Manuel Cabada Castro
Quen son –pregúntanse algúns- os responsábeis deste fatídico xogo, deste engano, desta fraude a grande escala? Va e oca cuestión, pois todos puxemos nel en realidade, dun ou doutro xeito, as nosas mans, aínda que nisto seguramente uns teñan máis que ver ca outros. Nunha terra e nun cosmos estreitamente conectados somos todos nalgunha medida responsábeis de canto ocorre.
Velaí agora, porén, o intre dunha máis decidida e leal colaboración mutua entre os pobos e culturas do mundo. Velaí a necesidade de profetas e pensadores lúcidos, máis ca de políticos oportunistas que só semellan se buscaren a si mesmos. Velaquí a urxencia de coidarmos a nai terra, o mar irmán, os nosos ríos e regueiros cantareiros e mailo antigo lustre das estrelas que os nosos fumes hai tempo esborrallaron. Velaquí o intre do valor da poesía, da amizade, da proximidade e do respecto. Do amor pola beleza e a xustiza. Do ímpeto a prol da igualdade entre as linguas ou as culturas, pois en modo algún deberiamos falar delas como grandes ou pequenas, como emperatrices ou escravas. Velaquí a necesaria e xusta loita a prol da igualdade de oportunidades tanto nos países ricos coma naqueles que estes hai tempo empobreceron ou depauperaron, deixándoos así logo á súa sorte.
Laboura ampla e longa, xa que logo, e decidida a prol da vida e do porvir das novas xeracións, que con razón non son quen de comprender como as súas esperanzas e horizontes se puideron acurtar ou apagar de xeito tan abrupto e inesperado. Instaláronse así as dúbidas e a roda do vivir volveu unha vez máis amosar a súa ambigua e bifronte face.
Mais a vida é sempre misteriosa e sorprendente, exposta ó caos e levada porén da man da espera e da esperanza. Revive ela co agarimo e coa amizade e sabe ó tempo ser cauta ante ameazas, desencontros e trasacordos. Non é, porén, o vivir endexamais algo sabido, nin tampouco se aprende sen máis a súa arte en sentencias escritas e sabias doutros tempos. Pois vivir é sempre con-vivir. Sen a presenza dos outros, xa que logo, non son eu quen de poder ser. Pois a palabra amábel que a min chega é sempre lene e sorprendente bolboreta que en min pousa e me bisba eu ser alguén. Semella ser ese noso e común “eu” –don fermoso, do que só cada un sabe- a secreta fonte dun vivir que nada teme porque todo o espera.
Se este retiro noso acada así reforzar os nosos “eu”, non haberá forza telúrica nin celeste que sexa quen de frear o seu ímpeto de vida. E un novo mundo e diferente amencerá.
* [“Faro de Vigo”, mércores, 28 de abril de 2021]