Os túmulos prehistóricos acadan en Cerdedo a cifra de 56 elementos; 11 desas mámoas foron descubertas polo colectivo Capitán Gosende
Calros Solla
Conforme os nosos informantes, a leira na que se localizou o xacemento se denomina “A Cerrada” –microtopónimo transparente e evidenciábel–, polo que “Cerrada da Mámoa” foi o nome escolleito para catalogar o achado (coordenadas.- X: 553.666; Y: 4.710.441; 540 m de alt.).
O túmulo neolítico (tumba duns 6.000 anos de antigüidade) érguese docemente no seo dun rebordelo, foresta poboada de cerquiños magros e lanzais, bidos, estripos e acivos.
O sitio arqueolóxico sitúase a uns 160 m cara ao norte da N-541 e a uns 165 m cara ao sueste da estrada de cara ao Cachafeiro (Forcarei). Amais, a Cerrada da Mámoa atópase a uns 450 cara ao nordés da impoñente mámoa de Covas (cat. Patrim.: “As Mámoas”, GA36011051) (léase Faro de Vigo, 22-8-22), e a uns 870 m cara ao suroeste da “Mámoa das Chairas” (GA36011034), sita na estrema con Forcarei, formante da necrópole megalítica da Pena da Cruz (Acevedo, Millarada).
O topónimo “Cerrada” ten doada xustificación, pois aquela agra –devinda en carballeira por mor do absentismo– está toda ela choída con vargos esfoliados do filón metamórfico que emerxe no lugar (gneis).
A coiraza da medorra acada os 23 m de diámetro. Presenta leve foca de espoliación duns 4 m de diámetro. Non é difícil imaxinar que baixo a coiraza, alfombrada de humus e tomada pola vexetación arbórea e herbácea, se agochan uns ortostatos de rocha metamórfica.
Contiguo ao xacigo, cara ao noroeste, obsérvase no terreo un amplo foio, vestixio, quizais, dunha antiga canteira ou barreira. En contraste coas caras sur e leste do moimento, esta cavidade amplifica polo oeste a altura do montículo. Nesta orientación, a coiraza da mámoa acada un desnivel do 45% en 7 m de lomba.
Nas inmediacións da Cerrada da Mámoa discorre de sur a norte unha congostra flanqueada por vargos de tamaños e feituras desemellantes –uns achumbados, outros vencidos; algúns, de curiosa traza antropomorfa– e valos de cachote, tapizado todo de carriza e liques. Agás un pequeno mato de eucaliptos, a contorna é amena manifestación do bosque atlántico.
A descuberta da Cerrada da Mámoa eleva a sete o número de mámoas inventariadas na parroquia de Folgoso. A Cerrada da Mámoa súmase á prominente mámoa de Covas (“As Mámoas”), á mámoa das Chairas e aos catro túmulos catalogados por Patrimonio co nome de “Mámoas do Couto” (GA36011023-24-25 e 71).
Os túmulos prehistóricos acadan en Cerdedo a cifra de 56 elementos; 11 desas mámoas foron descubertas polo colectivo Capitán Gosende. O colectivo descubriu e deu a coñecer 13 mámoas inéditas na comarca de Terra de Montes.
Fóra chove, ou fan coma quen oe chover. Nós ao noso, chova que vente!!