De galegos para galegos (dentro e fora de Galicia)
Zoel Otero Riveiro
Isto será feito en dúas partes: a primeira é esta, na cal falaremos do contido xornalístico e todo o relacionado. A segunda parte sobre este tema chegará na seguinte entrega, e nela afondaremos nos contidos xornalísticos do Emigrado dun xeito mais directo, mediante a análise de exemplares do xornal, dispoñibles en pdf grazas á Asociación Cultural Vagalumes no enderezo web https://www.tabeirosmontes.com/el-emigrado.html
Comecemos entón con esta metade inicial. Como xa dixemos nas dúas entregas anteriores, “El Emigrado” nace en 1920 e comeza a publicarse o 15 de Setembro dese ano, estando en circulación de xeito trimensual ata Decembro de 1940 co seu peche forzado pola circunstancias políticas da época, coa súa liña editorial evolucionando dende unha principalmente anti-caciquil e independente ata unha galeguista debido ás promesas fallidas de Primo de Rivera, coincidindo co punto álxido do Galeguismo.
Porén, a pesar de ter unha liña editorial e unha editorial marcadas, o obxectivo do Emigrado non era o de ser un mero panfleto ideolóxico coma outros xornais contemporáneos a el, senón que á vez de reivindicar o que pensaban o xornal tiña coma obxectivo informar ós estradenses do que ocorría tanto a nivel local coma nacional e internacional. Non so para os que vivían na propia Estrada, senón tamén para aqueles en América debido á emigración.
Por iso mesmo, “El Emigrado” contía novas locais, nacionais e internacionais e outras do ámbito arxentino, cubano ou uruguaio, entre outros moitos países. Cabe recordar a raíz disto que non so o nome do xornal e os seus contidos gardaban unha forte relación coa emigración senón que a súa financiamento principal proviña de dita clase emigrante, mediante a Asociación de Fillos da Estrada en Cuba.
Ademais do contido propiamente xornalístico, tamén podemos atopar nas páxinas do xornal relatos literarios. Os mais destacados son os “Contiños da Terra” de Manuel García Barros (Ken Keirades), que posteriormente foron publicados coma un libro propio. Tamén podemos ver textos de autores coma Manuel Cabada Vázquez ou o poeta de Guimarei Ramiro Alfonso Castro Dono, que fixeron do xornal un eixe difusor da cultura literaria local.
En canto á súa estrutura e configuración, o habitual no Emigrado era ver entre catro e seis páxinas por número. Cada páxina non publicitaria adoita ter catro columnas, así coma varios artigos e/ou seccións. Algunhas seccións fixas eran as “Municipaleras”, que informaban do acontecido na propia Estrada, ou sobretodo “Ecos de la ausencia”, que viñan sendo noticias do ámbito da emigración, estando moitas veces subseccionadas en base ó país de procedencia da información (“De Cuba”, “De Buenos Aires”, “De Francia”, “De la Argentina”...).
Tamén temos noticias parroquiais, tituladas dun xeito similar ás da emigración (“Desde Guimarei”; “Desde Rubín”, etc.), así coma unha sección de folletín e datos do rexistro civil (con nacementos, defuncións e casamentos). Os relatos literarios eran titulados
directamente co nome do relato e/ou da obra (ex. Os Contiños da Terra tiñan ese título e, subtitulado, o do contiño en cuestión), e eran practicamente o único contido escrito en Galego, coa gran maioría do Emigrado sendo publicado en castelán.
Finalmente, o peche do periódico era destinado a uso publicitario, con anuncios de todo tipo de produtos e servizos. Eran anuncios principalmente textuais, aínda que algúns tamén contiñan imaxe. E coma en todo o que contiña o xornal, tamén podemos apreciar publicidade destinada a aqueles estradenses residentes nas Américas (ex. Xastrería “Los Indios” en Havana no número do 30 de Setembro de 1921).
