Calros Solla
Santiago Gómez Tato era fillo do notario Xesús Gómez Veiga e irmán de Ramona (Moncha), Rosario (Rosarito) e Carmiña Gómez Tato. Descoñecemos o nome da proxenitora. O notario Gómez Veiga foi destinado a Cerdedo en febreiro de 1908, mais, xa exercera no concello ourensán de Gomesende (en 1904) e no lugués de Chantada (até 1908). Despois da súa estadía en Cerdedo, desenvolverá o seu cargo en Santa Comba (até 1920) e Pontedeume (até 1922) (A Coruña), en Lora del Río (Sevilla) e en Monforte (dende 1930) (Lugo).
Catro anos despois da chegada da familia a Cerdedo, o correspondente do xornal pontevedrés Progreso (23-1-1912), co gallo da celebración do Ecce Homo de inverno, testemuña a boa integración dos Gómez-Tato na sociedade cerdedense:
En casa del notario D. Jesús Gómez Veiga, distinguido aficionado al arte musical, han dado comienzo los ensayos, para la novena del Ecce-Homo, del coro que componen varios entusiastas jóvenes de esta localidad. Estos cultos habrán de revestir sin duda la brillantez de años anteriores, dado los preparativos que con entusiasmo vienen haciéndose.
Pola mesma fonte sabemos que, no ano 1914, a familia Gómez-Tato seguía residindo en Cerdedo:
Prometen resultar animadísimos los festejos que anualmente se celebran en este pueblo en honor a Cristo Redentor bajo la advocación especial del Ecce-Homo. El sábado 7 del próximo febrero dará comienzo la novena en la cual interpretará escogidos motetes una muy bien afinada orquesta formada por entusiastas jóvenes de esta localidad bajo la batuta del competentísimo músico e ilustrado notario de esta localidad D. Jesús Gómez Veiga... (Progreso, 6-2-1914).
Santiago Gómez Tato, nado cara ao ano 1900, pasou a súa mocidade en Cerdedo (aquí gañou o alcume de o Señorito). Cara a 1918, a familia trasladaría a súa residencia ao concello coruñés de Santa Comba. Dende alí, Gómez Tato colle a dilixencia e embarca cara á Arxentina, arribando á capital bonaerense no ano 1920. Intúese, tras o labor de pescuda, que a decisión de cambiar de aires e probar fortuna na América non foi secundada por seu pai. Gómez Tato, o Señorito, non embarcou impelido pola precariedade, senón polo abafo existencial e, talvez, pola proximidade do servizo militar.
Amais da recorrente señardade, Gómez Tato reflicte nos seus escritos unha innegábel devoción por Cerdedo e pola comarca de Montes. Malia estaren redactados en castelán, nos seus textos as expresións na lingua de noso son frecuentes. “Tato” é apelido común en Cerdedo, polo que, non desbotamos que a súa nai fose cerdedense. Se for natural de Cerdedo, esta circunstancia podería explicar o traslado da familia á aldea do Lérez.
Instalado na Arxentina, Santiago Gómez Tato vinculouse como xornalista ás seguintes cabeceiras (entre outras): a revista Relieves (Coronel Dorrego-provincia de Buenos Aires), os xornais Nueva Era, Eco del Tandil e Derecho (Tandil-provincia de Buenos Aires); os semanarios Correo de Galicia e El Heraldo Gallego, a quincenal Céltiga e mais o mensuario Umia y Lérez (órgano da “Sociedad Residentes del Ayuntamiento de Forcarey en el Plata”), todos catro periódicos “de intereses galegos” editados en Buenos Aires. Tamén atopamos colaboracións súas na revista viguesa Vida Gallega e na madrileña Mundo Gráfico. Cara a 1925, cadrando co seu casamento, pasa a residir na cidade de Rosario (provincia de Santa Fe). Nesa altura cesan as colaboracións en Correo de Galicia e principia a súa relación co periódico El Heraldo Gallego e mais coa revista Céltiga da que foi representante en Rosario. Tan só cinco anos despois da súa chegada ao Cono Sur e con apenas 25 anos de idade, Gómez Tato xa se convertera, no eido profesional, nun prestixioso xornalista, escritor e crítico literario e, no social, nun referente da comunidade emigrante e nun inquedo activista cultural. A súa sona transcendía os círculos da diáspora galega. En 1931 dirixiu o xornal La Voz del Pueblo de Martínez (localidade situada perto da cidade de Buenos Aires).
