Son moitas as facetas que cultivou este egrexio estradense, e desde a Asociación Cultural “Vagalumes” quixeramos lembrar e dar continuidade a todas elas, especialmente coincidindo co aniversario do seu pasamento. De aí que este ano dediquemos unha xornada a tratar o seu traballo de investigador do noso patrimonio. Mais hai un aspecto relacionado coa súa vocación literaria e pedagóxica que quixéramos subliñar especialmente e que ao noso xuízo merece o apoio institucional necesario: O seu traballo de promotor do teatro escolar, do teatro infantil, co que introducir desde moi novos aos rapaces na cultura e na creatividade.
Este 25 de novembro cúmprese o primeiro cabodano do pasamento de Olimpio Arca Caldas. Esta data tráenos a memoria colectiva vila que el recuperou ademais da persoa e a súa relación de amizade e veciñanza. Desde a Asociación Cultural “Vagalumes” apreciamos o importante labor que deixou a toda a sociedade estradense en canto a defensa e promoción da lingua e cultura galega en xeral e particularmente a súa implicación coa nosa vila e a nosa comarca no estudo do seu patrimonio natural, histórico, cultural e humano. Son moitas as facetas que cultivou este egrexio estradense, e desde a Asociación Cultural “Vagalumes” quixeramos lembrar e dar continuidade a todas elas, especialmente coincidindo co aniversario do seu pasamento. De aí que este ano dediquemos unha xornada a tratar o seu traballo de investigador do noso patrimonio. Mais hai un aspecto relacionado coa súa vocación literaria e pedagóxica que quixéramos subliñar especialmente e que ao noso xuízo merece o apoio institucional necesario: O seu traballo de promotor do teatro escolar, do teatro infantil, co que introducir desde moi novos aos rapaces na cultura e na creatividade. Este martes, 24, ás 13:00 h. faremos entrega no Concello dunha proposta para homenaxear todos os anos a Olimpio Arca e lembrar e dar continuidade ao seu labor no ámbito do teatro para nenos e nenas. Celebraremos na propio rexistro do Concello unha rolda de prensa para explicar a nosa iniciativa e pedir o apoio de toda a cidadanía estradense, especialmente da comunidade escolar. O 25 de novembro, ás 18:00 h. levarase a cabo unha ofrenda floral diante da tumba de Olimpio Arca Caldas, no cemiterio da Estrada, conmemorando o cabodano do seu pasamento. A recollida, inventario, conservación e difusión do noso patrimonio material e inmaterial foi unha inquedanza constante de Olimpio Arca. O seu inmenso traballo na nosa comarca fixo posíbel a recuperación e estudo das nosas tradicións, da nosa riqueza arqueolóxica, da historia local, etc... e por iso quixéramos recordar e, tamén, proseguir este labor. Con este fin celebraremos unha mesa redonda o vindeiro venres 27 de xaneiro ás 20:30 h. no salón de actos do Museo da Madeira e Móbel (Mome) da Estrada (Av. Benito Vigo, 104). Intervirá neste acto Carme Sánchez Aríns, Xosé Fuentes Alende, Heitor Picallo e Xosé Manuel Nogueira, que tocarán as diversas dimensións do traballo desenvolto por Olimpio Arca neste ámbito así como a avaliación da situación actual do patrimonio na nosa comarca e o debate sobre as proposta de actuación.
0 Comments
Calros Solla Na páxina 145 do nº 12 da revista Facetas de Actalidad Española, editada na Habana (Cuba) en abril de 1938, dáselle continuación ao artigo “Lo que han hecho en Galicia”. O texto é un dos moitos testemuños escritos sobre a vaga de crimes perpetrados pola barbarie fascista na Galiza. A portada de Facetas acompaña unha tétrica ilustración co seguinte pé: “Han pasado las alas negras de la invasión dejando en el pueblo su “civilización””.
Na páxina 153 principia a narración do triste destino do republicano Xosé Mexuto Bernárdez, veciño de Cangas. Acusado de “comunista que no da la cara”, Xosé Mexuto foi confinado no campo de exterminio da illa de San Simón: “Había allí unos mil ochocientos presos, casi todos ellos reos del mismo delito, comunistas “de los que no dan la cara”, es decir, hombres de espíritu liberal, enemigos de la violencia y la arbitrariedad. Su causa se instruyó con las de otros veintitantos vecinos de diversos ayuntamientos de la provincia de Pontevedra. Se le condenó a muerte, naturalmente. Fue fusilado en Pontevedra mismo el día 15 (foi o día 27) de julio de 1937 junto con José Meis Fernández, Francisco Varela Garrido, José Gallego Nogueira y Antonio Fernández Fernández”. O día 20 de xullo de 1936 os franquistas declaran o estado de guerra en Pontevedra. De mañá, Francisco Varela Garrido, secretario interino do Concello de Cerdedo, baixa á capital na procura de noticias. Na Deputación, o gobernador civil de Pontevedra Gonzalo Acosta Pan desígnao delegado gobernativo en Cerdedo. Ás tres da tarde, Pancho Varela, torna a Cerdedo e entrevístase en Fondós (Quireza) co alcalde Luciano García Ventín. O alcalde deixa nas súas mans a organización da resistencia. Xa en Cerdedo, Francisco Varela Garrido preséntase no cuartel da Garda Civil e transmítelle ao cabo a directriz de “pórse ás súas ordes” co fin de baixar a Pontevedra. Sen demora, solicítalle ao mestre Francisco Varela Buela, don Paco, que redacte un bando co propósito de xuntar voluntarios armados para acudir á capital en defensa da República. A requirimento de Xosé Mª Lavandeira Durán (porteiro do Concello), o chamamento execútao David Paz Cachafeiro a toque de corneta. A seguir, Pancho Varela pídelle ao mestre Luís Toimil Ferrer que poña o seu aparato de radio a disposición da causa, para estar ao tanto dos acontecementos. Atendendo as instrucións recibidas e firme nas súas conviccións, Pancho Varela tentou conxugar, na súa xurisdición, o restablecemento da legalidade democrática co mantemento da orde pública. Pontevedra cae en poder dos franquistas. Perdida toda esperanza e refusando un inútil derramamento de sangue, Pancho Varela depón as armas e abandona Cerdedo. O escondedoiro do Outeiro das Aveas (no monte do Seixo) proporciónalle agocho durante uns días. Comparte acubillo cos irmáns Bugallo Valiñas (Severino e Sabino). Despois, decide dirixirse cara ao Carballiño, Ourense, Verín, Puebla de Sanabria e Zamora, aloxándose en diversas fondas. O día 5 ou 6 de agosto chega a Monleras (Salamanca) no coche do seu sobriño Ramón Cachafeiro, contratista de obras, hospedándose na fonda “La Tomasa”. Tentando pasar desapercibido, sincérase co boticario local que o acabará traizoando. Delatado polo boticario, foi detido o 2 de setembro de 1936. A Garda de Asalto comísalle, entre outros efectos, unha carta da Sociedade Española de Armas e Municións de Eibar, a credencial de candidato a compromisario e unha carta remitida por un camarada da Cañiza (21-2-36), encabezada co saúdo “Salud y República roja”. Pancho Varela aduce que está pasando unha tempada en Monleras para restablecerse dunha doenza pulmonar, porén, a súa intención era cruzar, canto antes, a Portugal. O auto de procesamento (1-10-36) proporciónanos o retrato dun home asoballado pola súa condición de fuxido e pola súa estadía en prisión (cotéxese coa fotografía): “Talla un metro ochocientos milímetros, pelo negro ligeramente caneado, cejas al pelo, ojos hundidos, color castaño, faz angulosa, nariz recta grande, barba prominente regularmente poblada, tiene un lunar en el pómulo izquierdo color castaño con algunos pelos”. O xefe da Garda Civil de Pontevedra acusouno de “comunista perigosísimo”. O crego de Cerdedo, de “dirixente e propagandista da Fronte Popular”. Dous dos seus veciños (significados dereitistas), de “dirixente das masas socialistas” e “de inducir ao envelenamento ideolóxico dos veciños de todo o concello”. O boticario, malmetido a confidente, afirmou na comisaría de Salamanca “que mandaba en Cerdedo unha columna de dez mil homes armados con escopetas e pistolas” e que tiña no seu poder “unha pistola de vinte e dous tiros”. Recluído un ano no cárcere de Pontevedra, Francisco Varela Garrido (canda o mestre Francisco Varela Buela don Paco) foi xulgado nesta cidade en consello de guerra por rebelión militar o 16 abril de 1937 (La Libertad, 5-5-1937). O tribunal