Calros Solla
Lembremos que foi un primeiro de abril, de 2012, cando a tropa dos Gosende deu os primeiros pasos. Di a tradición que o día un de abril van os burros onde non deben ir. Asumindo con humildade a nosa condición, preferimos ser burros ceibos ca humanos pola cadea.
Naquela xornada, os integrantes deste comando explorador acurtamos a sobremesa festiva para peitear uns 600.000 m2 de bocage, pertencente á prolífera parroquia de Pereira (Forcarei), na procura de arte rupestre. Valla de referencia que unha cuadrícula do Topográfico (1:25.000) acouta 1 millón de m2.
Coas últimas luces do día e a piques de ordenar a retirada co saco buxán, o compañeiro Anjo Torres deu cun novo gravado. Parabéns!! O petróglifo fai o número 50 no currículum exploratorio do Capitán, o número 20 dos rexistrados no concello de Forcarei (catalogados ou non) e o número 10 dos localizados na frutuosa parroquia de Pereira (San Bertolameu). A día de hoxe, Capitán Gosende atopou 14 gravados rupestres en terra forcareicense. No catálogo de Patrimonio consígnanse outros 6. Coñecemos a existencia de, cando menos, outro petróglifo na Mámoa (Castrelo), localizado polos compañeiros de Codeseda Viva. En resumo, a día de hoxe, os lindes de Forcarei conteñen máis dunha vintena de petróglifos.
O gravado rupestre descuberto o día 1 foi bautizado co nome de “petróglifo da Forca da Loba” (coordenadas.- X: 553.717; Y: 4.719.637; alt. 680 m). A inscultura componse dun agrupamento de 19 coviñas cuxo diámetro oscila entre os 5 e os 3 cm. Das 19 pequenas concavidades, 14 forman un subgrupo ben definido, dispoñéndose en forma de triplo arco.
O petróglifo tallouse na parte superior dun afloramento granítico (gran groso) illado na camposa. Sobresae na herbeira a uns 15 m cara ao oeste dunha pista de xabre. O penedo tapízase de lique e brión. Tomado como óvalo, o seu eixe maior acada os 15 m de lonxitude.
En perpendicular ao conxunto de coviñas aprécianse 5 dentadas, resultado do emprego de cuñas ou guillos nun labor interrompido de extracción. Tarefa de canteiros, a sacada de material pétreo é evidente.
O petróglifo da Forca da Loba localízase a uns 950 m, en liña recta e cara ao sur, da aldea de Muras (Pereira); a uns 920 m, en liña recta e cara ao sudoeste, do lugar de Castro de Muras (Pereira) e, na mesma orientación, a uns 850 m do centro da croa do castro que lle dá nome á aldea. Así mesmo, sitúase a algo máis de quilómetro e medio, en liña recta e cara ao sueste, do núcleo de Rozados (Quintillán); a uns 325 m, en liña recta e cara ao leste, da estrema coa parroquia de Quintillán; e, na mesma orientación, a uns 300 m da nacenza dun afluente do río Umia (pola banda da esquerda). Ao pouco de gurgullar, dito regueiro encaixa o seu leito entre dúas lombas, dando lugar ao topónimo Forca da Loba. Finalmente, a estación petroglífica atópase a uns 480 m, en liña recta e cara ao nordés, da intersección da estrema interparroquial de Pereira, Dúas Igrexas, Forcarei e Quintillán.
Recapitulando. Capitán Gosende descubriu 31 petróglifos no antigo concello de Cerdedo, 4 petróglifos no concello da Estrada (Sabucedo), 1 petróglifo no antigo concello de Cotobade (Caroi) e 14 petróglifos no concello de Forcarei (Presqueiras, Castrelo e Pereira). É dicir, nestes seis anos de traballo (perto de 300 saídas) arrequeceuse o patrimonio arqueolóxico da comarca de Montes e da galeguidade enteira con 50 gravados rupestres máis. “Traballar non é realizar o que un imaxinaba, senón descubrir o que un ten dentro” (B. Pasternak).