A XEITO DE INTRODUCIÓN
David Otero
“ …estamos perdendo as nosas fontes…secándoas…atuándoas….?”
E esta…
Que terá Daniel de Rianxo e Castelao de Galiza que cada momento e xubileu, dentro e fóra de Galiza, ben deles e delas son quen percuran unha imaxe interesada da súa figura?
El que terá o home…?
Que dicir arestora en que a busca do beneficio privado anteponse a calquera límite político?
Non foi así case que sempre…?
Dicía Goethe:
Quen lamenta os estragos…se os froitos son praceres…?
Hoxe, por ex., incentívase a saída do rural arruinando aos labregos e para favorecer ás multinacionais agrogandeiras…velaí os froitos de ben á conta dos males de moitos…os estragos non se lamentan.
Vende caro…compra barato… ( lei do mercado…eses espazos nos que se enganan os uns aos outros)
Haberá que usar - e xa- o freo de emerxencia…?
Falar de Daniel ( e así procurarei chamalo a el , localmente, para sentilo e definilo universal global ) nunca ha ser para nós un meternos en camisas de once varas.Para nada.Ora ben será un gusto.Un xeito de aportarlle vida e memoria activa.Non para mirar se está morto.
Ben sabemos que para moitos e para moitas ( e digo cosmopolitas e desarraigados, políticos superficiais sabichóns, malintencionados e así “ personaxes parvos), que adoptan calquera color ou acento, Daniel así vólvese para eles e para elas un recurso para calquera xustificación estúpida, nada clara e así con el metido no asunto quedar como deus ou no seu caso poñer unha dúbida, un interrogante sorriso e constante, do que botar man para dispersar. Pasar na punta dos pés polo asunto. Nunca para integrar.
E referido a isto dicía Daniel:
“ Veño de ter unha leria cun grave cosmopolita, incapaz de comprender a variedade humana anque el pertence a un pequeno grupo de imbéciles, que hai en todas as bandas do mundo”
Que tamén , os mesmos e as mesmas, fan certas as palabras de Daniel:
“ O único que Hespaña concede gratuitamente aos galegos( e ás galegas, poñemos nós) é o dereito a iñorar quen son…”
Tamén por iso a Daniel úsase como unha historia ( mesmo caprichosa) das de andar por terras de pouco sostén, alamegadas e cheas de bulleiros.
Pois…
Alguén pensa que o poder respecta ( de asumilo nada) o pensamento, obra e memoria, de quen o combateu toda a vida?
Repetimos que ese non é o noso caso.Nós non temos problema ningún en dicir o que así pensamos e asemade por respecto, método e responsabilidade, irmos ao miolo do asunto saborexando xa asemade - sen alí quedarnos- a codela, códea, ou tona.E así dicimos de Daniel… un corazón do grande corazón.
E seguimos coas preguntas para expoñer unha visión política de Daniel;
Non estando Daniel en vida… como defender que o seu nome ( simplemente o seu nome) sexa posto en malversacións de discursos, fundamentos indebidos e historias caprichosas…?
Quen ousan poñérense medallas no seu nome sendo e facendo talmente o contrario daquilo sagro polo que loitou toda a vida o noso Daniel…?
Como definir a Daniel…?
Que falarmos de Daniel?
Por anacos…?
Por entregas…?
Por que os contidos sobre iso son os que son así determinados ?
Quen os deciden?
Que intereses esconden?
Cal é a conciencia de Daniel…esa que integra toda a súa diversidade múltiple e tecida nela…conciencia que o orienta polo sentido coherente da súa existencia?
Daniel tivo ideoloxía?
A praxe prevaleceu sobre a teoría?
Cal era o concepto do home novo ( moderno) en Daniel e de que habería que partir…?
E así as preguntas ( e máis preguntas) pois Daniel sempre será centro de debates ( aínda que algúns xa pola súa temática, no canto de dicilos cansinos, imos chamalos “ clásicos”).
E Daniel , para falarmos del precisa dunha análise poliédrica interdisciplinar , vivencial sempre a pé de obra, que converxa integradora na súa persoa construtora de pobo, moi especialmente, o do galego.
Moi pouco ou nada de Daniel se poderá considerar tanxencial ao que aquí imos tratar.
Con Daniel tamén á par iremos descubrindo un algo máis a esencia de nós mesmos e en especial se somos galegas e galegos.Non basta o anuncio aquel de que chova…de que todo se andará…e vivamos como galegos.
Teñamos presente que falar de Daniel no canto de Daniel pode levarnos, lévanos, a unhas conclusións que ben poden ser manipuladoras ou alomenos non ben intencionadas e parciais.
Mellor pois, no canto de falar por Daniel…falemos de Daniel.
