Marcos Borrageros
A estación, que conta con ata 6 paneis dispostos nun afloramento de xisto, semella que tivo os seus inicios no Calcolítico ou no Bronce Inicial (fai uns 5.000 anos) e mantívose en uso ata a modernidade, testemuñando apresenza ritual das sociedades prehistóricas que soubo sobrevivir as súas civilizacións a través da adaptación a novos cultos e mensaxes. Após un achegamento inicial ao xacemento, axiña soubemos da variedade de rexistros pictóricos que se acugulan na rocha e que se diversifican na forma de coviñas, motivos circulares e inscricións cruciformes que, dalgún xeito, veñen a corresponderse coas representacións máis habituais no mundo dos petróglifos galegos e nos sitúan no panorama cultural do Grupo Galaico da Arte Rupestre.
Cómpre destacar, iso si, a presenza de dous motivos menos frecuentes na arte rupestre do interior e que dan conta da importancia desta estación prehistórica. O primeiro, a forma erosionada dunha posible alabarda, que nos leva á representación do mundo armamentístico da Idade do Bronce e que ten outros paralelos no solo galego ao apareceren representadas con puñais, espadas curtas e escudos en xacementos da zona costeira e meridional da provincia pontevedresa. Por outra banda, destacamos a representación dunha figura barquiforme que, agora si, resulta destacable por mor da súa aliñación co Pico Sacro e que suxire diversas interpretacións sobre a súa advocación ao astro solar ou lunar dacordo coa forma do seu pano e a súa orientación .
Finalmente, reparamos ante a presenza doutro panel do mesmo conxunto cunha cronoloxía moi posterior. Trátase dunha inscrición romana, probablemente dos comezos da colonización da Gallaecia que, segundo o especialista JM Abascal Palazón, reza o seguinte: "Arcisus T(itus) Aulius Diân<a>e ex visu a(nimo) l(ibens) p(osuit)". É dicir, Titus Aulius realizou libremente esta dedicación para Diana como consecuencia dunha visión.
A realización deste tipo de inscricións non debe sorprendernos, posto que a deidade Diana aparece con certa frecuencia neste tipo de espazos de monte e ríos. Mais interesante resulta a comprensión do espazo no seu conxunto, así como as distintas pervivencias culturais que se imbricaron nun mesmo panel pétreo, completando así unha longa singladura de cultos relacionados coa terra, os astros e a auga. Para nós, cando o sol comezaba a esconderse polo oeste, aínda quedou unha rápida visita ao Castro Valente antes de poñer fin a esta andaina que, como pouco, debera servir para comprendermos dun xeito mais profundo a importancia da conservación deste tipo de bens patrimoniais, así como un maior énfase nas labores de divulgación que colectivos como a Rula levan a cabo para que o pasado da nosa cultura poida seguir formando parte do futuro.
Máis información sobre o xacemento: