Cúmprense 90 anos desde que Castelao acudiu en peregrinación até este lugar no 1924, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o “Alba de gloria”, discurso de celebración do día da patria galega. Para el era un lugar no que a resistencia do terreo a ser estepa, inspiraba a quen acreditaba en que o noso ser diferencial non ía ser borrado pola enxurrada reaccionario de entón. Por iso queremos render homenaxe a Castelao as asociacións culturais galegas porque queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura.
Por iso este ano 2014, nun contexto agravado pola dedicación das letras galegas a un membro dun réxime que pretendeu exterminalas, volvemos un ano máis a dar lectura ao Alba de Gloria no Pico. O programa deste ano quedaría como segue:
- 12. 00h. Benvida a cargo do escritor Xosé Luís Santos Cabanas e subida ao cumio do Pico Sacro (o último treito)
- 12:30h. Izado da bandeira por 2 membros da Asociación Cultural "Vagalumes" de A Estrada. Actuación do gaiteiro nubeiro Raúl Galego. Lectura de Alba Gloria de Castelao por parte dun representante da A.C. O Galo de Santiago, Marisa Otero da Asoc. Sennunpeso de Vedra, Maria Xosé Sánchez Sebio veciña de Codeso (Boqueixón) e Yolanda Aldrey da Asoc. de A Granxa do Pico Sacro.
- 13h. Roteiro guiado ao redor do Pico Sagro comentando a súa historia, valor natural e paisaxístico. e para ollar as súas furnas.
- 13:45h. Actuación dos cantautores Mini e Mero no atrio da capela do Pico Sagro
- 14:45h. Xantar en Casa Castro en Sergude E necesario anotarse antes do 18-07-2014 aquí
- 16:30h.: Saída desde Casa Castro en Sergude para ir a aldea de S. PAIO
- 16:45h SAN.PAIO – DONAS
- 19:00h DONAS - LADEIRA DO PICO SACRO: Desprazamento nos automóbiles
- 19:45h CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO PICO SACRO
Complétase o roteiro neste centro situado na antiga Casa do Cura de Lestedeo e que tamén abren para nos. Nel achegarémonos ao ecosistema, e a historia e cultura das Terras do Pico Sacro e do Val do Ulla. Ligazóns 1, 2 e 3.
Con mal tempo, a visita guiada farase só en coches e unicamente veremos o interior da igrexa de A Granxa e o Centro de Interpretación do Pico Sacro.
Pódese asistir a toda, ou a parte desta actividade que organiza a Federación Galiza Cultura a través da Agrupación Cultural O Galo e A. C. Vagalumes e coa colaboración de asociación e veciños das parroquias do Ulla, que tamén deste xeito queren revalorizar o seu patrimonio e lembrar a forte vinculación de Castelao con esta terra.