Tras ler o manifesto da Coordinadora Eólica Así Non! na Praza do Concello, os manifestantes dirixíronse á estrada xeral N-541, na que se cortou o tráfico, e marcharon até chegar á rotonda á entrada do pobo. Finalmente, a marcha regresou de novo á Praza do Concello, onde se fixo un resumo da situación á que se enfrontan estes concellos nos que se proxectan 29 parques eólicos, tramitados a maioría deles na Xunta de Galicia.
Dende a Asociación Alarma na Terra de Montes e dende a Plataforma AsíEólicosNon de Cerdedo-Cotobade valórase moi positivamente a participación na Manifestación Eólica Así Non, o cal é indicativo do rexeitamento das veciñas e veciños a este asoballamento.
A mobilización foi unha das moitas que nos últimos meses está a expresar o malestar e o medo existentes nas aldeas e vilas galegas. Pero a cousa non vai quedar aquí, os veciños seguiranse a mobilizar mentres as administracións que van decidir sobre a aprobación ou non de todos estes proxectos, a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado, non paren este despropósito disfrazado de “transición enerxética” e de “defensa do medio ambiente”. Tamén esperamos que os nosos representantes políticos locais se posicionen claramente do noso lado, sen ambigüidades nin xogos partidistas.
Asociación Alarma na Terra de Montes