declarouno culpábel “coa agravamente de perversidade” e sentenciouno a pena de morte, sendo executado en Monteporreiro (Avda. de Bos Aires) o 27 de xullo dese mesmo ano. Actuou de avogado defensor o tenente do 15º Rexemento de Artillaría Lixeira Xulio Conde González que, malia estar todo atado e ben atado, obrou con dignidade. Os verdugos rexistraron o seu falecemento como resultado dun colapso cardíaco. Velaquí o texto inculpatorio da sentenza (causa nº 1.306): “Resultando: Que el procesado en esta causa, Francisco Varela Garrido, secretario interino del ayuntamiento de Cerdedo, significado socialista y propagatista de tales ideas, se traslada desde aquella aldea a esta capital a enterarse del Movimiento Militar iniciado en África por el Generalísimo Franco y, entrevistándose en el Gobierno Civil con las autoridades del Frente Popular, recibe el nombramiento de delegado gubernativo, trasladándose rápidamente a Cerdedo en donde, en unión de otros, organizó la rebelión en aquella comarca para lo que procede la detención de personas de significación derechista, requisa armas y vehículos así como aparatos de radio y organiza partidas de paisanos armados para que se dirijan a Pontevedra a enfrentarse con las fuerzas del ejército”. Esoutros colaboradores aludidos na sentenza de Pancho Varela eran: Luciano García Ventín (alcalde), Francisco Varela Buela (mestre, redacta a máquina o edito de requisa de armas), Ramón Cachafeiro (sobriño de Pancho), Manuel Gamallo Bugallo (concelleiro), David Paz Cachafeiro (corneta que anunciou o bando do requirimento de armas), Xosé María Lavandeira Durán (porteiro da Casa do Concello), Casimiro Cortizo, Xosé Torres Paz (escribente do Concello) e Secundino Bugallo Iglesias (Sociedade de Obreiros e Agricultores “El Trabajo”). O tribunal encausará mais non achará motivos abondos para procesar a Luciano García Ventín, a Ramón Cachafeiro, a Manuel Gamallo, a David Paz e a Xosé María Lavandeira, porén, serán vítimas, pola calada, da represión. O mestre Luís Toimil Ferrer padeceu expediente de depuración (tres meses de suspensión de emprego e soldo). En paradoiro descoñecido, Casimiro Cortizo, Xosé Torres Paz e Secundino Bugallo Iglesias son declarados rebeldes. Xosé Torres Paz (PSOE) será “paseado” na estrada Pontevedra-Santiago (Alba) o 11 de agosto de 1936. Secundino Bugallo Iglesias (CNT) será “paseado” na Ponte do Barco (Pedre) o 13 de agosto de 1936. Respecto ao vivido en Cerdedo, escribiu oportunamente Dionísio Pereira (op. cit.): “Cos asasinatos e persecucións, os novos detentadores do poder procuraron reducir a cidadanía máis consciente á categoría de súbditos, e que ese carácter exemplarizador da represión perdurara no tempo. Así aconteceu no futuro, pois, en palabras de Roxelio Arca, “aquí ninguén moveu máis a orella””. Roxelio Arca Rivas, canteiro e miliciano anarquista falecido en 2010, era fillo de Francisco Arca Valiñas, labrego e cenetista de Cerdedo asasinado polos fascistas de Cerdedo en agosto de 1936. Alí onde asasinaron a Pancho Varela, na pontevedresa avenida de Bos Aires, á beira do Lérez, inaugurouse o 12 de novembro de 2006 un monumento na honra das vítimas do franquismo, cuxa inscrición di: “A todas as vítimas da represión franquista. Aos homes e mulleres que defenderon as liberdades e os dereitos nacionais de Galiza”. En Cerdedo calan e, polo tanto, outorgan. Venceron, mais non convenceron. Francisco Varela Garrido, cuxas cinzas repousan no panteón familiar de Cerdedo, vén sendo o avó do querido Fernando Salgado Varela, escritor, xornalista do Diario de Pontevedra e membro do colectivo cultural e ecoloxista Capitán Gosende. De caste lle vén ao galgo. Fernando Salgado naceu en Cerdedo o 7 de setembro de 1959. Ignorando a pasado político do seu avó, integrou as candidaturas de Izquierda Republicana nas eleccións xerais de 1979. Hoxe, co libérrimo exercicio da súa profesión, dálle continuidade ao labor emprendido polo seu devanceiro. “Imos estando por aquí, levamos séculos aquí, neste sen norte...”. * Faro de Vigo-Terra de Montes (22-11-2015) Héitor Picallo Benqueridos amigas e amigos, este que aquí fala vén de terra de canteiros, de arghinas e mestres da pedra que fixeron da rocha a súa fonte nutricia, o seu sustento. Procedo da terra de Xohán Xesús González (canteiro), da terra do Umia, onde ferve a auga entre os penedos que labraron os mestres artesáns, do país da xantarela, do lumión, a goupa e a terragheira.