FALEMOS MÁIS DE DANIEL E DISO UNHA VISIÓN POLÍTICA DEL.
De entrada dicir que DANIEL FOI UN POLÍTICO.
E así…uns pequenos apuntes referenciais:
Para ir facendo boca, seguindo ao profesor X.Carlos Garrido, diremos:
“ Daniel insiste na inutilidade dun saber que non se pon en práctica e defende a práctica como fonte de saber.Trátase dunha teoría que se aprende e verifica na práctica”
O propio Daniel explícanos:
“ Eu procurei adeprender máis na vida que nos libros, máis na psicoloxía dos homes e moitedumes que na historia política dos pobos”
E Carles Py Suñer ( deputado de Ezquerra Rep e alcalde de Barcelona) apunta referido a Daniel:
“ Entre os nacionalistas galegos ( tomemos nota) sobranceaba a personalidade de Castelao….e cando se ergueu para falar da Constitución…a miña atención e a miña simpatía ficaron apreixadas polas súas verbas. Aquilo era algo novo…Castelao non matinaba arbitrariamente sobre conceitos teóricos, dicía simplemente cousas sinxelas, reais e fondas. Falaba da xente de Galiza, dos pastores, dos labregos, dos pescadores, dos emigrantes, contando os seus traballos e sufrimentos e a loita de cada día na súa pobreza…”
Velaí a valoración da suma dos pequeniños.A afirmación do propio e o do vital, dicimos nós acordes con Daniel.A súa actitude crítica.A busca da verdade.A construción da universalidade desde a pluralidade. A irmandade.A conciencia de cada quen ( as limitacións para buscar a construción).
“Nós non será dicir non aos outros…pola contra…Nós con vós…máis nós”
Daniel apaña saber e ideas, pero non o colle todo, senón aquilo que ao seu ver lle é útil.Sempre desde si, desde unha situación propia e que cadra coa identidade e a súa universalidade.
Recordemos, por ex., como no ver das nacionalidades Daniel apelou,recorreu, a Stalin, pois a teoría deste referida ao problema nacional concordaba cos proxectos e sentimentos da Galiza dos galeguistas.
A Daniel , ao noso ver, non resulta doado, así mecanicamente, encaixalo en ningún lugar explícito en base do etiquetado partidista.
Pero atendendo a demandas e conclusións desta intervención, tal visión política de Daniel, e para contextualizarnos e reflexionar para ir tecendo co de cadaquén de nós, diremos considerando
a) Por unha banda…O profesor Beramendi fálanos referido a Daniel de que a teoría está subordinada a uns resultados prácticos.E Daniel usouna para valorala.
b) Pola outra un filósofo dicía que unha teoría é como unha caixa de ferramentas onde cada quen busca alí o que precisa.O importante é valerse dela.Daniel botaba man desas ferramentas tendo en conta a emancipación do pobo do galego.O seu pensamento matricial.
c) Pola outra e tendo en conta a particularidade, o contexto concreto, Galiza.
d) Dado que se admite que a humanidade está formada, divida, por nacións. Que cada nación é singular, con poder político, que constrúe identidade e realízase en si e así se aforteze.
e) Dado que Daniel asume que Galiza é unha “totalidade destotalizada”, un espazo completo e absoluto, un mundo.
f) Tendo nós en conta que Daniel non actuou simplemente por compromiso ético, que para Daniel dedicarse á política non foi un tempo, algo accidental ou circunstancial.
g) Non concordando coa idea de que Daniel foi un artista metido a político, como o dicir de García Sabell: “ a adicación de Castelao a Galicia é un valor ético que se realiza a traveso da arte”( que non concordamos tampouco) e para iso seguindo ao profesor X.Carlos Garrido apuntamos:
“…o paso do eu ao nós…explica o desenvolvemento dunha determinada conciencia moral que en Castelao está presente como oficio máis que como catecismo. A participación en política non responde , pois, a ningún compromiso ético xa que Castelao non actúa ao ditado de determinadas táboas da lei, non obedece a decálogos a xeito de libro de instrucións…É precisamente ao revés grazas á participación en política de Castelao ten a oportunidade de construír a súa moralidade…”
( Así mesmo o SEMPRE EN GALIZA, confésao Daniel, está feito para xustificar a súa vida:
“ semella todo el unha confesión, declara, máis que un guieiro político”
E Daniel non levaba a patria na sola dos zapatos ( coma outros
cosmopolitas) e así dicía que:
“ hai nacionalismos lexítimos e ilexítimos segundo se afinquen nun anceio de liberdade ou por afáns absorbentes”
Teñamos claro que a dignidade é o concepto nuclear do pensamento
de Daniel na construción nacional galega na liberdade e na xustiza.
Non podería ser máis que nacionalista.