Calros Solla
No tamén pontevedrés La Libertad do 17 de setembro, aclárasenos un chisco o proxecto empresarial: Se ha establecido un nuevo servicio de automóviles entre esta ciudad (Pontevedra) y Carballino (O Carballiño-Ourense). Los cómodos y elegantes coches hispano-suízos, que se destinan a este servicio, son propiedad de los señores Cachafeiro y Campos y se llaman “La Folgosana”. Deseamos un éxito a la empresa.
Polo xornal El Diario de Pontevedra (14-1-1915) sabemos que os automóbiles de “La Folgosana” estacionaban e fornecíanse de combustíbel no garaxe do mecánico-electricista suízo Julio Senn, en Pontevedra, situado “frente a los muelles de pequeña velocidad de la estación de ferrocarril”. Cómpre lembrar que a antiga estación de tren pontevedresa localizábase na actual praza da Galiza. Por ser máis precisos, o “Garage Senn” situábase na, antano e hogano, rúa de Andrés Mellado. En xaneiro de 1915, as instalacións do garaxe Senn en Andrés Mellado van ser pasto das lapas. Un ano despois, Julio Senn abriría un taller de reparacións electro-mecánicas de automóbiles e bicicletas na rúa da Peregrina.
Este Francisco Cachafeiro tiña por segundo apelido Cabano, e era fillo de Francisco Cachafeiro Vaamonde (†1918) (que fora alcalde de Cerdedo a finais do século XIX). Os Cachafeiro eran naturais da parroquia cerdedesa de Folgoso. Francisco Cachafeiro Cabano (†1934) era enxeñeiro e contratista de Obras Públicas, ocupación na que se vai prodigar a liñaxe Cachafeiro: o seu irmán Ramón Cachafeiro Cabano, o fillo deste, Ramón Cachafeiro Varela etc. Entre outras moitas obras, os Cachafeiro víñanse facendo dende finais do século XIX coas adxudicacións de construción e mantemento da estrada Barbantiño-Pontevedra, é dicir, a estrada de Ourense, a actual N-541, por onde tamén circulaban os seus autobuses.
Quen é o Campos que, asociado con Cachafeiro, puxo en funcionamento a liña de trasporte de viaxeiros? “Campos” é un apelido común en Cerdedo. Puidéramos pensar que o tal Campos fose Xosé María Campos Varela, médico titular de Cerdedo, irmán, entre outros, do avogado e conserveiro Ánxel Campos Varela (monárquico e agrarista), que ocupará fugazmente a alcaldía do Vigo republicano. Ánxel Campos, que mesmo recibirá a medalla da Orde da República, afiliarase a Falanxe tras o golpe de Estado de xullo do 36 (El Pueblo Gallego, 17-9-1936 e 6-10-1936). Pola súa banda, Xosé María Campos Varela, afervoado agrarista, tamén acabará abrazando a sublevación fascista (El Diario de Pontevedra, 22-10-1936).
Ramón Cachafeiro Cabano (†1947), fillo do exalcalde cerdedés Francisco Cachafeiro Vaamonde e irmán de Francisco, casou con Vitorina Varela Garrido, filla do tamén alcalde cerdedés Xerardo Varela Figueroa (†1937). Os Cachafeiros e o Varela eran os homes fortes do deputado Riestra en Cerdedo.
Xerardo Varela sucedera na alcaldía cerdedesa ao seu consogro Francisco Cachafeiro Vaamonde. Ramón e Vitorina serán pais, entre outros, de Ramón Cachafeiro Varela (neto e afillado de Xerardo Varela e alto cargo da empresa MZOV), e por tal, os Ramóns serán cuñado e sobriño, respectivamente, de Francisco Varela Garrido, fillo de Xerardo Varela. O díscolo Pancho Varela foi activista republicano e era secretario do concello de Cerdedo en xullo de 1936. Segundo lemos na causa 1.306/36, Pancho foi entregado polos Cachafeiro aos fascistas, que o fusilaron, tras xuízo-farsa, un ano despois. Pola banda da muller, Xerardo Varela era así mesmo bistío de Francisco Nieto González (Paco Nieto), “brigada caballero mutilado”, presuntamente implicado en episodios de represión tras a sublevación militar do 36 (Pereira, D.: A II República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo, 2006). Paco Nieto era o chofer da Pendanga, un pequeno autocar (a camioneta) que carrexaba nos feirantes cara aos mercados de Soutelo, Famelga, Cuspedriños...; nos músicos, cara as romaxes dos santos de lonxe; nas poubanas, cara aos areais de Marín. Paco Nieto era sobriño de Francisco González Caramés Majito, socio de Ramón Cachafeiro Varela no consorcio MZOV, a compañía que uniu por camiño de ferro Medina del Campo con Vigo, nunha angueira que enviou anticipadamente a moitos obreiros para a tumba. Inhabilitado para o maxisterio e condenado á perpetua o en consello de guerra, Francisco Varela Buela, o mestre republicano de Cerdedo e secretario técnico do concello, houbo de gañar a vida póndolles escola en Campobecerros (Castrelo do Val) aos fillos dos carrilanos e, entre eles, aos de Cachafeiro Varela. Eis a caridade dos vencedores. (Léase: Cid, R.: Carrilanos: Os túneles dun tempo, Xerais, 2005). Unha filla de Paco Nieto casou con Manuel Gutiérrez Torres, alcalde de Cerdedo durante a ditadura (1950-4; 1958-65) e xefe local de Falange. Manuel Gutiérrez Pérez, pai de Gutierrez Torres, casara en segundas nupcias con Carme Díaz Gutiérrez que, á súa vez, enviuvara de Serafín Sieiro Moreira, alcalde riestrista de Cerdedo (1920-3). Os Gutiérrez estiveron presuntamente implicados en episodios de represión tras a sublevación militar do 36 (Pereira, D.: A II República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo, 2006).