E agora teño que falar de alguén, do David, co que non comparto unha canteira de cousas. Non comparto idade nin moitas canas, non comparto concello de orixe nin de residencia, non comparto veciños nin faladoiros cotiás, non comparto currículo nin docencia, non comparto moitos tempos nin moitísimas vivencias, e aínda así as hai. Vai, pedriña, vai! E vai, miña pedriña, vai! Pedriña, vai,...! E vai,... e vai,... e vai! Tal e como me acontece con Xosé María Lema, teño a desgraza de que David Otero non foi o meu mestre, en ningún centro de ensino,… Non foi mestre nas miñas aulas e tampouco fun eu alumno dos seus pupitres, mais si o foi de verdade nas experiencias vitais que marcaron parte da miña razón de ser (buxo, beleza, liberdade,...). PRIMEIRA PEDRA – GOREA ARRIA: Lembro que hai anos estivera o David co meu pai, acompañado de Concha (esa persoa que lle pon pés as ás abertas do David)… Xa daquela non eran veciños do concello de Cuntis. Si o foran cando eu debía ter oito anos e compartía aulas co seu fillo maior, Seném. Pois daquela viñera á xastrería dos meus pais de visita,… e eu, entusiasmado, amosáralle o debuxo dun cabalo que tiña feito a plumiña. O David gustara del e, para me animar, dixérame: -Un día hasme ilustrar un libro,… Síntoo, pero agardo con impaciencia ese momento,... Xa son debuxante, tomeiche a palabra hai 25 anos e agora non tes escusa. Para cando a encarga? E vai,... e vai,... e vai! A un... pedreiro A unha... pedra Alá compañeiro Que podemos con ela. SEGUNDA GOREA: Doutra volta, nun dos xantares organizados para a entrega dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística, promovidos pola Asociación Cultural O Brado (da Estrada), David coméntame que con 5 máis coma min se faría unha revolución. Daquela eu dixéralle que esa estaba por vir,… coma tantas outras revolucións. Mais a resposta non era escusa, estaba todo cavilado, existía un folla de ruta. Certo día reúnese o gremio e varias ducias de mozas e mozos, todos canteiras e canteiros coma min, argallamos en Cuntis o que demos en chamar O Fervedoiro, coa súa sección idiomática denominada ACUDE ALÍ: Acción Cultural na Defensa d’A Lingua. Velaí que ao David non lle quedase máis remedio que vir presentar connosco este colectivo, que aínda loita pola dignidade idiomática e cultural, que aínda loita pola conservación dos espazos naturais da bisbarra do Umia, por erguer a memoria dos que fican aínda debaixo dunha fosa común ou dunha campa sen epitafio. E seguimos bourando pola cultura autóctona, pola propia e comunal, a que nos identifica como pobo diferenciado. Nese día, cabo del estaban outros canteiros amigos e irmáns: Avelino Pousa Antelo, Xosé Luís Bóveda e Xoán Xosé Fernández Abella,… Fixémolos padriños da asociación, e a nós quixéronnos como afillados (con bolos de ovos e pan de manteiga), colaboraron en multitude de actos, en presentacións de libros, nas homenaxes ao egrexio nacionalista Xohán Xesús González (porta dun futuro proletario, con pólvora e magnolias). Chegaron, con ímpeto os concertos musicais: Na lingua Nai,… Lingua Proletaria do meu pobo e canto porque si,… e –ao calado- asexaron as pantasmas, os espías, os cipaios e as denuncias posteriores da Galicia bífida, a censura, o desprezo, o dedo acusador polo feito de empregar o galego en concursos dirixidos ao centro de ensino do meu municipio, o CPI Aurelio Marcelino Rei García (nome dun que foi mestre e preso na Illa de San Simón: Viva a República Galega!). Porque era delito pedirlle ás crianzas que defendesen e respectasen o seu idioma, que gardasen a memoria de Castelao e Bóveda e de todos os galeguistas, que gardasen a memoria dos milleiros de falantes anónimos que nos regalaron este código e este músculo co que nos comunicamos. Logo da carrexe e a posterior