Con isto rematamos a primeira metade desta análise dos contidos xornalísticos do emigrado. Continuaremos na seguinte entrega cunha análise de varios dos exemplares do Emigrado, e comprobaremos como se reflicte o explicado nestas liñas e a evolución que se da dende o comezo do Emigrado ata o seu peche vinte anos despois, entre outros asuntos.
A evolución do Emigrado, plasmada nos seus exemplares.
xornalísticos pero tamén botando un vistazo ó resto de seccións. Nesta entrega, continuaremos a indagar neste aspecto; porén, farémolo sobre o terreo, e veremos varios exemplares do Emigrado para ver que contía cada un, a súa estrutura e, sobretodo, a evolución do xornal e a influenza que tiveron as circunstancias históricas sobre el.
Os exemplares que veremos son copias dixitalizadas do sitio (enlace) no cal se poden atopar a maioría de números do Emigrado grazas á labor da Asociación Cultural Vagalumes.
Dito isto comecemos a análise co primeiro número do emigrado, o do 15 de Setembro de 1920 (enlace:
https://www.tabeirosmontes.com/uploads/1/9/6/2/19629509/el_emigrado_001-170.ocr.pdf). Co subtítulo de “periódico independente”, Podemos ver enriba de todo a indicación de que é o primeiro ano de existencia, así coma o prezo na Estrada, no resto de España e no estranxeiro, así coma a data, número de exemplar (1, obviamente) e a dirección da sede do Emigrado, no número 18 da Calle Riestra (actualmente Rúa Calvo Sotelo).
O primeiro que observamos no propio contido é a presentación do xornal, na que indica que son os emigrantes da Estrada e na que se comprometen a defender a súa terra natal e, particularmente, ó sector agrario local. Seguido disto, podemos atopar un pequeno manual de elaboración de sidra e un artigo no que se ataca á Compañía transatlántica francesa polo seu mal servizo e prezos desorbitados, así coma outro denunciando a venta clandestina de tabaco. Tras unha crónica da sesión do 29 de Agosto da asemblea da Federación Sindical Agrícola do Concello estradense.
Finalmente, tras a sección de publicidade, podemos ver na cuarta e última páxina unha carta dirixida ó alcalde do pobo protestando pola suba do prezo da carne, así coma un artigo pedindo o indulto dun mozo local condenado a morte e unha sección de noticias sobre varios tópicos, coma emigración, traslados e sucesos varios.
O seguinte exemplar é o número 69, do 16 de Outubro de 1922 (enlace).
Tras unha cabeceira moi similar a de dous anos antes, o exemplar abre destacando o aniversario número 430 da chegada de Colón (a quen Bernardo Godoy define coma galego no artigo) a América, seguida dunha carta da Sociedade de fillos da Estrada en Cuba celebrando o éxito das exposicións para escolares, á vez que condenando a aqueles que decidiron ir ás exposicións para molestar. A páxina finaliza cunha oda de “As roladas” ó traballo labrego.
Na segunda páxina atopamos xa dúas das seccións destacadas do Emigrado, como son os “Ecos da ausencia” e os “Contiños da Terra” de García Barros, así coma un anuncio e a crónica do último pleno municipal; tras outro anuncio xa na terceira páxina, a inmensa maioría das páxinas 3 e 4 a ocupa a crónica por parte de García Barros dunha festa en Tabeirós, da que ademais de falar da festa en si menciónanse a varios dos asistentes destacados e a premios dados nunha comida posterior.
Tras un anuncio dunha venta dunha finca, podemos ver no resto desta 4ª páxina unha sección de noticias de diferentes aldeas do municipio (destacando o falecemento dun correspondente do xornal) e os datos do rexistro civil, separados por un anuncio dun alugueiro.
Finalmente, a 5ª e última páxina e destinada na súa totalidade a ser un espazo publicitario.
