
Son moitas as facetas que cultivou este egrexio estradense, e desde a Asociación Cultural “Vagalumes” quixeramos lembrar e dar continuidade a todas elas, especialmente coincidindo co aniversario do seu pasamento. De aí que este ano dediquemos unha xornada a tratar o seu traballo de investigador do noso patrimonio. Mais hai un aspecto relacionado coa súa vocación literaria e pedagóxica que quixéramos subliñar especialmente e que ao noso xuízo merece o apoio institucional necesario: O seu traballo de promotor do teatro escolar, do teatro infantil, co que introducir desde moi novos aos rapaces na cultura e na creatividade.