frustración, estaba David agasallándonos cos seus ánimos para iniciar de novo a mesma loita que principia Penélope todas as mañás (as de tecer un país, unha lingua e unha matria). Ghina racha, ghina racha Ghina si queres ghinar: Si foses lus de keikoa Nexo xerias esperar Chega a noite, chega a noite Chega, se queres chegar Se fose día de festa Non te farías esperar TERCEIRA GOREA: Hai anos comecei a publicar en Edicións Fervenza, a facer ilustracións, algún prólogo, algún libro de autoría,… Lembro perfectamente o instante no que o caifós indicaba que teriamos a primeira reunión. Estamos na Estrada, nunha cafetería preto do concello. Chove na rúa, xunto aos semáforos, e ademais do responsábel da editorial -Xosé Luna- senta ao meu lado Fernando González Graña, pero tamén David Otero,… Quizais desta volta, o mestre fita para un co obxecto de me facer unha psicanálise, pois coido que quere ver en min se existe ou non certeza á hora de defender o idioma de noso. Digamos que aposta por un, máis talvez quere selar con lacre o que el xa sabe de certo. Son un canteiro novo Inda non gaño diñeiro Boto barro nas paredes Levo os picos ó ferreiro GOREA XIDA: Nas orientacións, nas teimas,... sempre está David Otero, detrás do fío telefónico, no ánimo, no impulso, no ímpeto e no chimpo… Por iso teño que consideralo o meu mestre, o mestre de moitas e de moitos, o amigo, o camarada, o compañeiro e o irmán. Velaí que non comparta nada el, case nada,... ou quizais –do fundamental- case todo. Xa que falar de David é falar do mesmo compromiso que os Mártires de Carral lle transmitiron aos membros do Banquete de Conxo, semellante ao que Aurelio Aguirre lle traslada a Murguía, e o que este lle ofrece a Castelao e faísca con forza nas Irmandades da Fala, e o que Castelao lle entrega a Avelino Pousa Antelo, e Avelino a David Otero,... e David Otero a todas e todos nós... Porque en resumo vivimos coa Lingua na Terra, coa palabra do país, e co compromiso nel e nos nosos irmáns e irmás. Ao fin e ao cabo, para sermos sempre, Galiza sempre, sempre en Galiza,... lingua patria e nazón de Breogán. * Intervención no acto en Vilalba de nomeamento do escritor David Otero como Chairego de Honra. Calros Solla Alentada polo PSOE e a UXT, a chamada folga xeral revolucionaria principiou o 5 de outubro de 1934, cadrando co Bienio Conservador da República (nov. 1933-feb. 1936). A revolta callou en Asturias e mais en Catalunya. O Goberno de dereitas (PRR-CEDA) truncou a reforma agraria, devolveulle as terras á nobreza, anulou as reformas laborais, paralizou a reforma educativa, negociou un novo concordato co Vaticano, derrogou o Estatut de Catalunya... O movemento folguista, duramente reprimido, saldouse cuns 1.500 mortos e perto de 30.000 detidos. Militante de Izquierda Republicana, Pancho Varela responde á chamada do seu partido e participa, canda Antonio Sueiro Cadavide (o alcalde de Cerdedo) e outros veciños, nas encarnizadas xornadas de protesta social de outono do 34. Tachados de “extremistas”, o día 8 de outubro son detidos Sabino Bugallo Valiñas, Carlos González Estévez, Francisco Varela Garrido e Xosé Torres Paz. En busca e captura, o día 11, deteñen o alcalde Antonio Sueiro Cadavide; o día 15, o seu fillo Camilo, e o día 22, a Alfredo Iglesias. Entre outras acusacións, responsabilízanos da autoría “dun movemento subversivo que se tramaba en Cerdedo”, de montar unha barricada na estrada de Ourense (km 624), perto de Pedre, e de seren instigadores dunha suposta tentativa de asalto ao cuartel da Garda Civil de Cerdedo.1 Antonio Sueiro Cadavid, alcalde de Cerdedo, será acusado de publicar o día oito de outubro un bando declarando o estado de guerra no concello. Un veciño cualifícaos de “suxeitos de ideas avanzadas”. A Garda Civil practicou