Finalmente, veremos os exemplares 570 e 593, o primeiro do 16 de Xullo de 1936 e o segundo do 16 de Marzo do ano seguinte
Podemos ver neles unha larga evolución con respecto ós números dos primeiros anos, co título estilizado doutra forma, un subtítulo diferente e simplemente o ano de impresión, a data e o número (co prezo e dirección da sede na última páxina), ademais dunha estrutura xeral mais clara, sen páxina publicitaria e véndose dun xeito mais claro e uniforme os títulos das seccións.
Ademais, podemos ver coma desapareceron seccións coma os “Ecos da ausencia” ou os relatos literarios en favor dun enfoque mais xornalístico.
Porén, gustaríame destacar aquí o gran contraste de liña editorial que se da entre os dous números, debido o Golpe militar do 18 de Xullo do 36, que fai desaparecer a sección de “Rexoubas” de García Barros e substitúe o contido en favor do Estatuto de Autonomía por outro enxalzando ó novo réxime e a Franco sen atisbo de opinión política aparte diso, o que reflexa á perfección a censura que vive o xornal nos seus últimos días, e que acaba por provocar a súa desaparición tres anos despois.
Con isto finalizamos os contidos xornalísticos. Na próxima entrega afondaremos mais nos aspectos formais do Emigrado, os cales xa avanzamos un pouco a semana pasada, e finalmente na sexta e última entrega falaremos daqueles que fixeron posible a existencia do xornal.
O equipo detrás de “El emigrado”
Chega a fin desta investigación sobre “El Emigrado”, o maior xornal da historia da Estrada. E farémolo cunha entrega dedicada a aqueles que o fixeron posible, á xente que dedicou o seu tempo e recursos para que o xornal cobrase vida e estivese en publicación durante 20 anos. Sen mais dilación, comecemos!
Para empezar a falar do equipo do Emigrado, o necesario é falar dos irmáns Matalobos Loureiro, Albino e Máximo. E é que son eles dous a figura base para comprender a súa existencia, xa que son eles quen, mediante a Asociación de fillos da Estrada en Cuba proporcionan a financiamento necesaria para o establecemento do Emigrado, o que lles converte nos seus fundadores.
Gracias a este diñeiro, durante os seguintes vinte anos temos na Estrada un medio de comunicación que se erixe coma o pai da prensa do municipio, cunha existencia mais longa ca ningún outro medio de comunicación neste e dándolle a oportunidade de escribir a varios dos grandes da literatura e do galeguismo da época, tanto de orixe local coma de fora da Estrada. Entre moitos outros, autores coma Manuel Cabada Vázquez, Antón Losada Diéguez, Vilar Ponte ou Vicente Risco dotan de contido ás páxinas do Emigrado en ó menos unha ocasión.
O mais destacado destes autores é Manuel García Barros, “Ken Keirades”, que é un dos xornalistas principais do periódico. Fai tanto contido xornalístico, coma crónicas, coma relatos literarios, entre os que debemos destacar os “Contiños da Terra”, que coma o seu nome indica son relatos de carácter costumista sobre a vida en Galicia. Posteriormente,
estes relatos serían publicados nun libro do mesmo nome, coa primeira edición vendo a luz o 3 de Abril de 1931 grazas á editorial Nós. Posteriormente, MGB conta coa súa propia columna no xornal, “Rexoubas”, que existe ata o Golpe de Estado de 1936.
A dirección do xornal está ocupada durante estes vinte anos por catro persoas. Porén, ningún deles supera en importancia e repercusión á que é a figura mais importante de todo o relacionado con “El Emigrado”, Xosé Otero Abelleira. Otero Abelleira ocupa o cargo en dúas ocasións, a primeira dende 1920 ata 1932, e tras o alzamento militar de catro anos despois ata a defunción do xornal. Isto faino o primeiro e último director do Emigrado, ademais do que mais tempo estivo no cargo. Ademais, foi concelleiro e directivo dos partidos políticos Centro Republicano, Partido Republicano Gallego e Acción Republicana.
