Calros Solla
A ponte de Santo Antonio
O conxunto (capela, ponte e lugar) que nós nomeamos Santo Antonio o pobo sempre o coñeceu por “San Antonio”. Outros prefiren dicir ou escribir Santo Antón, mais, aínda que en galego Antonio se di Antón, este santo non é o casamenteiro de Lisboa, senón o dos porcos.
Como xa expliquei nalgún dos Retrincos, a ponte de Santo Antonio tampouco é romana: Na Galiza, o adxectivo “romana” engádeselles a moitas pontes. O pobo cualíficaas de romanas en atención á súa fábrica perdurábel, rexa arquitectura; soberbia cantaría que seguirá en pé cando a meirande parte das modernas estruturas esmorezan afectadas de aluminose. Ponte romana de Cerdedo, ponte romana de Pedre...; pontes románicas feitas ao romano xeito, enxeño de ponteiros medievais. Non vou facer máis sangue coa pandegada do “complejo romano de Cerdedo”, aínda vixente nalgún sinalador. Cadaquén que pande cos seus complexos.
Rodríguez Fraíz, que foi quen de rillar as inscricións dos antepeitos, datouna no século XII. El mesmo informou que a ponte fora obxecto de reparacións ao longo das centurias posteriores. Ponte de dous ollos asimétricos. O arco mor e central, lixeiramente apuntado. Un tallamar en cada un dos paramentos. Plataforma en “lombo de mula”. Peitorís engastallados. No vértice do peitoril posterior ergueuse unha cruz. Deixamos no tinteiro o rico acervo mitolóxico que sen dúbida arrequece o valor material da edificación: ritual do bautismo prenatal ou enxembramento, esconxura do mal do aire, augas menciñeiras, a lenda do home troita...
Dende a estrada xeral, a panorámica de Santo Antonio é o emblema de Cerdedo por excelencia. Probabelmente, a paisaxe local máis fotografada. Aínda así, convén lembrar que, naquel territorio, hoxe por hoxe, en retratos non hai quen lle faga sombra a Portalén. Algún mérito terá Capitán Gosende de que se asocie a porta do Máis Alá con Cerdedo, localizándose o megálito no concello da Lama. Gustaríame saber canto rédito obteñen os hostaleiros locais da Montaña Máxica do Seixo e da súa Portalén, que viñeron así chovidiños do ceo. Para este asunto, non vale aquilo de “menos dá unha pedra”. Dende logo, o pai da criatura non ten culpa de que tras a visita ao Seixo, moitos excursionistas vaian tomar o refrixerio a Soutelo.
A ponte de Santo Antonio está no “ollo da cara” de Cerdedo, de aí que o seu aspecto sexa, en aparencia, mellor ca o das pontes de Parada e Pedre, afastadas do tránsito da estrada nacional. Ende mal, o pack turístico “verea, ponte, capela e cruceiro” leva décadas afeado por tendidos eléctricos que chantaron os seus postes, paus e fíos no medio e medio da escena, perturbando a perspectiva, sexa cal sexa o tiro de cámara ou o punto de visión do observador.
Centrándonos no estado de saúde da ponte, cómpre indicar que as raíces da vexetación arbórea (ameneiros) volveron facerse coas regañas da cachotaría e coas xuntas dos antepeitos. Aínda liberado da puxa vagarosa e implacábel dos raiceiros, o peitoril, tomado peza a peza, presenta nalgúns puntos unha notábel falta de estabilidade, sendo alto o risco de desprendemento. Nos arredores da construción a matogueira tamén inza e medra sen atranco.
Así e todo, o máis preocupante da ponte de Santo Antonio é a existencia dunha gretada e inoperante arqueta de decantación de augas grises que, provenientes do casarío, se verten directamente ao leito do río. Na estiaxe o ludro empoza baixo a bóveda do aliviadoiro (o ollo pequeno). Non é a primeira vez que o colectivo Capitán Gosende denuncia a existencia desta anomalía na rede de sumidoiros de Cerdedo, sen obter de momento, satisfacción á nosa demanda por parte da autoridade.