rexistros nas vivendas dos aludidos, incautándose de armas e municións (eran cazadores), e publicacións “subversivas” (eran xente lida). Na casa de Pancho Varela, a Garda Civil atopa unha escopeta de caza (calibre 12), para a que tiña licenza, e unha xeitosa biblioteca ben fornecida de “libros, revistas, cartas e prospectos extremistas”. A seguir, enumero os títulos secuestrados e o número de exemplares: “El pancismo” (6), “El fascismo” (2), “El socialismo” (3), “Dios, mala entraña” (4), “Jesucristo, sangriento pelele” (1), “El monarquismo” (3), “Cristo visto por un ateo” (2), “El sindicalismo” (2), “Los fabricantes de milagros” (1), “El republicanismo” (1), “Opresión” (1), “El comunismo libertario” (5) e a revista “Estudios” (6); editados en Valencia por A. Martínez Carrasco. Amais: “periódicos extremistas” (8), “hojas de propaganda electoral” (200) e “un guión color rojo”, é dicir, unha bandeira vermella. O libro “Jesucristo, sangriento pelele” é da autoría do xornalista Vicent Miquel Carceller (1890?-1940), director da revista anticlerical La Traca. O libro “El comunismo libertario” é da autoría do médico Isaac Puente Amestoy (1896-1936), colaborador da revista La Traca. Ambos os dous morrerían fusilados. “Estudios” era unha revista de orientación anarquista publicada en Valencia entre 1922 e 1937. Tras pasaren dous meses en prisión, son postos en liberdade. No xornal pontevedrés El País do sábado 15 de decembro de 1934 (páx. 2), baixo o titular “Después de la huelga. Más detenidos en libertad”, lemos: “Ayer tarde fueron puestos en libertad los siguientes vecinos de Cerdedo que se encontraban presos con motivo de los pasados sucesos: Sabino Bugallo, Carlos González Estévez, Antonio Sueiro Cadavid, Francisco Varela, Camilo Sueiro Bouzas, José Torres Paz y Alfredo Iglesias” (ídem, en El Pueblo Gallego do 16 de decembro de 1934, páx. 14). Vexamos quen eran algúns dos ilustres compañeiros de cela de Francisco Varela Garrido: Antonio Sueiro Cadavide: alcalde de Cerdedo, membro destacado do PRRS e dirixente da Sociedade de Agricultores e Obreiros de Lourido-Cerdedo (a Garda Civil atopou na súa casa dous paquetes de dinamita). Antonio Sueiro Cadavide, Antonio “do Lagharto”, meu bistío avó e pai de Camilo Sueiro Bouzas, era natural de Lourido, mais casou en Limeres (lugar do Lagharto). Á fronte do Concello, mandou construír, entre outras, a ponte de Arén (sobre o río do Castro), a ponte dos Portamuíños (sobre o río do Seixo) e a ponte sobre o río das Cervas, entre Lourido e Limeres, que, consonte a retranca popular, fora unha obra impulsada polo amor. Carlos Gónzález Estévez: secretario do concello. Sabino Bugallo Valiñas: de primeiras, membro destacado do PRRS, despois presidente de IR en Cerdedo e dirixente da Sociedade de Agricultores e Canteiros de Castro (exiliado). Xosé Torres Paz: funcionario municipal, membro do PSOE, dirixente da Sociedade de Agricultores de Cerdedo (asasinado en agosto do 36). Alfredo Iglesias Álvarez: concelleiro do PSOE en Forcarei, dirixente da Agrupación Socialista Obreira de Presqueiras (represaliado). Dende o ano 34, Pancho Varela milita nas fileiras de Izquierda Republicana. No vespertino El País do luns 27 de xaneiro de 1936 (páx. 3), baixo o titular “El Partido de Izquierda Republicana celebra su Asamblea Provincial en Pontevedra con el máximo entusiasmo”, lemos: “A las diez y media en punto de la mañana del día de ayer, comenzó sus trabajos la Asamblea Provincial del Partido Izquierda Republicana con la asistencia de los delegados de las agrupaciones municipales de...” Como delegado por Cerdedo, asiste Francisco Varela Garrido. Como xa expuxemos, durante o Bienio Reformista, o Goberno legalizara o matrimonio civil (28-6-1932). Pancho Varela, na súa calidade de secretario do