Xosé Otero Abelleira
Porén, esta non é a súa única función no proxecto, e é que ademais Otero Abelleira é o encargado de todo o relacionado co deseño e maquetación do xornal, e a partires de 1929 tamén o seu impresor grazas á libraría e imprenta “La Artística”, da que é o propietario. O compromiso desta figura so é roto pola represión franquista, que lle custa a súa liberdade en Xaneiro de 1939, debido supostamente a uns cromos do escaparate da Artística, na que España aparecía representada pola bandeira da 2ª república.
A pesar de lograr recuperar a súa liberdade e conservar a súa vida, o trauma que lle produce o encarceramento e o medo a ser encerrado permanentemente ou fusilado tanto a el coma a súa familia faille tomar a decisión de non continuar loitando polo Emigrado, que pecha en Decembro de 1940. En 1953, “La Artística” pasa a ser unicamente unha libraría, e Otero Abelleira falece 26 anos despois en 1979, xa na etapa política actual pero antes do recoñecemento da autonomía galega. A pesar de vivir a totalidade do Franquismo e sufrilo en primeira persoa, as súas ideas non cambian, e continuou interesado pola literatura en galego, así coma en recordar a figura da República.
Os outros tres directores foron José Fernández da Ponte, José María Sánchez Brea e Manuel Durán Durán, co exilio deste último no 36 á vez que se arresta a García Barros forzando o regreso de Otero Abelleira á dirección. Tamén escribiron no Emigrado directores doutros medios de ideoloxías similares, coma Manuel Brea Abades, director de "Estrada Republicana", ou o mesmo “Ken Keirades”, que dirixía o xornal “El Estradense”.
Placa en homenaxe ó Emigrado, erixida en Outubro Para acabar, cabe destacar a figura dos
de 2020 na homenaxe de Vagalumes ó xornal (Crédito: Tabeirós Montes)
cronistas locais. E é que estes eran a esencia do Emigrado, informando dende os lugares nos
que se atopaban, fosen estes Codeseda, Guimarei, Toedo, Cuba, Uruguay ou a Arxentina. Todo isto coa fin do xornal, que era a de informar ós estradenses do seu ámbito local,
tanto para aqueles que vivían no municipio coma para os que estaban fora, para os emigrados.
E aquí finaliza a derradeira entrega e, con ela, este proxecto. Foi un gran pracer informarse e á vez informarvos do que foi este xornal, e do que significou no meu municipio natal. Aínda que me pase do tamaño recomendado, debo agradecer de novo á Asociación Cultural Vagalumes, a cal fixo unha grandísima labor para manter viva a figura do Emigrado, e que facilitou unha ferramenta coma a dos números dixitalizados que foi de grande utilidade para a miña investigación. E concretamente debo agradecer a súa axuda a Marcos Borrageros, estudante de Historia na USC e membro da asociación, que me fixo a gran favor de responder ás miñas dúbidas, e cuxa información foi crucial para as seis entregas que elaborei este cuatrimestre.
“El Emigrado”, o maior xornal estradense
Porén, o máis destacado de todos eles foi o xornal “El Emigrado”. Este xornal foi fundado en Setembro de 1920 e deixou de ser publicado en Decembro de 1940, sendo por número de anos o xornal máis lonxevo da historia do municipio. Nas próximas semanas, “El Emigrado” será obxecto de investigación neste blogue, no que afondaremos na súa ideoloxía, contidos xornalísticos e formais e en quen o fixo posible.
A modo de introdución, esta semana falaremos do contexto no cal este xornal, fundado polos irmáns Matalobos Loureiro e financiado pola Sociedade de fillos da Estrada en Cuba, cobrou vida.
O gran tópico a explicar ó falar do contexto de “El emigrado” é o do caciquismo, xa que A Estrada veuse afectada polo Marqués de Riestra, que constantemente amaña as eleccións no distrito do Concello para saír vitorioso. O xornal oponse a estas tácticas, sendo o anti-caciquismo a súa principal posición dende a súa orixe.
