Calros Solla
No predio identificado como “O Covelo” polo Topográfico, a uns 530 m ao norte de Cuíña e a uns 770 m ao oeste de Mamoalba, descubrimos un túmulo megalítico no medio dunha repoboación desordenada de piñeiros e eucaliptos. A tumba prehistórica, adscrita ao período neolítico (+/- 6.000 anos de antigüidade), foi erixida no centro dun planalto, a uns 500 m de altitude e a carón de dúas antigas vías de comunicación.
Identificada como “Mámoa de Cuíña” (coordenadas.- X: 544.110; Y: 4.711.531), o moimento ten uns 20 m de diámetro e presenta unha ampla foca de espoliación (uns 5 m de diámetro). Diversos espécimes arbóreos colonizaron a superficie do medelo (piñeiros, eucaliptos, toxo, carrasco, fentos, silveiras...); un exemplar de bidueiro de bo porte enraizou no centro do buraco de violación. Uns cantos cachotes pertencentes á coiraza (algún de seixo branco) esparéxense polos arredores. Os ortostatos da cámara funeraria non son visíbeis, porén, chamounos a atención a feitura dun espeque canceleiro que, fincado a escasos metros do depósito arqueolóxico, semella reutilización do material tumulario. Amais dos danos inflixidos polo saqueo, a perda de masa tumularia foi debida á secular actividade agrícola e forestal.
A uns 180 m cara ao norte do depósito arqueolóxico, no bordo do planalto, un pelouro granítico agasállanos cun miradoiro excepcional das abas da Conla e do Montouto (coordenadas.- X: 544.239; Y: 4.711.671). Por desgraza, os escopeteiros veñen empregando o lugar como campo de tiro. Arredor daquel postoiro, centos de cartuchos ciscállanse polo chan. Imaxinen a sarabiada de chumbo espallado pola valiña.
O colectivo Capitán Gosende reclama a pronta catalogación da mámoa de Cuíña, a conseguinte aplicación da área de protección (200 m) e o acondicionamento do lugar. Urxe tallar a vexetación que emprega a coiraza da mámoa como soporte.
A mámoa de Cuíña, descuberta o pasado día 12, localízase a pouco máis de un quilómetro de distancia cara ao oeste da necrópole megalítica do Castriño (“Minas do Castriño”): 5 mámoas catalogadas por Patrimonio en 2001 (GA3601114 - 15 - 16 - 17 e 18). A necrópole do Castriño localízase a medio camiño entre as aldeas de Mamoalba e Fondós, ambos lugares pertencentes á parroquia de Quireza. Probabelmente, un destes túmulos deulle nome a aldea de Mamoalba.
Así mesmo, a mámoa de Cuíña sitúase a uns 420 m cara ao norte do Pousadoiro II e a uns 280 m cara ao norte do Pousadoiro III, estacións petroglíficas descubertas por Capitán Gosende a finais de setembro.
Na actualidade, o número de mámoas catalogadas por Patrimonio no territorio de Cerdedo ascende a 45. Por desgraza, ningún dos depósitos neolíticos catalogados chegaron incólumes aos nosos días. Mesmo despois de figuraren inscritas no inventario de Patrimonio −e supostamente protexidas−, algunha das mámoas foi obxecto de destrución parcial ou total por mor da actividade agrícola e forestal.