Crónica da XXXIX Romaxe de Irimia no monte do Seixo
Carlos Solla
O destino final era a chaira da Santa Mariña, feirón de antano (18 de xullo), situada por riba dos 900 m de altitude, predios monteses pertencentes ao concello de Cotobade e, en concreto, á Comunidade de Montes de Caroi. Moitas grazas, Xesús Fortes pola cesión do espazo. Alí, nas inmediacións da ermida que garda a imaxe da santa, advocación da montaña, agardábaos a infraestrutura física e humana que fixo posíbel a celebración da multitudinaria XXXIX Romaxe de Irimia no monte do Seixo. “Romeiros do Alén”, inspirándonos na obra do antropólogo Marcial Gondar, foi o lema escolleito para esta edición de 2016.
Os voluntarios de Capitán Gosende, que xa tomaramos contacto coas vicisitudes do evento na edición de 2015 en Penas de Rodas (Outeiro de Rei), sabiamos que a xestión do aparcamento ía ser fundamental para o feliz desenvolvemento do acto. A loxística esixía, pois, designar un equipo específico para solventar con éxito a enchente prevista. Así mesmo, distribuídos ao longo do traxecto Cerdedo-monte do Seixo (Santa Mariña), permaneceron ao pé do canón os voluntarios da asociación Irimia, reforzando os sinaladores colocados estratexicamente por Capitán Gosende. Para esta tarefa, contouse co apoio de dúas patrullas da Garda Civil. Moitas grazas, Garda Civil de Cerdedo.
De véspera, para evitar atrancos, instalouse a ampla carpa que goreceu os devotos do viño, da empanada e do polbo á feira. Ao respecto, cómpre salientar a xenerosa e indispensábel colaboración do restaurante “O Meu Lar” de Cerdedo, establecemento hostaleiro que apoiou dende o primeiro momento a organización do evento. Moitas grazas, Lorena, Alexandra, Sara e Manolo. Así mesmo, tamén de véspera, dispúxose o grupo electróxeno, cortesía das Concellarías de Cultura do Morrazo (Cangas, Bueu e Moaña). “O Morrazo coa Cultura”. Moitas grazas, irmán Héitor Mera.
No tocante aos estacionamentos, non se transixiu, e a zona habilitada para autobuses, a máis achegada ao punto de recepción, deulle cabida, en perfecta fileira, á vintena de vehículos longos que, provenientes dos catro puntos cardinais da Galiza, acadaron os cumes do Seixo. Esta operación tamén tivo en conta os espazos de carga e descarga solicitados polos vendedores ambulantes (téxtiles, rosquillas, libros, souvenirs...), o fornecemento do bar-restaurante, o aparcadoiro da ambulancia medicalizada e o aparcadoiro da camioneta de bombeiros. Moitas grazas, Protección Civil de Cotobade. Non lonxe, en batería, fóronse acomodando as ducias de coches particulares. A iso do mediodía, o número de romeiros congregados no Seixo xa roldaba os 2.000. Superáranse as previsións.
Outra das encomendas que cumpría resolver con eficacia era a da “acollida”, é dicir, recibir os nosos visitantes cun agasallo culinario. Un equipo formado por membros dos colectivos Capitán Gosende e Canón de Pau foron que de preparar nas horas previas (e en tempo record) 1.500 petiscos, unha lambonada composta a base de galleta mariñeira, requeixo da Corredoira e mel do Paraño. Non quedaron nin as faragullas. As mil quiñentas galletas mariñeiras (ou pan mariñeiro) foron agasallo da elaboradora luguesa “Daveiga” (Chantada). Moitas grazas, Xosé Lois Lamazares.