A nivel nacional houbo unha gran inestabilidade nestes anos. Os anos 20 comezaron nun sistema político liberal e parlamentario, pero a crise territorial e o descontento dos militares provocou en 1923 un Golpe de Estado que implantou unha ditadura militar a cargo do Xeneral Primo de Rivera.
O novo Goberno promete orixinalmente solucións contra a política caciquil; porén, non só incumpre a súa promesa senón que ataca ás publicacións en Galego, así coma persoalmente a varias das persoas que traballan en “El Emigrado”, coma ó seu primeiro director Xosé Otero Abelleira. Isto causa que o xornal experimente unha evolución cara a unha posición galeguista, coincidindo cun dos grandes períodos literarios e políticos desta ideoloxía.
Isto débese principalmente a figuras coma a das Irmandades da fala, a da Xeración do 25 e a do Grupo Nós, este último con figuras da talla de Otero Pedrayo, Risco e Castelao. Estes grupos tiveron medios de comunicación propios, coma a revista “Nós”, “A Nosa terra (medio oficial das Irmandades e do Partido Galeguista”)”, e diversos xornais coma pode ser o caso do pontevedrés “El País”, o vigués “El Pueblo Gallego” ou por suposto “El Emigrado” en A Estrada.
O réxime de Primo de Rivera durou sete anos, experimentando unha caída progresiva da súa popularidade ata que problemas de saúde provocaron a dimisión de Primo de Rivera a comezos de 1930. En Abril de 1931 proclamouse a 2ª República Española.
Este período de tempo caracterizouse por unha gran polarización entre as forzas de esquerdas e de dereitas, con numerosos episodios violentos durante os 6 anos de República. A nivel político, a tónica xeral consistiría en que un lado faría reformas que na súa maioría serían desfeitas case na súa totalidade polo outro cando se dera un cambio de Goberno.
Tamén creceron os nacionalismos rexionais. O Estatuto de Autonomía catalán foi aprobado en 1932, seguido do vasco en 1936. En Galicia tamén foi promovido un Estatuto de Autonomía, que foi defendido entre outros por “El Emigrado”, e que sería aprobado en referendo o 28 de Xuño de 1936. Porén, a Guerra Civil e discrepanzas políticas ocasionaron que o Estatuto nunca tivera vixencia real.
O estalido da Guerra Civil causaría o final da 2ª República e a instauración do Franquismo, ocasionando así a fin da Era Dourada do Galeguismo e o exilio, encarceramento ou fusilamento da maioría das súas figuras destacadas. “El Emigrado” publicaríase ata Decembro de 1940. Porén, tanto o xornal coma os seus xornalistas sofren da represión franquista e a súa fin dase nun contexto no cal a liberdade de prensa brilla pola súa ausencia.
A pesar disto, “El Emigrado” é considerado parte da historia da Estrada, ó ser o pai do xornalismo local ademais dunha canle de comunicación entre o municipio e a súa emigración, así coma un medio para que escritores locais da talla de Manuel García Barros, Manuel Cabada Vázquez ou Antón Losada Diéguez publicasen o seu traballo.
Aquí finaliza a entrega inicial deste proxecto. Se vos gustou, podedes volver a próxima semana para a 2ª parte e/ou ver outros traballos similares neste blogue.
A evolución do formato de “El Emigrado”
Porén, nesta ocasión non son un tema secundario dentro do artigo, senón o seu foco principal. Polo que sen mais dilación comencemos falando das características que se manteñen constantes ó largo dos 20 anos de existencia de “El Emigrado”. Estas son principalmente o número de páxinas e a estrutura básica delas, xa que o habitual é que os números tivesen un número de páxinas pequeno, habitualmente catro pero pudiendo exceder dito número, tendo 6 páxinas en moitos números.
Ademais, as páxinas informativas están compostas de catro columnas, todas cas mesmas proporcións de altura e anchura (a menos que houbera unha noticia destacada, xeralmente na primeira páxina, ou fose engadido algún anuncio ou dato institucional que rompera co patrón, coma o anuncio de “La casa rey” nos primeiros números xusto antes da páxina publicitaria ou o do Banco Pastor na segunda páxina nos derradeiros anos), co titular de cada contido exercendo de separador.
