O obradoiro terá lugar no MOME o vindeiro 17 de decembro ás 20.30 h con entrada de balde
Cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor galego. É licenciado en Filoloxía Clásica, pero a súa actividade máis coñecida foi a de líder e vocalista de Os Diplomáticos de Monte-Alto, entre 1990 e 2001.
Desde 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego (coma A tropa da tralla), colaborou con varias publicacións (coma a revista Bravú) e foi subdirector de programas da Radio Galega, onde tamén dirixía Aberto por reformas, un espazo caracterizado por emitir exclusivamente música en galego.
Forma parte do grupo Os Tres Trebóns, onde se encarga da voz e do acordeón.
MÚSICA REPRESALIADA, MEMORIA
O obradoiro serve para tomar conciencia de como o imaxinario que impuxo a Ditadura franquista segue a funcionar e a definir en parte o presente. Búscase descubrir o esplendor musical que lle roubaron á sociedade facendo un percorrido polos proxectos musicais destruídos tras o golpe de Estado de 1936 e reivindicar a dignidade das e dos artistas que sufriron a represión (algunhas e algúns mesmo perderon a vida) neses días de barbarie, un traballo sobre o que ata o de agora non existe investigación e no que se pretende abrir camiño.
Partirase de diferentes testemuñas orais e dalgunha referencia literaria coa pretensión de que esas achegas sirvan
de estímulo para que as persoas que participen no obradoiro conten as historias das e dos artistas do seu contorno.