Amais do corpo, a organización tamén creu oportuno alimentar o espírito e, daquela, canda a larpeirada, os romeiros levaron para a súa casa cadanseu marca-páxinas, ao tempo que as gaitas dos Trubincos do Batán entoaban pezas do repertorio tradicional. O deseño do marca-páxinas encargóuselle a João Bieites (colectivo Capitán Gosende) e foi impreso en Gráficas Rodoprint (Tenorio), fermoso e singular recordatorio dunha xornada irrepetíbel. Repartíronse perto de 1.500 marca-páxinas. No marca-páxinas reprodúcese o gravado rupestre denominado “Laxa da Romaxe I”, descuberto no monte de Pedre polos exploradores de Capitán Gosende en outubro de 2015. O petróglifo representa talmente unha foliada de hai 4.000 anos. Nos labores de limpeza efectuados ao día seguinte no recinto festivo, só apareceron ciscados tres. Escusamos máis comentarios.
Xa que falamos de limpeza e acondicionamento, convén dicir que, nos días que antecederon a Romaxe, un equipo de Capitán Gosende retirou da redonda da Santa Mariña uns 200 quilos de lixo (botellas, plásticos, papeis...). Aquel espazo debía lucir en todo o seu esplendor para que os de fóra levasen unha boa imaxe de nós. Fagamos por manter o monte limpo, coa chatarra eólica temos abondo.
Os romeiros fóronse acomodando perto do escenario (habilitáranse máis de 200 cadeiras), non sen antes adquirir, no telderete de Irimia e por un módico prezo, o magnífico medallón conmemorativo e mais o texto da celebración. A alfaia, confeccionada en cerámica de Sargadelos, foi deseñada por Ana Santiso (colectivo Capitán Gosende). O medallón é, sen dúbida, unha peza singular, xa que, para a ocasión, Sargadelos aceptou empregar un motivo concibido por unha artista non vinculada á fábrica de Cervo: A peneda de Portalén contornada de dúas póliñas de toxo e mais da inscrición “Romeiros do Alén-Monte Seixo-2016”. Para o texto da celebración, a directiva de Irimia depositou en Rubén Aramburu (asociación Irimia) e mais neste escribán a súa confianza, honra que asumimos gustantes e no que fixemos por propiciar a participación do público asistente.
Cara á unha da tarde deu comezo o acto. Mini e Mero, á fronte do celebérrimo grupo A Quenlla, aceleraron os corazóns de todos interpretando “Galicia”, o poema de Manuel María musicado por Suso Vaamonde (canta xustiza feita!!). A seguir, deuse a calorosa benvida en vervo xido, na fala gremial dos canteiros (arghinas) de Montes: “Xidas luces, ghradeantes de Queicoanta...!!”.
Conchi Pereiro, Alba da Revolta, Xabier Blanco e quen asina desenvolvemos, dende o palco, a función de “guieiros”, póndolle voz emocionada ao sentimento de pertenza a unha Terra:
“Dende o monte do Seixo, cando o vento de riba limpa de nubes e neboeiros o horizonte, a terra rebole vizosa á nosa roda, o mar espellado reflicte, fite a fite, a súa miraxe e a cambota do ceo enche de feluxe azul os ollos de quen procura o acougo no infinito...”
“Achámonos novamente perante o espello do noso ricaz acervo cultural, beicidos pola nosa tradición inmorredoira; turrando dun presente de incertezas, anceiando un futuro de esplendor; reafirmándonos na venturosa condición de galegos, morgados desta Galiza imensa e, ao tempo, diminuída polo insoportábel designio de imbéciles e escuros...”
“Din as boas lendas que o monte do Seixo é un xigante durmido, un coloso foupeiro que abala e devala a súa magnitude ao ritmo pousado da respiración. A lenda é abofé metáfora acaída do noso país. Galiza, o pobo galego é un xigante durmido, un boi de palla, un almallo cachazudo que precisa, agora máis ca nunca, reaxir, espelirse, pórse en pé e puxar e escornar a eito...”
“Nós somos a bieita representación do pobo galego, dun pobo alerta, dun pobo en pé, dun pobo revoltado, dun pobo revirado contra o vendaval da adversidade. Nós somos a antítese do silencio e da inacción. Nós somos o antípoda da mansedume e da derrota...” E A Quenlla deunos a réplica interpretando “Abril de lume e ferro”, letra da autoría de Manuel María: “É xa tempo de erguer a liberdade, de saír deste noxo e deste abismo...”.
