Acordanza do crego cerdedés que, á fronte das alarmas de Montes, derrotou a impoñente cabalaría de Napoleón
Calros Solla
Baixo o pseudónimo Manuel Molina Mera, Amor Meilán dedícalle ao relixioso a súa ducentésima cudraxésima cuarta entrega da serie “Biografías gallegas”, publicada no xornal lugués La Voz de la Verdad do 8 de novembro de 1922, cento nove anos despois do seu pasamento.
Xacobe Miguez rexeu a freguesía de Tomonde dende setembro de 1794 até abril ou maio de 1812. Despois, faríase cargo da de Ribela (A Estrada). Amor Meilán describe o cura de Tomonde como unha persoa “de carácter enérgico, de grandísima influencia en el país, del que era natural, y dadivoso para toda causa generosa y grande” .
Polo cotobadés Salustiano Portela Pazos (O canón de pau, 1909-13), sabemos que as xurisdicións de Cotobade, Montes e Caldevergazo foron das primeiras na Galiza en levantarse en armas para repeler a invasión do exército napoleónico. Entre os adaís das alarmas montesas, Portela Pazos salienta a Alonso de Soto e Varela, párroco de Millerada (Forcarei), Luís Camiña e Xacobe Miguez, párroco de Tomonde.
Baseándome no relato de Portela Pazos, escribín en 2012 o artigo “Ecos da francesada en Terra de Montes”, incluído no libro As pedras da tribo. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo II (2014). Da peza xornalística (Faro de Vigo-Montes, 17-6-2012), extraio os seguintes parágrafos:
O día 19 de febreiro de 1809, a toque de campá, son convocados os guerrilleiros de Terra de Montes. “Armados de escopetas, fusís, chuzos, fouces, aixadas e paus”, participan no ataque ao destacamento francés que ocupaba a casa reitoral de San Xurxo de Sacos (capital da xurisdición de Cotobade). Vitoriosos, fan o propio cos destacamentos aloxados na reitoral de Borela e no mosteiro de Tenorio.
Coa intención de vingar a afronta, no seguinte día, abandonou os seus cuarteis en Pontevedra unha nutrida tropa de “dragóns” –a elite do exército galo–, ameazando con reducir todo a cinsas. Partidas de montañeses sáenlles ao paso, tendo lugar o cru enfrontamento de Santa Margarida, no arrabalde pontevedrés, e o non menos cruento combate das pontes de Bora (Cotobade), no que falecen, entre outros, Domingos Bugallo, da Vilalén, e Matías Rodríguez, do Barral (Tomonde-Cerdedo). Os de Montes, en prevendo futuras represalias, organizan a liña de defensa nas estremas da súa xurisdición, artillándoas cos celebres canóns de pau.
Creados por Napoleón, os Dragóns da Garda Imperial combateron, a pé ou a cabalo (infantaría montada), na Guerra da Independencia. Soldados todos eles rexos e acorporados, ataviábanse con casaca verde e casco dourado, ornado cunha crina negra de cabalo, e armábanse de sabre, pistola e carabina.
Amor Meilán precisa que, seguindo as ordes de Francisco Bermúdez de Castro, xuíz da xurisdición de Montes, o crego de Tomonde Xacobe Miguez “alarmou” os seus fregueses o 17 de febreiro, arengándoos para o combate. Ese mesmo día, Miguez reuniuse en Pedre cos máis ababes da xurisdición (Pedre, Morillas, Quireza, Castro e Cerdedo). Alí deseñouse a estratexia de ataque e nomeáronse caudillos ao propio Xacobe Miguez e a Xoan Manuel Gamallo, capelán de Quireza. O día 18, pola mañá, os milicianos da contorna, “armados en el mejor orden con escopetas, chuzos, hoces y espadas”, congregáronse no punto convindo, agardando infrutuosamente polas ordes do xeneral Pedro Caro y Sureda, marqués de la Romana (ou marqués das Romarías), a quen se lle dera parte.
Na anoitecida do día 18, aínda en Cerdedo, recibiron aviso de Gregorio Senra, cura de San Xurxo, advertíndoos de que as tropas francesas planeaban abandonar a casa reitoral de San Xurxo de Sacos (na que estaban acuarteladas) para internarse na comarca. Xacobe Miguez tomou a decisión de saírlles ao encontro. Na madrugada do día 19 de febreiro, os milicianos chegaron ás portas de San Xurxo de Sacos. Á vista do inimigo, Xacobe Miguez distribuíu estratexicamente os seus homes e, parlamentando co tenente comandante dos franceses, esixiulle a rendición incondicional.
De primeiras, o xefe dos dragóns menosprezou o continxente campesiño (“a primera vista, lo juzgó chacota o delirio de aldeanos abandonados a su infeliz suerte”), mais, decatándose da determinación dos opoñentes, que mesmo se apostaran en puntos elevados para lles cortar a fuxida, o franchute optou pola capitulación.
