Plataforma NON á Fusión Cerdedo-Cotobade
Tendo en conta que se ben é certo que existe unha normativa contraria a que se use o mobiliario municipal para colocación de carteis co fin de preservar estes de calquera deterioro e afeamento, a hora da verdade, na práctica, obrígase a que se usen este tipo de soportes por carecer de ningún outro e encher o alcalde os taboleiros municipais exclusivamente con propaganda súa. Mesmo ocupa estes taboleiros de información municipal con recortes de xornais favorábeis a el, se ben prohibe que se poña ningún que sexa diverxente desta posición.
Esta ausencia de espazos nos que poder informar leva a todo tipo de entidades, desde comisións de festas, compañías de buses, funerarias, etc... a ter que empregar soportes das instalacións municipais, algo que se vén facendo desde hai tempo a pesares da devandita ordenanza . Mais é só neste caso que se aplica este tipo de sanción, o cal demostra o carácter discrecional e totalitario do mandatario local.
Sabemos que esta non é unha sanción a unha persoa, senón unha persecución a unha idea, a da plataforma contraria a esta fusión que só beneficia aos intereses do propio alcalde en contra da opinión dos veciños.
Con esta actuación o Sr. Balseiros pretende amedrentar aos opositores. Mais debe saber o Sr. Alcalde que lonxe de conseguir o seu obxectivo, con este acto deixou en evidencia a súa debilidade e nerviosismo, e acrecentou a nosa seguridade nas nosas razóns e mobilizacións.
Esta sanción é un retrato deste persoeiro que pretende estender os seus dominios até Cobotabade, e debera servir de lección para quen dubide das súas pretensións caciquís e inquisitoriais.
A Plataforma anuncia que non se vai dobregar por estas ameazas e consideramos esta sanción é inxusta e discrecional, atendendo o anteriormente sinalado de que só se nos aplica aos disidentes a respecto das actuacións do alcalde.