O xornal reservaba sempre un espazo so para publicidade, aínda que esta fose incluída tamén fora deste espazo (escrita habitualmente do mesmo xeito ca unha noticia ou relato). É aquí cando comezan as diferencias entre os primeiros números e os finais, xa que dende 1920 ata 1932 había unha páxina ó final de cada número adicada so a publicidade, cun deseño que consistía en que os anuncios estaban pegados, co tamaño de cada un variando en función da extensión.
Sen embargo, a partir de fins do 32 esa páxina vai perdendo a súa cantidade de anuncios e en Xullo de 1936 ese espazo consiste unicamente da segunda metade da penúltima páxina. Isto non quere dicir que a publicidade do xornal descenda, senón que agora está mais repartida ó longo do xornal, con anuncios na maioría ou na totalidade das páxinas.
Entre os anunciantes dos últimos anos destacan ademais do xa mencionado Banco Pastor Casa Picans e o bar “La Puerta del Sol” fora das páxinas publicitarias, Porén, o anunciante mais destacado é Pío Losada, a quen podemos atopar na sección publicitaria de practicamente todos os números do xornal, primeiro coma propietario dunha sombreirería e despois coma procurador.
A última páxina experimenta deste xeito un cambio na súa composición, e a mediados dos anos 30 a última páxina é reconvertida nunha páxina mais, co título do xornal e aqueles datos sobre el que non eran incluídos na portada (a dirección da sede e os prezos de subscrición, que eran de 4,8 pesetas na comarca local de Tabeirós-Terra de montes, 8 no resto de España e 14 fora do noso país). En canto ós seus contidos, estes eran de todo tipo, dende reivindicacións ideolóxicas ata prezos no mercado de Abastos pasando por anuncios.
Xa para finalizar, destacar que ao igual que ocorre nos contidos xornalísticos o estalido da Guerra Civil e implementación inmediata no caso de Galicia do réxime militar inflúe enormemente nos últimos anos de vida do Emigrado. Deste xeito, “El Emigrado” vese obrigado a meter nas súas páxinas contido pro-Bando Nacional, coma propaganda de diverso tipo e un ensalzamento constante no contido e a censura de autores coma García-Barros (cuxa sección destacada de Rexoubas desaparece).
Finalmente, falaremos do principio. E é que durante a maior parte da súa historia a cabeceira de portada do Emigrado consistía do seu título en maiúsculas cun subtítulo (tamén en maiúscula) dos varios empregados ó longo da súa historia e unha fila con escritura normal formada de cinco columnas con (de esquerda a dereita) o ano de existencia (Ano I=1920), os diferentes prezos de subscrición, a frecuencia de publicación e (na mesma columna, dividida en dúas filas) a data de publicación; a dirección da sede do xornal e o número do exemplar. Porén, nos seus últimos anos o titular pasa a ser escrito en minúsculas, e a fila pasa de ser de tres columnas (ano de existencia, data e nº de exemplar), coa última páxina tendo un título en maiúscula e a dirección e prezos de subscrición.
Con isto chegamos á fin desta entrega. Para ver os números dixitalizados do Emigrado de novo destacar á páxina web https://www.tabeirosmontes.com/el-emigrado.html e á Galiciana. Volveremos na próxima entrega para despedir este proxecto con aqueles que fixeron posible ter un periódico na Estrada durante dúas décadas.
Para informar e reivindicar
Coma xa se veu na primeira publicación deste proxecto, “El Emigrado” nace no ano 1920, e comeza a publicarse o 15 de Setembro dese mesmo ano. A financiación do xornal ven da man da Asociación de Fillos da Estrada en Cuba, e dentro dela dos irmáns Matalobos Loureiro, Albino e Máximo, que fundan un periódico que pretende informar de maneira libre e independente, coma indica o seu subtítulo de “Periódico Independiente”. O primeiro director do xornal é Xosé Otero Abelleira.