Non houbo oportunidade para o relaxamento, fíxose lembranza dos mártires de Carral, fíxose lembranza dos mártires pola República, e Mini d’A Quenlla rachou a néboa galgante co seu “Aquí”, cantata refulxente: “Imos estando por aquí, levamos séculos aquí, neste sen norte. Con esta fala e este ser, con este eterno escurecer, con esta noite...”.
Berráronse catro verdades que non cabían no peito: “Os presentes rememoramos, conmemoramos e reivindicamos o rexurdimento da Galiza aldeá, da Galiza comunal e solidaria, da Galiza pacifista e libertaria. Denunciamos o despoboamento. Clamamos polo aproveitamento racional e sustentábel dos nosos recursos naturais, pola auxe dos sectores produtivos de noso. Demandamos a transformación dos concellos rurais, rechumidos pola vampiraxe caciquil, en motores de progreso e resortes de esperanza...”
Explicouse, pois viña a conto, a profecía do mítico Tecelán de Carballás, o vello vedoiro que vaticinara xacando a ruína daquel territorio: “Enxergade as aldeas e lugares de ao pé da montaña. Tras o espellismo verdecente da calma e da amenidade, agóchase un mal terríbel, esténdese unha doenza asoballadora, alanca sen atallo o cancro do abandono, do despoboamento, do éxodo sen retorno...”. E denunciáronse os desmandos (cometidos ou por cometer) do parque eólico, da minaría do coltán, do AVE asoballador, da eucaliptización, dos lumes forestais, da Celulosa e do fusionismo caciquil. “Non somos unha colonia!!”. A canción “Uah!” de Suso Vaamonde e o poema “As ratas” de Luís Seoane fixeron bo compango: “E que vaian pró carallo os ladróns da nosa Terra!”...
“Non estamos sós, unha cultura milenaria guía a nosa angueira. A nosa cultura é un saboroso pan de molete cocido durante séculos no forno do sentimento...”. A celebración acadou un momento climácico cando, arremedando a Santa Compaña enxeñada por Castelao para o seu “Alba de gloria”, rendémoslles homenaxe ás mulleres e aos homes que, dende a comarca, loitaron en prol da nosa liberdade, en prol do feito diferencial da galeguidade. Membros do colectivo Capitán Gosende, perfectamente caracterizados, déronlles vida ao Padre Sarmento, á mendiga Lucía Domínguez (interpretouse o “Romance da lavandeira”), ao capitán Xoán de Gosende, aos heroes das Alarmas de Montes e do Canón de Pau chefiados por Rosiña de Pedre, aos mestres canteiros de Montes e Cotobade (Petrus Petri, Pedro de Monteagudo, Pedro de Arén, María de Carballás a Lista, Ignacio e Xosé Cerviño...), aos homes de letras e ciencias (Xosé Otero Espasandín e Antón Fraguas), aos cregos galeguistas (Rodríguez Fraiz e Espiña Gamallo)... Así eran nomeados, así se enumeraban os seus méritos, así desfilaban perante a concorrencia, o pobo berraba: “Xente boa e xenerosa!!”. A Quenlla pechou este treito tocando “Como hei vivir mañá sen a luz túa?”, versos do poeta Bernardino Graña.
A parte litúrxica, vinda a continuación, dedicouse á honra e enxalzamento do crego galeguista e egrexio irimego Xosé Chao Rego, recentemente falecido.
Compartiuse fraternalmente o pan e o viño, apelouse á resistencia do pobo galego lembrando a lenda da santa Mariña do Seixo, “a moza que preferiu ser decapitada polo conquistador romano, antes que traizoar os seus ideais”. Acordamos facer fronte común contra a desesperanza: “Énchesenos o peito, pois non hai Terra como a nosa. É sacrilexio ficar calados. Non nos imos deixar poñer o bozo, non nos van cinguir a mordaza. Mentres non perdamos a cabeza, mentres se manteña enriba dos nosos ombreiros, sempre haberá quen cante as nosas glorias e as nosas desventuras”. Cantouse, non podía ser doutro xeito, “O Carro” (letra de Manuel María).
