A ponte dos Portamuíños de Cerdedo ameaza con virse abaixo. O colectivo Capitán Gosende xa advertira hai dous anos do mal estado da construción
Esta ponte de pedra, de tres ollos, sen peitorís e taboleiro recto sobre dous piares de cabezas arredondadas (tallamares), mandouse construír en xullo de 1933, cadrando na alcaldía Antonio Sueiro Cadavide, alcalde republicano de Cerdedo (El Pueblo Gallego, 18-8-1933).
A ponte dos Portamuíños é un dos elementos arquitectónicos vinculados ao Roteiro Sarmiento, iniciativa cultural que, integrando a asociación Verbo Xido, encargueime de deseñar no ano 2002 (Ano Sarmiento). Así mesmo, a ponte dos Portamuíños é paso obrigado para os camiñantes da denominada Ruta Cavenca-Cavadosa.
En outubro de 2018, o colectivo Capitán Gosende xa advertira do desprazamento dun perpiaño do tallamar e dun cachote dos alicerces nun dos piares da ponte: “De face á corrente, un dos piares presenta grave desprazamento de dúas pezas de sostemento e perda de elementos sustentantes” (Tabeirós-Montes, 11-10-2018).
Co gallo do Roteiro literario-etnográfico que, promovido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e mais a Deputación de Pontevedra, tiven a honra de guiar hai unhas semanas en Cerdedo, volvemos atravesar a ponte dos Portamuíños, camiño das Raposeiras. Decatámonos entón de que, por mor das enchentes, os desperfectos na ponte aumentaran considerabelmente, até pór en serio perigo a estabilidade da construción e, por tal, a integridade dos transeúntes.
A día de hoxe, a corrente do río levou por diante, nun dos piares, un dos catro perpiaños que formaban o tallamar arredondado e, por debaixo deles, o primeiro elemento da cachotaría dos alicerces. No outro piar, a auga moveu do seu asento un dos cachotes dos alicerces, comprometendo a estabilidade dos perpiaños do tallamar.
O perpiaño do tallamar e o cachote dos alicerces agardan no leito do río pola súa (confiemos) pronta recolocación. Escusamos dicir que temos o inverno enriba.
O colectivo Capitán Gosende agoira que, de o concello non actuar con dilixencia, no seguinte artigo que lle dediquemos á ponte dos Portamuíños certificarase o seu derrubamento.
Malia ser moita a urxencia, prégaselles aos responsábeis municipais que a avaría da ponte non sexa arranxada cun remendo de formigón.
Non desaproveitaremos a oportunidade para seguir reclamando das institucións as necesarias tarefas de consolidación e/ou limpeza nas pontes medievais de Pedre e Parada, sobre o río Lérez; e nas pontes republicanas de Arén e Limeres, sobre o río do Castro e das Cervas, respectivamente. Urxe actuar sen demora nas pontes históricas de Cerdedo, para non ter que escoitar no adro aquilo de “a burro morto, cebada ao rabo”.