Calros Solla
Ao pouco de principiar a ascensión, no cimo do primeiro outarelo, fóisenos a vista para o lascaredo que, in illo tempore, os fundadores do poboado empregaron como canteira. As dentadas de cuñas e guillos esparexíanse polo pedregal. Unha cuña de ferro, ben enferruxada, seguía incrustada na entalla á espera da marra. O intenso labor extractivo deixou no lombeiro granítico unha restreba de rebos e cachotes. Aquela cuíña de Cuíña desmontárase en bruto para, punteiro e cicel, elaborar na valga as chouzas nas que nascemos, copulamos e morremos. Costa abaixo todos os santos axudan.
Unha providencial raiola outoniza fixo que reparásemos nunhas concavidades case esvaecidas talladas na parte superior dunha das laxas do curuto. Contamos até nove coviñas, cuxos diámetros van dos 2’5 aos 4 cm de lonxitude. Unha greta natural divide o panel en dous. Canto non se derramaría¡?
Nomeamos o achado “petróglifo dos Caveiriños” (coordenadas: X: 544.193; Y: 4.711.000; alt. 470 m). O sitio arqueolóxico sitúase a escasos 90 m, cara ao oeste, do casarío de Cuíña e a uns 525, cara ao nordés, do coto dos Caveiriños (588 m). O topónimo “Caveiriño” (diminutivo de “caveiro”, do latín calvarium) nomearía un terreo ermo, maniño, improdutivo ou tamén unha paisaxe pedrosa ou corgueira. Acáelle calquera das acepcións. O predio dos Caveiriños padeceu hai pouco a fera acometida do lume que abrasou inclemente a tona dos granitos aflorados. En sentido figurado, agardemos que onde houbo lume siga quedando o rescaldo.