela, poderosa e humildosa manifestación. Coido que, pese a todo, hai aínda tempo pra que venza a cordura, a xustiza e o bo entendemento.
Pois non podemos en modo algún hipotecar a nosa dignidade e o noso futuro a poderosos intereses alleos ó noso hábitat. Aloitémoslles e dobreguemos, alomenos por unha vez, o poder e a verdade daquilo que ben xa versificara o Quevedo castelán: “poderoso cabaleiro e don diñeiro”!
[“Galicia Digital”, 26 de xaneiro de 2023]