David Otero
A XEITO DE INTRODUCIÓN E ELABORACIÓN DE MARCO QUE XUSTIFICA.
De Castelao galego pleno, polifacético de moitas tarefas e formas, pois para el todo era pouco para o que Galiza precisaba, tal como o fixeron os demais membros da xeración NÓS, sacamos, e vindo todo o outro connosco, a consideración de artista.
Consideración que como di o profesor X.L. Axeitos:
“… o del foi querer dotarnos dun estilo nacional que non é outra cousa que a forma peculiar de dicir graficamente como é unha cousa, articulado en substratos ideolóxicos, culturais, tecnolóxicos e políticos, que prevalecen nun lugar concreto en un tempo determinado ( mesmo o tipo de letra que el usou recoñecible como nosa, galega).
E así de forma completa , referido ao seu legado artístico, dinos Luís Seoane de Daniel (desde un magnífico traballo do profesor Fernando Martínez Vilanova):
“ …Seoane valora a Castelao como home e artista dun xeito global no que o variado multifacetismo se inclúe nun proceso creador unitario…”
E niso pois e tendo en conta, moi en conta, que en Castelao político, a arte ou a literatura non son compartimentos estancos en Daniel, nin moito menos formas de evasión culturalista, que pola contra son elementos constitutivos e substanciais perfectamente integrados nas responsabilidades do seu facer e tarefas ( fundamentalmente políticas). De aí o enorme prestixio ideolóxico de Daniel.
O Profesor Paulo Porta apunta:
“…calquera cousa que se chame galeguista terá que pasar pola veneración desta figura histórica ( permanente e contemporánea, dicimos nós).Todas e todos queremos ser herdeiros de Castelao. Ante esta circunstancia, o que menos podemos pensar é que Castelao puido ser tan ambiguo que ideoloxías diferentes…poidan derivar do seu pensamento. Máis ben deduciremos que algúns sectores interpretan a Castelao dun xeito máis que partidista, asimilándoo cara a ideoloxía que convén.”
En Daniel sempre está presente, implícita e explicitamente, un considerar a arte como un elemento , cualitativo…si, que media en promover reflexións e cambios no pobo do galego sobre todo, asemade que a súa arte, a arte galega, aporta substancia á da universalidade .
O mesmo Daniel afirma:
“ A nosa tradición artística durmía o soño da morte, co coitelo da traizón espetado no peito”
A arte de Castelao sitúase nas antípodas daqueles artistas “contra natura”, como di o profesor X.L. Sánchez Feraces, que cren que para presentar facetas insospeitadas do Universo cómpre arrincar as raíces que nos agarraron á Terra e coutar a seiva nutricia da Natureza.
Deses artistas escribiu o propio Daniel:
“ …semellan ciclistas COSTA ARRIBA, CICLISTAS ESCRAVOS DA BICICLETA, UNHA CASTE DE CABALEIROS QUE LEVAN O CABALO Ó LOMBO.Pensan que a arte está nos miolos i estruchan a cachola como quen estrucha un tubo de pintura. ”
Dicir que ao servizo da causa; o pobo do galego, Daniel puxo unha obra significativa, profunda, sentida, popular.Obra que amais ten o poder de facer circular no corpo social sentidos e sentimentos de xustiza e liberdade….ela sustenta os dous signos…A NATUREZA E A TRADICIÓN.
“ Na interpretación, di Daniel, debe estar o noso cuño persoal e polo mesmo nacional ou da raza…e para iso ha furar os sentidos…Nin seguir retratando coa inconsciencia dunha máquina as cousas da Natureza nin sacar as cousas da cabeza como as arañas o fío do cu…”
Velaí a Daniel, o noso home Natureza como lle chamou Vilar Ponte.
Castelao considera a Terra como a mellor escola.
