Monte Seixo, Cerdedo (PONTEVEDRA), Sábado, 10 Setembro, 2016
Como ben di Calros Solla: O monte Seixo é a máxima expresión da serra do Cando, espiñazo enfesto da provincia de Pontevedra, na altura -por riba dos 900 m,- acaróanse as estremas dos concellos de Cerdedo, Forcarei, Cotobade e a Lama. Dende o curuto do Seixo, o outeiro do Coto, cumio localizado a 1015 m. de altitude, dexérganse os mares de Arousa, Pontevedra, Vigo e o “mar alto”, cando zoa a nortada, o Seixo convértese en privilexiado miradoiro, e o país amosa garrido tódolos seus horizontes.
Non é casualidade que un caprichoso afloramento granítico neste engaiolante monte Seixo, leve por nome Porta do Alén (Portalén), a el vincúlanse antigas ritualidades que tiñan por obxecto a conexión coa ultratumba.
A nosa Celebración-festeira, anunciadora de fe e galeguidade e reivindicadora do que é xusto, pero tamén de esperanza e campestre xantar, será a-carón da actual capela de Santa Mariña. As tradicións míticas de Santa Mariña do Incio (Lugo), Antela e Augasantas (Ourense), converxen no máxico crisol de Santa Mariña do Seixo (Pontevedra).
Esperámosvos a todas e todos nesta telúrica paraxe, tan humana e socialmente representativa da loita pola sobre-vivencia e a súa conservación.
- Sabede que se chega ao lugar da Celebración tanto en coche como en autobús, (sen problemas).
- No lugar da Celebración atoparemos á venda os textos da mesma, para poder seguila; tamén medallóns de Sargadelos, conmemorativos desta Romaxe, ademais de outros materiais de Irimia
- Contarase cunha tenda e toldo para degustar o polbo
- A música dos amigos da Quenlla, xunto con outras músicas do lugar, encherán o espazo na Celebración e na festa.
Horario da romaxe:
- 11:00 Acollida de romeiros (cun petisco)
- 12:00 Celebración “Romeiros do Alén”
- 14:00 Xantar campestre e solidario 16:00 Festa
- 18:30 Oración da tardiña en San Xurxo de Sacos, (Preparan as compañeiras/os de Vigo)
Programa Romaxe 2016 |