Sindo Villamayor
Destas chairas de Lamas ata a ponte de Rubín onde desembocan as tensas elevacións do Outeiro Grande de Olives e Santa Baia, partiron Moares e Ferradáns que como Varela Buxán buscarían fortuna en Andalucía. E meu pai, meu pai que xa ferido de morte un día sorprendeume falando da luminosidade de Cádiz que el coñecera , da bahia gaditana, os teatros nocturnos, o bodevil e dos cines (que por certo tamén tanto gustaba ao autor aquí co-homenaxeado) onde admiraba a Victor Mature mentres perseguía aos indios arapahoe dos que se vía no horizonte de Novo México só unha liña de po.
Varela Buxán foi dar a Bos Aires e compartir co galeguismo no exilio ideais e creatividade no eido do teatro. Os surtidores franquistas intoxicaron con ideas afíns na diáspora ata entón republicana e que tan ben describiu e combateu Celso Emilio no seu Viaxe ao pais dos ananos. Os fascistas tomaron os Centro Galegos convertidos agora en altofalantes dunha Galiza submisa e atrasada, unha esquina bucólica da nova España.
Igualiño que con Rosalía de Castro a quen adicamos este día, a obra de Varela Buxán foi precursora na defensa dun pais lonxe deses estereotipos colonizadores, e moitas veces debaixo da aparencia dos seus textos latexa unha outra visión, un outro desexo para o futuro do pais.
Un precursor que tan ben, con exactitude, loaba Vázquez Pintor ao lembralo:
El era a primeira voz que escoitei dicir Galiza e alicerces como quen recibe un trono antes que o alustro. Tiña os ecos das corredoiras e das fragas. Sabía interpretar as mensaxes. Labrego de nación e sen renuncias, acendíase coas palabras (el pronunciaba verbas) e ardía na memoria das xentes e das cousas humildes. O Teatro era a escusa para alimentar a súa reivindicación do agro e do mar: berces e covas.