“ Eu prefiro ser un home da miña Terra…e máis me ensina unha árbore…que unha ESCOLA”
E por cando a exposición do álbum NÓS di Daniel:
“ Con este medio cento de debuxos intentei desacougar tódolos licenciados da Universidade ( amas de cría do caciquismo) a tódolos homes que vivían do favor oficial…”
O profesor J.M.B.López Vázquez e referido ao debuxo en Castelao,na concepción deste, dinos:
“ Castelao procura, busca, un debuxo de deseño moderno e ó tempo, sobre todo desde a súa adscrición ó nacionalismo, que resultara galego…”
Velaí, apuntamos nós, (con estes argumentos, que hai ben máis, e os que se deriven e multipliquen), dicir que o debuxar, expresar, obrar e construír de Daniel, sempre levou en esencia o seu nacionalismo e así a súa mensaxe de contino, ben dentro, ben na diáspora, trasterrado, de loitar a prol da liberación de Galiza e así a das galegas e dos galegos de nación indo en paso de soberanía nacional. Nesa dignidade ( que foi o núcleo do pensamento moral de Daniel, a que parte da verdade por moi dolorosa que sexa).
Como di o profesor F,M, Vilanova:
“ A obra artística en xeral de Castelao é unha produción tirada do corazón e da necesidade, máis que da inspiración repentina ou de actitudes misántropos de reflexión estética.”
“E aínda hai, di Isaac Díaz Pardo, quen queira ver en Castelao un artistiña descomprometido”.
“ Eu non nacín para estupefaciente (dixo Danie). Aínda queda muita fina caste de intelectuais, dos que a xente di que debemos facer pranto cando morran; máis quixer homes de acción, que coitasen polo engrandecemento da nosa Terra, sen medo ao fracaso, nen á censura, nin siquer ás pedradas.Porque hai que loitar e crear, e nós non imos perder a vida metidos nas tripas dos problemas…”
Daniel , desde as distintas facetas, entregas, da súa consideración global, adicou toda a súa vida adulta á constitución e engrandecemento do nacionalismo galego.
E xa que logo en palabras do profesor X.C.Garrido:
“ Evitemos, coa calor do coñecemento, a desmemoria ou a memoria falsificada…Pola conta que nos ten.
II.
OS RETRATOS DE NEGROS
O compromiso social de Daniel, esa responsabilidade política asumida a toda vivencia, segue nas Américas, cando exiliado, trasterrado, así indefinidamente e inmedible ata a súa morte.E así desa maneira desde o seu pensamento e experiencias, vivencias, segue creando. Tamén desde o debuxo.
E así, referido a Daniel artista e para axuda da visión e concreto do que falamos, convén recordar as palabras de Celestino Fdz de la Vega:
“…se ben é certo que ao traveso da obra é posible descubrir ao Castelao home, tamén é verdade que soio a partires do coñecemento da súa personalidade poderemos explicar plenamente aquela.”
Daniel non se queda no superficial, na tona, Daniel vai ao corazón dos corazóns.
Como dicía R. Cabanillas:
“Ía de porta en porta acendendo os corazóns”
E así no tratamento deste apartado, OS RETRATOS DE NEGROS; debemos ter en conta:
a) Historia e feitos:
Cando Daniel remata a súa viaxe pola URSS volve a terras catalás, pero no obxectivo da campaña a favor da causa Republicana vai levalo a América.Velaí o comezo dunha viaxe longa con exilio, trasterro, vida , máis obra e morte incluído.
O seu primeiro destino son os Estados Unidos (Chan de Ianquilandia, como Daniel lle chamaba humoristicamente) a onde chega a bordo do “ Ille de France” nos primeiros días de agosto de 1939.
Era agosto en Nova York…un forno.Chegaron e instaláronse no Hotel Alamak en Brodway, no reconco da rúa 71. Logo chegou Lois Soto. Entre traballo e moito traballo comeza o álbum MILICIANOS.A estancia durará ata xuño de 1940 que marcha a Bos Aires-Arxentina. Neste intre hai un tempo de tres meses (novembro 38 a febreiro 39 ) de viaxe por Cuba.
