Manuel Cabada Castro
Quero cantar os recendos desta nosa e vella terra, fermosa e tenra cal neno que soños soña de seda. Monstros xélidos non quero, de fóra aquí transplantados. Quen aquí traelos quere de don diñeiro é un escravo. Quero vivir e cantar na compaña da laverca. E así o meu ceibe canto arriba entoar con ela. Atordante o teu xirar, tarabela fachendosa! Non compraces nin nos vas! A muiñeira é a danza nosa! Onda os muíños naceu esta das correntes de augas vivas, coma bestas de Montouto que o vento portan nas crinas. Comunal é o noso canto fronte a escuros intereses. Nós seremos sempre nós, déixennos ou non nos deixen! A prol do noso loitamos, da vida e da nosa fala. Lúa e estrelas na noite, de día o sol na montaña. O común a todos nós é a nosa propiedade. Só ceos e terra ceibes nidia dan eternidade. Nin nos mares chapapote -de negruras nunca máis!- nin brancuras na montaña dos xigantes do metal! Pois se o ceo ver queremos, velaí está o voar lene da laverca en espiral que de abaixo ó alto ascende. Peregrina do alén en arroubo namorado, de si dona e mais do mundo leva nas ás o seu canto. Fermosura évos Galiza. Non a deixes deformar. A beleza non se vende a ninguén por vil metal. Non só a nós nos coidamos. O tesouro montesío do milagre cabalar é pra nós gran desafío. Se coas bestas nós medramos, medrarán elas connosco. Con elas formamos todos un só e bifronte pobo. De lobos saben as bestas; saben tamén dos humanos. Xuntos elas e mais nós, ben seguro que triunfamos! Manuel Cabada Castro (Sabucedo, 29 de abril de 2023) |