A vinculación entre os Cachafeiro e os Campos Varela era moita. Valla un exemplo: En setembro de 1912, Candelaria Campos Varela, irmá de Xosé María, ingresou no convento das clarisas en Pontevedra. Un ano despois (decembro de 1913), amadriñou a sú profesión relixiosa Henriqueta Camiña Losada que, poucos meses despois, en xaneiro do 14, contraería matrimonio en Cerdedo con Xosé María Campos Varela. En outubro do ano 1912, outro dos irmáns, Xesús María Campos Varela fora nomeado capelán do convento de Santa Clara.
Henriqueta Camiña Losada era irmá de Carme Camiña Losada, fillas do boticario de Cerdedo Henrique Camiña Nieto, falecido en 1896. Carme Camiña casou co boticario de Cerdedo Gumersindo Bugallo Bouza (†c.1912). Carme Camiña Losada e mais os seus fillos Helena e Ánxel Bugallo Camiña (dirixente local de Izquierda Republicana) serán vítimas da represión en Cerdedo tras o golpe de Estado fascista de xullo de 1936 (Solla, C: Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo, 2016).
Porén, retomando o fío, o socio de Cachafeiro Cabano non é o cerdedés Campos Varela, senón o estradés Pedro Campos Rozados, adiñeirado empresario curtido no sector da locomoción terrestre e, no eido político, adicto tamén ao candidato riestrista (Progreso, 12-2-1922). O xornal El Norte de Galicia do 29 de maio de 1914, adiántanos que Pedro Campos partira cara a Barcelona co obxecto de adquirir tres coches automóbiles e un camión para establecer a liña entre Pontevedra e O Carballiño, pasando por Cerdedo. A empresa de automoción Hispano-Suiza fundárase na Cidade Condal en 1904. “La Folgosana” tivo unha vida efémera, quizais condicionada polas perdas acaecidas por mor do incendio do garaxe Senn. Xa en 1917, Pedro Campos, dono dos autobuses de liña “El Águila”, fixérase cargo dos servizos Pontevedra-O Carballiño e Cuntis-Compostela. As iniciativas de Pedro Campos acabarán consolidándose na empresa de transportes “La Estradense”, aínda en activo.
O transporte motorizado de viaxeiros “La Folgosana” entrou en rivalidade cos coches tirados por cabalos (as carrilanas) da empresa “La Cerdedense” (ou “El Cerdedense”), fundada no principiar do século polo empresario local Secundino Bugallo Sieiro. Secundino Bugallo investirá nos seus proxectos empresariais o diñeiro obtido cun premio da lotaría. En 1913, Antonio Gómez era un dos seus maiorais. As sancións por infrinxir o regulamento verbo do número de pasaxeiros eran habituais (Noticiero de Vigo, 22-8-1913).
No mesmo ano 13, o veciño da parroquia de Figueiroa (Cerdedo) Constantino Troitiño Sieiro, empresario de coches da competencia, é denunciado pola Garda Civil por conducir un riper con 34 asientos y ocho caballerías de tiro, careciendo de licencia y numeración el vehículo. Aplícaselle unha multa de 20 pesetas (El Correo de Galicia, 28-8-1913). En setembro do ano 1935, Costantino Troitiño, Francisco Arca Valiñas e Roxelio Arca Rivas (entre outros) serán axuizados por interromper bruscamente os cultos do Xoves Santo na parroquial de Figueiroa (El Pueblo Gallego, 1-9-1935). Un ano despois, Francisco Arca sería asasinado por falanxitas de Cerdedo na Ponte do Barco (Pedre). Constantino Troitiño rexentará en Cerdedo unha tenda de ultramarinos e, asemade, a empresa de transportes “La Trucha”, con vehículos xa motorizados: feiras (Doade, Pontevedra...) e festas.
