A Estrada non medrou de xeito ordenado, nin se conservaron ou restauraron aqueles elementos máis senlleiros e interesantes, nin se respectaron os espazos para o encontro e o lecer, imprescindíbeis para toda sociedade que queira establecer lazos de solidariedade e empatía entre os cidadáns.
As autoridades municipais e os grupos de interese que condicionaron o poder local imposibilitaron que houbese unha organización harmoniosa do Concello. Hoxe o caos circulatorio e a disonancia arquitectónica e paisaxística é cada día máis noxenta. Mais non podemos caer na resignación e no derrotismo. Non debemos normalizar e aceptar este proceder do noso Concello. Debemos lembrar o que fomos para recordar o que deberiamos ter sido. E con iso, coller azos para loitar por un entorno máis habitábel e amábel. Imos resucitar en cor as imaxes do noso pasado, coma se estivesen vivas no presente. Iso é que o que desexariamos, para que outro futuro sexa posíbel para A Estrada.
Asociación Cultural "Vagalumes"