Alba Rivas
No parte reza; “aprobado o tramo Vigo-Cerdedo-Ourense do AVE”, @s veciñ@s informan; “están facendo unha traída de auga para Cerdedo do río Seixo”, unha mina a ceo aberto foi aprobada en Presqueiras, o concello de Forcarei dá licencia para unha granxa de visóns e na biblioteca de Cerdedo a Longa noite de pedra non se visita dende o 97...
Eu, aberta en canal, latexo forte e ilusionada, destemida non sen medo, sabéndome dona das miñas decisións.
Recíbennos de corazón aberto. O importante é que saiban que non temos medo.
E mergúllome en min mesma. Garbosa, digna e feliz de nacer aquí, sei da xente boa que me rodea. Da beleza dos corazóns da comarca. Da xentileza que bate no peito de cada veciñ@ que bebe destes ríos. Mais si. Hai medo.
Medo ás diferentes, á diferencia, medo ao ser profundo, medo a non gardar as formas , medo á independencia, medo á interdependencia, medo ás mozas novas libres, e malfaladas, medo a descubrir de onde vimos e quen somos.
A recoñecernos no espello e querernos.
Ás veces o medo alíase para non deixarnos destapar a venda. Sexa en forma de enredos caciquís con condicións, sexa na forma que sexa... Probas, para ver de que lado queremos seguir xogando.
Sinto o medo.
Medo a que me deixen de aceptar, medo a que deixen de quererme.
Mais o lume que alampea xamais o veredes morto, e mesmo que o lado escuro tente en cubrirnos a vista, no calor das entrañas temos a forza das almas libres que con nós habitan, a serenidade da vella salvaxe que sabe falar co demo, e o amor infinito das lobas recén paridas por cada becho pequeno que amamantan. Non sen medo, mais con confianza infinita e amor forte petando no ventre, encomendome a Yoda e agradezo desde xa todas as aventuras que aí veñen.
Gracias.
E que a forza nos acompañe!
*24 de agosto de 2015, dia de San Bartolomeu. O demo andivo 1h solto.