No ano 1914, Secundino Bugallo Sieiro vendeulle a empresa a un tal Manuel Portas. En 1900, dende Pontevedra saía diariamente un coche ás 2’50 h da mañá con destino Cerdedo; tornando á capital ás 14:00 h. Catorce anos despois, dende Pontevedra aínda saía, de xeito cotián, un coche de cabalos ás 15:30 h e tornaba ás 9:00 h (do día seguinte). Paseniñamente, os coches de cabalos e os riperts (na honra de monsieur Ripert, o seu inventor) irán pasando á historia. O roncexar arfante dos Hispano-Suíza de “La Folgosana”, ascendendo as costas de Viascón ou de Dorna, sinalaban unha nova época. Os cabalos rinchantes de “La Cerdedense”, e os máis tiros, quedarían relegados á denominación dunha unidade de potencia.
Secundino Bugallo Sieiro, Secundino do Monte, contraerá matrimonio con Carolina Varela Garrido, filla do alcalde Xerardo Varela Figueroa. En 1912, sucederá o seu sogro na alcaldía de Cerdedo. Do matrimonio nacerá Carolina Bugallo Varela, presuntamente implicada en episodios de represión tras a sublevación militar do 36 (A II República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo, 2006). Como se comproba, baixo o control sempiterno da dereita caciquil, o nepotismo foi unha práctica enraizada na política cerdedesa, agás no trienio agrarista (1917-1920) e no primeiro bienio republicano (1931-1933). De pura endogamia, a xenética do poder foi depauperándose até provocar en 2016 a vergoñenta desaparición do municipio.
Amais de ser pioneiro na condución de pasaxeiros, Secundino Bugallo Sieiro, alcumado o eléctrico Patita, tamén foi precursor en Cerdedo na condución da electricidade. Dende 1907, Secundino Bugallo fora autorizado a empregar 500 l de auga por segundo do río Lérez para usos industriais. O 4 de xuño de 1912, o xornal Progreso informa que o Ministerio de Fomento autorizaba a Secundino Bugallo Sieiro a establecer una línea de transporte de energía eléctrica con destino a alumbrado y fuerza motriz desde el lugar de “Insua” o “Torre dos Mouros” (na ribeira do Lérez), hasta la villa de Cerdedo (Real Orde do 28 de maio de 1912). Henrique de Francisco, o mecánico da hidroeléctrica de Dorna, foi o encargado de montar a maquinaria Lérez arriba, así como o tendido dos cables condutores até as rúas e vivendas do lugar de Cerdedo. Púñase en funcionamento a Fábrica da Luz de don Secundino que contaba, entre os seus socios, con Francisco Cachafeiro Cabano e Serafín Sieiro Moreira (Progreso, 24-7-1918). En xaneiro de 1934, Secundino Bugallo obtivo a autorización para conducir a electricidade dende a central da Torre dos Mouros até Vilapouca (Forcarei), Folgoso, Figueiroa e Quireza (Cerdedo). As queixas e denuncias polo servizo careiro e deficiente e mais pola incompatibilidade nos cargos de alcalde e empresario encargado da subministración eléctrica foron frecuentes (Progreso, 28-1-1916). Herdeiro ideolóxico do seu sogro, o incombustíbel Secundino Bugallo volverá á primeira liña da política cerdedesa canda o Bienio Negro e durante a ditadura franquista.
Documéntase abondo na prensa histórica que a xestión dos alcaldes cerdedeses Francisco Cachafeiro, Xerardo Varela e Secundino Bugallo (entre outros), proclives ao riestrismo e refractarios á corrente agrarista e ao republicanismo, caracterizouse polas prácticas caciquís (exceso de poder, favoritismos, aplicación arbitraria do artigo 29 da lei electoral de 1907, excesos no cobro de taxas e tributos, lucro na exención do servizo militar, fariseísmo, persecución ideolóxica...) (Léase: Solla, C: O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo (1916-1923), Morgante, 2011 e Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo, Morgante, 2016).
Case un século despois, os próceres cerdedeses seguían obtendo beneficios da instalación de enxeños eléctricos nos ríos e montes dun territorio desafiuzado a mantenta: a hidroeléctrica do Lérez, a hidroeléctrica do Castro, o parque eólico do monte do Seixo... En Cerdedo, como bágoas na chuvia, o renxer cachazudo das carrilanas de “La Cerdedense” e dos ómnibus de “La Folgosana” perderase definitivamente ao paso estremecedor do tren de alta velocidade.