Nas hemerotecas dixitais, o primeiro artigo asinado co seu nome aparece publicado o 23 de xullo de 1922 na segunda do semanario bonaerense Correo de Galicia (“Órgano de la colectividad gallega en la República Argentina”; prezo: 10 centavos (de peso)). Segundo se le baixo a sinatura, o texto acabárase de redactar o día 7. O artigo titúlase “Evocación” e nel fai unha loa saudosa do 25 de xullo, “día del Apóstol” e mais da súa onomástica: ...y en medio de este silencio frío que embarga y se apodera del que te recuerda, de este silencio férvido sintiendo como nos penetra esta emoción interna y aguda hasta lo más recóndito de nuestro ser. E ao tempo, diríxelle uns rogos á cidade compostelá: ...oye también los llantos humanos, tristes de nosotros este puñado de gallegos que viven lejos, desde donde acarician tu recuerdo y viven tras el día lejano para volver a extasiarse, a verte nuevamente y formar el número de tus “forasteros”.
Son curiosos os versos, en galego, que introducen o texto: Santiago d’a boa vila / d’a de comer a quen pasa que, cremos, son unha versión libre dos coñecidos: Pontevedra é boa vila / dá de beber a quen pasa...
Correo de Galicia saíu á rúa durante o período 1898-1965. Entre os colaboradores deste semanario, salientamos a: Basilio Álvarez, Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Eduardo Blanco Amor, Julio Camba...
O 31 de decembro de 1922, na mesma cabeceira, Gómez Tato asina o artigo titulado “Partículas humanas”, unha filípica contra os “descendientes de caciques miserables” que, empregando un discurso vacuo e hipócrita, ansiaban controlar o funcionamento das sociedades galegas en Buenos Aires: ...Es necesario, pues, desterrar a esos “fenómenos” charlatanes y que quiero conocer por “partículas humanas”; es necesario y se impone depurar un poco esos recintos donde tienen amplia fuerza moral descendientes de caciques miserables... Non por acaso, oito días antes, a 10.000 quilómetros de distancia, o xornal pontevedrés Progreso publicaba o artigo do médico de Cerdedo Manuel Varela Paz, azoute do caciquismo e aspirante a alcalde, titulado “Alrededor de una campaña”, cuxos argumentos, case un século despois, aínda teñen validez: Y esos hombres malos –verdaderos híbridos, porque consumen y no producen– apellídanse caciques... E interpelando o pobo: Carga tus hombros el hatillo oprobioso que te oprime y tiraniza y caminas tranquilo por la pendiente que te conduce al abismo. Y te embauca nuevamente el cacique, halagándote con justas promesas, y nuevamente –con la candidez de una paloma–, dibujan tus labios una sonrisa libre de pecado.
Manuel Varela Paz era pai de Francisco Varela Buela, o mestre republicano de Cerdedo, e mais de Xosé Varela Buela, escritor establecido na Arxentina (Faro de Vigo, 9-9-2019). A relación de amizade e colaboración de Francisco Varela Buela (don Paco) e Francisco Varela Garrido (ambos os dous, secretarios do concello en 1936 e vítimas da represión franquista) é un feito. A relación de amizade entre Francisco Varela Garrido (Pancho Varela) e Santiago Gómez Tato pecha o triángulo da esquecida intelectualidade cerdedense de comezos do século pasado.
Gómez Tato publica en Correo de Galicia do 9 de setembro de 1923 o artigo “La tronada”, dedicado ao escritor uruguaio Alberto Nin Frías (1878-1937). Neste texto lembra unha noite de trono vivida na súa nenez e na compaña valedora da súa avoa: ...Apercibimos en los vidrios de la ventana el vendaval con toda su fuerza; el viento alimentado por la aridez de las “agras” y que baja del monte ríspido, trae una velocidad de huracán que al llegar a nosotros nos aturde, bien con su silbido, ora con su canto isócrono, desconocido ... Rezamos. De pronto un relámpago cruzó por delante de nosotros cuya luz nos dejó un instante a todos ciegos ... el trueno anunciado un instante ha por el relámpago llegó a nosotros aterrándonos y, ahora, todos escalando el cuerpo huesudo de la abuela, poseídos de miedo, invocamos juntamente con ella la siguiente oración: “Santa Bárbara bendita / que en el cielo estás escrita / con papel y agua bendita”. Quizais, o “monte ríspido” fose o Faro ou o Seixo. O relato “La tronada” aparecerá recollido no seu primeiro libro De la tierra meiga (1924).
Continuará...