Manuel Cabada Castro
Pois ben, isto que aquí me limito só a lembrar é tamén significativo síntoma dun acontecemento de longo alcance que pesa aínda sobre nós desde non moito tempo despois do soterramento destes memorábeis reis galegos. Ó longo dos séculos posteriores -que ben tamén podemos chamar por iso “escuros”- o resplandor da nosa pasada “gloria” viuse sometido, por parte de intereses mercantís e políticos alleos, a un verdadeiro “baleirado” cultural e lingüístico do noso propio sermos galegos. Teimaron arrebatarnos así as cores vivas da nosa existencia comunal e patria e o sorriso alegre do bíblico Daniel, no que se reflicte toda a felicidade dun pobo contento consigo mesmo e aberto esperanzadamente ó futuro. Esa era a “gloria” do noso glorioso pasado medieval da que alleos a nós intentaron apropiarse pra póla ó seu servizo. Resistírmonos a tal intento é hoxe un deber de todos, sabendo que só nós poderemos acadar que o nosa terra sexa verdadeiramente “nosa”, tal como quería outro Daniel, tamén noso, o de Rianxo.