O seu obxectivo principal era informar do que sucedía na Estrada e, á vez, establecer un vínculo comunicativo entre A Estrada e os estradenses que emigraron. Ademais disto, a Asociación de Fillos da Estrada en Cuba foi tamén responsable, coma o resto de asociacións de emigrados, de difundir os avances tecnolóxicos e diferentes innovacións que se daban no mundo agrícola, algo que se fixo a través del “El Emigrado”.
A súa publicación era trimensual. Concretamente, o habitual era que se publicase os días 7 e 16 de cada mes, así coma o último día do mes, a un prezo de dez céntimos por exemplar. A totalidade dos seus números atópase dixitalizado no portal Tabeirós Montes, no que colabora a Asociación Cultural Vagalumes, responsable dunha gran cantidade de contido en prol de recordar ó xornal: https://www.tabeirosmontes.com/el-emigrado.html
A nivel político, o xornal tiña unha finalidade clara de loitar con firmeza fronte ó caciquismo, característico da Restauración borbónica xunto ós pucherazos electorais e, en xeral, a manipulación dun sistema teoricamente democrático por parte das elites a través dos dous partidos principais, o Partido Conservador de Cánovas del Castillo e o Partido Progresista de Mateo Sagasta.
En A Estrada, o principal cacique é o Marqués de Riestra, que mediante un xogo de influenzas e fraudes electorais gaña as eleccións a deputado. Fronte a isto e a xornais que defenden a estes persoeiros, coma “Voz del pueblo” e “La palanca”, xorde o Emigrado, así coma outros xornais coma “El Estradense”, “Eco Estradense” e “Estrada Republicana”.
Estes xornais colaboran entre eles en prol dos seus obxectivos comúns, contando o Emigrado coa presenza dos directores de “El Estradense” e “Estrada Republicana” en Manuel García Barros e Manuel Brea Abades, respectivamente. Este primeiro publicaría no xornal tamén varias das súas obras literarias, coma é o caso dos “Contiños da Terra” que acabarían por publicarse nun libro no ano 1930.
A medida que avanzaron os anos, o Emigrado evolucionou cara a unha posición galeguista. Isto débese, coma se explicou na entrega inicial, a unha evolución na súa posición anti-caciquil, así coma á falsa promesa de Primo de Rivera de formar unha Mancomunidade de Diputacións para frear o caciquismo, sumado a unha represión do galego e da liberdade de expresión.
Esta evolución provocou que no xornal escribiran varios dos escritores galeguistas mais destacados deste tempo, coma Antón Vilar Ponte, Antón Losada Diéguez e incluso Vicente Risco. “El Emigrado” apoiou o Estatuto de autonomía galego de 1936. Porén, é neste ano no cal estala a Guerra Civil e se instaura un réxime militar que exerce unha fortísima censura e represión contra todo o relacionado co galeguismo e protestas anti- caciquís.
Isto, sumado ó exilio forzado do director do Emigrado nese momento, Manuel Durán Durán, ademais das detencións e persecucións á maioría de colaboradores do periódico, coma é o caso entre outros dos xa mencionados García Barros e Otero Abelleira (que volve a dirixir o Emigrado tras o exilio de Durán Durán), fai imposible a publicación de “El Emigrado” e, tras vinte anos, o xornal pecha o 16 de Decembro de 1940.
Aquí remata a segunda entrega deste proxecto. Quería agradecer persoalmente a Marcos Borrageros, estudante de Historia na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Asociación Cultural Vagalumes, que me foi de gran axuda para esta e para as entregas restantes do traballo, aportándome unha gran cantidade de información acerca de “El Emigrado” e da súa historia. Podedes seguir a Marcos en Instagram, Twitter e Facebook, e a Vagalumes nesta última rede. Vémonos na próxima entrega para comenzar a afondar nos contidos xornalísticos do Emigrado.
* Traballo de investigación para a Facultade de Xornalismo sobre o xornal "El Emigrado"