Concello de Cerdedo e xunta o mestre Francisco Varela Buela “don Paco”, exercen de testemuñas dos novos enlaces, ritualizados á marxe da Igrexa. A dereita de Cerdedo segue tomando boa nota. Na edición vespertina do xornal madrileño Heraldo de Madrid do sábado 1 de febreiro de 1936 (páx. 14), baixo o titular “Matrimonios civiles en Pontevedra”, lemos: “En el juzgado municipal de Cerdedo se ha celebrado el enlace matrimonial civil de los jóvenes Severino Simal Penelas y Valdina Figueras. Actuaron como testigos los vecinos Francisco Varela Garrido, secretario de juzgados municipales, y Francisco G. Varela Buela, maestro de las escuelas nacionales. Del mismo modo, y con igual acompañamiento, se efectuó el enlace matrimonial de los jóvenes Isolino Penelas Sieiro y Carmen Vilas Souto”. Na primeira plana do referido xornal, destacan os titulares “Las derechas manejaron en 1933 catorce millones de pesetas con fines electorales” e “El lunes serán conocidas las candidaturas que el Frente Popular presenta por toda España”. O 23 de abril de 1936, Pancho Varela obtén a credencial de candidato a compromisario para as eleccións do presidente da República. Os días 17 e 18 de xullo de 1936, ten lugar a sublevación militar contra o Goberno da II República que fora lexitimado polas urnas en febreiro dese mesmo ano. O golpe de Estado abocaríanos a unha guerra civil (1936-1939) e, derrotado o Exército Popular, a un réxime totalitario (a “longa noite de pedra”), baixo a caudillaxe de Francisco Franco (1939-1975). E chegou o terror. Nunha España acirrada polo lema “¡Viva la muerte. Abajo la inteligencia!”, no xornal El Diario de Pontevedra do martes 27 de xullo de 1937 (páx. 2), respondendo ao titular “Cumplimiento de sentencias”, lemos: “Esta mañana se dio cumplimiento a las sentencias dictadas en consejo de guerra, condenando a la última pena a Francisco Varela Garrido, de Cerdedo; José Gallego Nogueira, José Mejuto Bernárdez y Antonio Fernández Fernández, de Cangas, y José Meis Martínez, de Pontevedra”. No xornal El Pueblo Gallego do mércores 28 de xullo de 1937 (páx. 7), baixo o titular “Ejecución de sentencias”, lemos: “Pontevedra.- Cumpliendo sentencia dictada en consejos de guerra, en la mañana de ayer han sido pasados por las armas José Meis Martínez, de Pontevedra; Francisco Varela Garrido, de Cerdedo y José Gallego Nogueira, José Mejuto Barnárdez y Antonio Fernández Fernández, de Cangas”. A cabeceira da publicación acompáñase agora do xugo e as frechas. O xornal madrileño La Libertad do sábado 21 de agosto de 1937 (páx. 2), facéndose eco do publicado por Faro de Vigo e baixo os titulares “¡Galicia mártir! e “Los facciosos siguen asesinando ciudadanos “legalmente””, escribe: “Cumplimiento de sentencias.- Pontevedra. En las primeras horas de la mañana de ayer (27 de xullo) se ha dado cumplimiento en esta capital a la sentencia de uno de los consejos de guerra celebrados, en que fueron condenados a la pena capital José Meis Martínez, de Pontevedra; Francisco Varela Garrido, de Cerdedo; José Gallego Nogueira, José Mejuto Bernárdez y Antonio Fernández Fernández, de Cangas”. Continuará… *Faro de Vigo-Terra de Montes (15-11-2015). 1 O antigo cuartel da Garda Civil de Cerdedo ocupaba o edificio construído na intersección da estrada xeral e a rúa da Constitución. |
Colaboracións
Todos
Un proxecto de:Estamos en:Histórico
Abril 2024
Tabeiros Montes (Portal cultural de Tabeirós-Terra de Montes) de Asociación Cultural "Vagalumes" e Asociación Cultural e Ecoloxista "Verbo Xido" ten unha licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial 4.0 Internacional. Con base nunha obra dispoñíbel en http://www.tabeirosmontes.com/. Os permisos alén do foco desta licenza pódense atopar en http://www.tabeirosmontes.com/colabora.html. |