Segundo o convindo, os vinte caracterizados abandonaron o pé do escenario e, por parellas, formando un pasadeiro coas mans entrelazadas, ergueron unha Portalén humana: “Sabemos, pois, quen somos, de onde vimos, onde estamos e cara onde queremos dirixir os nosos pasos. Para a viaxe que nos agarda, cómprenos encher o fardel da alma con folgos anovados. Viaxamos cara ao Alén; somos hoxe romeiros do Alén e, consonte a tradición celta, atravesar a porta do Outro Mundo, percibir, aínda que sexa por un intre, os prodixios do Paraíso, depararanos afouteza e sabedoría...”.
A Quenlla debullou unha interminábel “Rumboia”. A ritmo, centos e centos de romeiros atravesaron a arcada tecida de brazos e mans. Un a un atinxiron o cabo ao berro de “Eu renazo galego!”, depositando cadanseu coio nun curriño preparado para a ocasión. Minutos despois, ao pé do campo da festa da Santa Mariña, erguíase feituco o “milladoiro dos irimegos”.
O carrusel das emocións deparounos, a seguir, o episodio do “berro seco”, arelas luminosas para o futuro do país. Mero d’A Quenlla arrincounos do peito unha restra de urros esconxuradores, amplificados pola presenza no palco de Amalia Bóveda e mais o seu fillo Valentín. A intervención de Amalia Bóveda, filla de Aleixandre Bóveda, asasinado polo fascismo, fixo agromar as bágoas nos ollos dos presentes (“Non enterraron cadáveres, enterraron semente”, Castelao dixit).
Eran as tres da tarde, o acto chegaba á súa fin. Membros de Capitán Gosende fixeron entrega do “ramo” (un cesto de produtos da terra e unha mañiza de flores) aos representantes da asociación que, o vindeiro ano, se encargará de organizar a cuadraxésima edición da Romaxe de Irimia. Será en Beade (Vigo). Moita sorte e corenta edicións máis!!
Puxémonos novamente en pé e, solemnes, cantamos o himno do Antigo Reino da Galiza: “Fronte ao mar, reverdece o eido de meus pais...”. O cantautor guardés Tino Baz sumouse aos musicos d’A Quenlla para relustrar o momento.
Abandonamos o escenario e gorecémonos baixo a carpa d’O Meu Lar. Comemos polbo á feira, tortillas e empanadas a fartar. Bebemos con moderación viño e licores. Recuncamos no café de pota. Acompañamos nos cantares aos festeiros e inesgotábeis Trubincos do Batán (Moitas grazas, Conchi, Paco, Luz, Toño, Manolo, João...). Recibimos agracedidos os parabéns e as agarimosas apertas daquela nutrida e entusiasta parroquia. Moitas grazas, Josecho de la Torre. Se puidésemos empadroalos todos en Cerdedo, axiña veriamos a luz ao final do tunel.
Entre as 12 e as 16 horas do sábado 10 de setembro, congregáronse na Santa Mariña do Seixo unhas 2.000 persoas. Compárese coas cifras doutros festivais celebrados en Cerdedo e patrocinados polo Concello. Á tardiña principiaron as tarefas de recollida. Ao pouco, na Santa Mariña, volvía reinar o silencio pulcro. Os de Capitán Gosende rematamos a xornada na soleira de Portalén, agradecéndolles aos devanceiros que todo ocorrese sen grandes contratempos.
Repercusión: Óese por Cerdedo que van declarar persoas “non gratas” aos de Capitán Gosende. Vindo de quen vén, agardamos con entusiasmo prender tal condecoración na lapela dos nosos chalecos. Eu renazo galego!!