Desde o Colectivo Feminista estamos ultimando a xestión do transporte co Concello por medio do CIM (Centro de Información á Muller). Contamos cun autobús que sairá o domingo 3 ás 9:30 da mañá da Estación de Autobuses, para acudir nel só é preciso inscribirse no correo electrónico do colectivo [email protected] ou no propio CIM ([email protected]s) ata o venres (ou ata cubrir todas as prazas)..
Así mesmo , ademais de a participar neste acto festivo de reivindicación, ao que convidamos a toda a sociedade, tamén facemos un chamamento a participar da folga de coidados, de consumo, estudantil e laboral que está convocada para a xornada do 8 de marzo. Nos vindeiros días realizaremos a distribución de información sobre a folga, tamén podedes consultar na web www.galegas8M.gal.
No ámbito laboral a CIG ten convocada Folga Xeral de Mulleres de 24 horas. A mobilización central da CIG na comarca será ás 12 horas na Praza do Mercado da Estrada. Para facilitar a asistencia das mulleres do resto das localidades sairá un autobús de Lalín as 11 horas dende o Concello e con parada en Silleda. Para mais información poñerse en contacto cos locais da CIG e polo correo electrónico [email protected]
Desde o pasado 8 de marzo, non se abriu proceso algún que levase a mudanzas concretas,nin se recolleron as reivindicacións e demandas para que as mulleres teñamos vidas dignas, nin por parte do goberno galego nin do goberno do estado. Todo o contrario, asistimos a un rearme do patriarcado, con sentenzas machistas que espallaron a sensación de impunidade e multiplicaron as agresións, asistimos a cuestionamentos públicos por parte da dereita máis reaccionaria contra as lexislacións de igualdade, novamente contra os dereitos reprodutivos, cuestionando o dereito ás pensións públicas, o dereito á conciliación, negando a fenda salarial.
Unha folga para denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos, mais tamén para desmontar e denunciar a hipocrisía e a falsidade coa que se trata a problemática específica das mulleres tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema.