Comezamos en Codeseda cunha palestra na que presentará o escritor e membro de Vagalumes David Otero, de veciñanza tamén nesta bisbarra, e intervirá xunto coa autora, Clara Iglesias, dous activistas do coñecemento do patrimonio desta zona, o historiador Luís Ferro e o mester Xesús Ameixeiras. O acto terá lugar o vindeiro sábado 14 de abril, ás 8 do serán, na biblioteca das escolas vellas en Codeseda.
Asociación Cultural “Vagalumes” vai comezar unha xeira de actos polo rural estradense presentando o libro “Os nomes da Estrada” co fin de profundar na achega á toponimia propia de cada zona.
Comezamos en Codeseda cunha palestra na que presentará o escritor e membro de Vagalumes David Otero, de veciñanza tamén nesta bisbarra, e intervirá xunto coa autora, Clara Iglesias, dous activistas do coñecemento do patrimonio desta zona, o historiador Luís Ferro e o mester Xesús Ameixeiras. O acto terá lugar o vindeiro sábado 14 de abril, ás 8 do serán, na biblioteca das escolas vellas en Codeseda.
0 Comments
Calros Solla O pasado domingo, día primeiro de abril, o colectivo Capitán Gosende acadou os seis anos de existencia e, co mellor ánimo e na mellor compaña, celebrámolo como mellor nos sabe, cos pés na terra, enchendo os zapatos co po e co lodo dos camiños.
Lembremos que foi un primeiro de abril, de 2012, cando a tropa dos Gosende deu os primeiros pasos. Di a tradición que o día un de abril van os burros onde non deben ir. Asumindo con humildade a nosa condición, preferimos ser burros ceibos ca humanos pola cadea. Naquela xornada, os integrantes deste comando explorador acurtamos a sobremesa festiva para peitear uns 600.000 m2 de bocage, pertencente á prolífera parroquia de Pereira (Forcarei), na procura de arte rupestre. Valla de referencia que unha cuadrícula do Topográfico (1:25.000) acouta 1 millón de m2. Coas últimas luces do día e a piques de ordenar a retirada co saco buxán, o compañeiro Anjo Torres deu cun novo gravado. Parabéns!! O petróglifo fai o número 50 no currículum exploratorio do Capitán, o número 20 dos rexistrados no concello de Forcarei (catalogados ou non) e o número 10 dos localizados na frutuosa parroquia de Pereira (San Bertolameu). A día de hoxe, Capitán Gosende atopou 14 gravados rupestres en terra forcareicense. No catálogo de Patrimonio consígnanse outros 6. Coñecemos a existencia de, cando menos, outro petróglifo na Mámoa (Castrelo), localizado polos compañeiros de Codeseda Viva. En resumo, a día de hoxe, os lindes de Forcarei conteñen máis dunha vintena de petróglifos. O gravado rupestre descuberto o día 1 foi bautizado co nome de “petróglifo da Forca da Loba” (coordenadas.- X: 553.717; Y: 4.719.637; alt. 680 m). A inscultura componse dun agrupamento de 19 coviñas cuxo diámetro oscila entre os 5 e os 3 cm. Das 19 pequenas concavidades, 14 forman un subgrupo ben definido, dispoñéndose en forma de triplo arco. O petróglifo tallouse na parte superior dun afloramento granítico (gran groso) illado na camposa. Sobresae na herbeira a uns 15 m cara ao oeste dunha pista de xabre. O penedo tapízase de lique e brión. Tomado como óvalo, o seu eixe maior acada os 15 m de lonxitude. En perpendicular ao conxunto de coviñas aprécianse 5 dentadas, resultado do emprego de cuñas ou guillos nun labor interrompido de extracción. Tarefa de canteiros, a sacada de material pétreo é evidente. O petróglifo da Forca da Loba localízase a uns 950 m, en liña recta e cara ao sur, da aldea de Muras (Pereira); a uns 920 m, en liña recta e cara ao sudoeste, do lugar de Castro de Muras (Pereira) e, na mesma orientación, a uns 850 m do centro da croa do castro que lle dá nome á aldea. Así mesmo, sitúase a algo máis de quilómetro e medio, en liña recta e cara ao sueste, do núcleo de Rozados (Quintillán); a uns 325 m, en liña recta e cara ao leste, da estrema coa parroquia de Quintillán; e, na mesma orientación, a uns 300 m da nacenza dun afluente do río Umia (pola banda da esquerda). Ao pouco de gurgullar, dito regueiro encaixa o seu leito entre dúas lombas, dando lugar ao topónimo Forca da Loba. Finalmente, a estación petroglífica atópase a uns 480 m, en liña recta e cara ao nordés, da intersección da estrema interparroquial de Pereira, Dúas Igrexas, Forcarei e Quintillán. Recapitulando. Capitán Gosende descubriu 31 petróglifos no antigo concello de Cerdedo, 4 petróglifos no concello da Estrada (Sabucedo), 1 petróglifo no antigo concello de Cotobade (Caroi) e 14 petróglifos no concello de Forcarei (Presqueiras, Castrelo e Pereira). É dicir, nestes seis anos de traballo (perto de 300 saídas) arrequeceuse o patrimonio arqueolóxico da comarca de Montes e da galeguidade enteira con 50 gravados rupestres máis. “Traballar non é realizar o que un imaxinaba, senón descubrir o que un ten dentro” (B. Pasternak). Arrequecendo o patrimonio arqueolóxico da comarcaCalros Solla O domingo 25 de marzo, xornada que precedeu á paréntese vacacional, sete mariñeiros de terra dentro pertencentes á tripulación do Capitán Gosende (nao sen goberno) puxeron rumbo ao caladoiro da Pedreira (Pereira-Forcarei) por ver de botar as redes, novamente, naquela pesqueira rica en petróglifos.
Nesta singradura, coas nosas artes e aparellos tradicionais e sempre contra o vento, tentariamos achar bo peixe nas lombas de poñente dun bravo mar de toxo. Rebulíanos no maxín percorrer de vagar o cuadrante oeste, tarefa adiada polas condicións meteorolóxicas adversas. Moito ten que chover e ventar para non botar porta/porto fóra. O camarada Soto, vello lobo de mar, fotógrafo do colectivo e reputado DJ, amenizou a viaxe cunha inmellorábel selección de música hard rock. Cando chegamos ao noso destino, atronaba en cuberta o tema “Sweet talker”, a “Doce falangueira” dos británicos Whitesnake (Serpe branca). Os camiños da Moura, nosa Señora, son inescrutábeis. Fondeamos o Peugeot 307 aínda co corazón latexando ao ritmo da percusión e, como de costume, esparexémonos polo orbe seguindo a inefábel, que non infalíbel, búsola da intuición. Optei por internarme na toxeira canto antes, sen anestesia. Así que as pernas se afán ao espiñento castigo (vía purgativa), os sentidos evádense da inmediata trivialidade e adoptan o search mode (vía iluminativa), indispensábel para viaxar no tempo e atinxir a motivación de quen, hai 4.500 anos, escolleu aquelas pedras para enviarnos unha mensaxe tan secreta coma transcendente (vía unitiva). O lance místico acadara xa as dúas horas cando, de súpeto, a Serpe branca falou entre sibilantes, premiando o noso esforzo sabuxo. Solícita e comprensiva, volveu levarnos da man até outro dos seus esquecidos santuarios. O novo achado, identificado co nome “Petróglifo da Pedreira VII” (coordenadas.- X: 554.770; Y: 4.719.739; alt. 658 m), componse de 21 coviñas agrupadas-dispersas. O inscultor milenario elixiu nesta ocasión un afloramento granítico que orienta a súa pendente cara ao oeste. Segundo o noso criterio e a primeira vista, o relanzo insculturado da peneda presenta dúas seccións. A sección norte empregouse para plasmar a constelación de coviñas (21), repartíndoas de xeito desigual por unha superficie irregular e a distintos niveis. Orientadas de leste a oeste, tres gretas-desaugadoiro (naturais) dividen a sección e, xa que logo, o petróglifo, en catro subseccións. Co noso nariz apuntando cara ao leste, na subsección da esquerda contamos 11 coviñas (agrupamento anárquico?). Na seguinte subsección, 3. Na seguinte, outras 3 (unha das coviñas tallouse no leito da greta divisoria). Na cuarta subsección non discernimos coviña ningunha. Dous cachotes soltos coroan este espazo. Na parte superior dun dos cachotes gravouse outra coviña. As restantes coviñas (3) espállanse circundando o conxunto principal. O diámetro das 21 concavidades rexistradas en Pedreira VII oscila dos 7 aos 3 cm. A un nivel inferior, encaixada entre a sección norte e un cachote seccionado, a sección sur da peneda non se empregou (sempre a primeira vista) como soporte inscultórico, porén, nela chaman a atención 5 canles abertas na rocha que, de anchura disimilar e en paralelo, desaugan cara ao oeste. Co nariz indicando o leste, as tres primeiras canles pola esquerda teñen fondo plano, diferenciándose das gretas e canles obradas polos axentes erosivos. A anchura destas canles é de 15, 10 e 8 cm respectivamente. Coidamos probábel a intervención humana. As dúas canles seguintes (4 e 9 cm respec.) semellan obra da natureza. Dende a esculca de Pedreira VII, enxergamos cara ao sur e a escasa distancia (uns 60 m) outro afloramento granítico. O penouco localízase nunha leira acoutada por un valo de pedra. Deslocados ao sitio, batemos con outro gravado rupestre (coordenadas.- X: 554.728; Y: 4.719.700; alt. 647 m). O petróglifo, que nomeamos Pedreira VIII, componse dun agrupamento de, cando menos, 8 coviñas, unha delas tipo “bacilo” (dúas coviñas unidas por mor da erosión). O diámetro de ditas concavidades oscila dos 11 aos 5 cm. A peneda que serve de soporte ao gravado tamén atura unha morea de lixo común (calzado dispar, solas soltas, farrapos, plásticos, metais ferruxentos…) mesturado con lixo vintage (potes e caldeiros de fundición, cofainas e penicos de porcelana, redomas e xeringas de vidro...). Os petróglifos Pedreira VII e VIII localízanse a 400 e a 430 m (respec.), en liña recta e cara ao sueste, do lugar de Alende. Dende o 21 de xaneiro do presente ano, data na que principiamos as tarefas de busca de arte rupestre no concello de Forcarei, o colectivo Capitán Gosende descubriu xa 10 petróglifos, labor do que foron puntualmente informados. Lembremos: 8 no monte da Pedreira, 1 no Revoltón (Pereira) e 1 no monte de Filloi (Aciveiro). Hoxe por hoxe, os gravados rupestres catalogados por Patrimonio en Forcarei ascenden a media ducia (a maioría, cruciformes e medievais/modernos). Agardamos a pronta catalogación dos novos achados (datábeis no período Calcolítico-Idade do Bronce) e a súa pertinente protección e valorización. O cotarelo da Pedreira ben merece unha mínima sinalización e interpretación. A autoridade local aínda non se manifestou ao respecto das descubertas. Preocupante, pois, como aconteceu con Cerdedo, o desinterese pola cultura propia é o estadio inmediatamente anterior á extinción. Pola nosa banda, prometemos seguir compartindo con vostedes as revelacións da Moura, a nosa doce falangueira, ao tempo que, coma sempre, desoímos a leria dos falabaratos. |
Colaboracións
Todos
Un proxecto de:Estamos en:Histórico
Abril 2024
Tabeiros Montes (Portal cultural de Tabeirós-Terra de Montes) de Asociación Cultural "Vagalumes" e Asociación Cultural e Ecoloxista "Verbo Xido" ten unha licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial 4.0 Internacional. Con base nunha obra dispoñíbel en http://www.tabeirosmontes.com/. Os permisos alén do foco desta licenza pódense atopar en http://www.tabeirosmontes.com/colabora.html. |