O coruñés Bernardo Barreiro de Vázquez Varela, xornalista, arquiveiro e historiador (1850-1904), salientou que o cura Miguez, a canda corenta paisanos, fora quen de desaloxar a reitoral de San Xurxo (hoxe, casa de turismo rural), prendendo así mesmo a vinte e cinco dragóns (Léase: Discurso leído en el Centro Gallego de Buenos-Ayres el 8 de junio de 1879, aniversario de la memorable batalla del Puente San Payo).
Xacobe Miguez ordenou poñer os prisioneiros ao coidado do marqués de la Romana que naquela altura, de cacho para cribo, acantonaba as súas tropas en Monterrei (Ourense).
Bernardo Barreiro engade que, tras o vitorioso episodio de Sacos, Xacobe Miguez uniu as súas forzas ás de Cotobade, saíndo triunfantes das refregas acaecidas na casa reitoral de Borela e no mosteiro de Tenorio, tomadas tamén polo exército invasor “y después de un tenaz combate, en donde los enemigos tienen que rendirse con muchas pérdidas”. Os leais a Miguez derrubaran a machadazos a porta do mosteiro. Na mañá do 20 de febreiro, Xacobe Miguez e os seus derrotan nas pontes de Bora “a un grueso cuerpo de caballería e infantería francesa que, después de dos horas de nutrido fuego”, acabaron baténdose en retirada, “dejando el campo teñido en sangre”. Ás dúas da tarde, un destacamento francés saíu de Pontevedra co obxectivo de facer prisioneiro ao cura Miguez, “pero después de un corto tiroteo con su partida, vense obligados a huir vergonzosamente”.
Ardidos e incansábeis, os de Montes participarán nos combates que propiciaron a liberación de Pontevedra, Vigo, Tui e máis alá.
O 21 de marzo, en vingatíbel acometida, unha columna de dragóns atravesou as aldeas de Folgoso, Cerdedo e Pedre. Consonte o relato popular, os franceses eran coñecedores da vitoria que, tempo esquecido, o padroeiro san Xoán colleitara fronte ao dragón, a besta recluída nunha cova do monte Sangal, coñecida polo Embigo do Becho. Deténdose as tropas inimigas no lugar de Cerdedo, un dragón apeouse do cabalo, subiu ao campanario do templo parroquial e, como resarcimento, guindou abaixo a escultura do Bautista e mais o año, obra do canteiro Xosé Neto (Léase: “Os dragóns da Terra do Medio”, en Ao saimento de nós. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo II, 2017).
O 29 de abril, as tropas francesas volveron cruzar Cerdedo, causando gran desfeita e mortaldade nas parroquias de Quireza, Castro (queima da capela de Filgueira), Folgoso e Ventoxo.
Engade Amor Meilán que o crego Xacobe Miguez “no recibió, ni solicitó tampoco, merced ni gracia alguna” pola súa lealdade e polos seus destemidos servizos, aínda que en Compostela as autoridades subxugadas puxeran prezo á súa cabeza por consideralo “factor de insurrección popular”. O 23 de abril de 1809, Pedro Bazán de Mendoza, director xeral da Policía da capital e provincia de Santiago e monicreque do mariscal Soult, declaraba a Xacobe Miguez (xunta outros seis relixiosos), proscrito e infame, deposto de todos os seus beneficios “y perpetuamente incapaz de obtener empleo, oficio ni honor alguno, con confiscación de todas sus temporalidades”. Pola contra, consideraría beneméritos da patria e merecentes dun cuantioso premio vitalicio “a los que entreguen al gobierno o a sus autoridades las personas vivas o muertas de los expresados”.
Xacobe Miguez faleceu o 31 de maio de 1813 en estrañas circunstancias. O abade de Tomonde, que saíra indemne do campo de batalla, acabou morrendo a mans duns vulgares facinorosos. Deste xeito o explicaba Amor Meilán:
Cuéntase que la noche anterior, saliéronle unos malhechores al camino, los cuales, valíendose de sacos de arena, moliéronle tan barbaramente que le dejaron casi sin vida. Magullado así, colocáronle sobre la yegua que montaba, la cual le condujo a la rectoral de Tomonde (cuyo economato desempeñaba nuestro sacerdote simultáneamente con la de Ribela), a donde llegó éste aún con vida suficiente para recibir los auxilios espirituales y manifestar sus deseos de recibir sepultura en su iglesia, como se hizo.
Así murió el perseguido a muerte por los franceses, el patriota arrojado y guerrero abad don Jacobo Míguez, hoy olvidado hasta de los mismos feligreses de Tomonde.
140 anos despois, o 19 de febreiro de 1949, o vespertino compostelán La Noche publicou en portada a lembranza dos feitos.
En xuño de 1954, Antonio Rodríguez Fraiz, cronista de Terra de Montes e natural de Tomonde, amentou a Xacobe Miguez na revista pontevedresa Spes.
Hogano, nós porfiamos contra a desmemoria, que galga Cerdedo coma antano fixeran os dragóns de la France.