Entre os moitos actos e exposicións (103) desenvolve o que Valentín Paz Andrade lle chama a “ plástica dos pretos” (dos negros).
Artista e debuxante en acción.Unha irmandade feliz. A forza da identidade. Recoñecer e sentir.
A derrota da República píllao en New York.Os seus labores centráronse na solidariedade cos refuxiados que fuxían en masa de España.
“ Sen un patacón no peto” (como di o profesor X.G.Beramendi ).
Ten 53 anos.
Nos Estados Unidos (onde tenta abrirse camiño sen éxito) o traballo de Daniel actuando plenamente a toda política, foi enorme. Estableceu contactos coas Federacións Galegas, escribe nos xornais, publica o álbun MILICIANOS, escribe o Libro II de SEMPRE EN GALIZA, remata OS VELLOS NON DEBEN ENAMORARSE, realiza exposicións dos seus debuxos de guerra, os álbums, Galicia Mártir, Atila en Galicia, foron expostos de Moscu. En Nova York xunto cos anteditos foron expostos Milicianos e Nós.
Daniel intervén en reunións e converxencias solidarias ( en Hollywood coñece a Jean Crawford e quería saudar a Charles Chaplin, que non puido pois estaba amalado).
Nestas xuntanzas e mitins danse espazos onde tamén se fala dos pobres do Mundo, da internacional-universalidade do sufrimento, da defensa da dignidade. Non se distinguen razas, nin colores, pois as nacións diferentes técense na forza das identidades determinadas.Nas soberanías nacionais.
Velaí os seu debuxos de negros de EEUU, cubanos e chineses. Daniel sempre cos que sofren.Sempre en Galiza. Pois as súas palabras ilustran, sintetizan ben o que dicimos de Sempre en Galiza:
“ Conservo na miña man dereita o estruchamento de milleiros de mans galegas, endurecidas polo traballo e moitas amolecidas pola folganza miserable…Vin o trunfo e a derrota de moitos galegos, pero endexamais ollei a súa felicidade. A miña man douse aos fogoneiros, peóns, taberneiros,obreiros e lava-platos de Nova York; aos mariñeiros de Filadelfia e Boston, aos obreiros de Chicago…aos mineiros…artesáns e camareiros de San Francisco, aos carboeiros e comerciantes…en fin…aos galegos que viven,traballan ou folian en tódolos lugares de Cuba e nos Centros de Norteamérica…”
Os tempos que Daniel pasa integramente en Nova York , (finais do verán 39 e comezos do verán do 40) foron para el os tempos máis duros.
“ Eu atópome en Nova York como nunca gaiola de ferro. Loito co inglés, que xa vou traducindo, pero non falo. Non vexo maneira de vivir.Busco e non atopo.O arte aquí somentes da millóns, pero esa é lotería que non lle cadra a todos…”
Nesta etapa en Nova York, Daniel non deixa de lado a súa tarefa creadora como artista e debuxante.O seu achego aos de Harlen foi tan estreito como cómplice, fratrio, diremos mellor. Debuxa as estampas de negros ( “pretos” tamén se lle chamaban…polo de xuntos? Irmáns?). Noméano Presidente de Honra da Federac. Mundial de Sociedades de Negros.
A primeiros de abril de 1940, recibe noticia de que os galeguistas do Plata, especialmente Rodolfo Prada, lle conseguiron a Carta de Residencia na Argentina.
- “ Axiña de lelo, sen falar, a miña muller e mais eu comezamos a bicarnos como tolos” ( escríbelle Daniel a Rodolfo Prada).
E seguimos con palabras de Daniel xa indo a Bos Aires:
“ Pero agora estou no mesmo mar que cruzaron as carabelas de Colón e síntoma con azos de escribir.Hai tres días que deixei Nova York e vou cara o Sul, ao encontro da Galiza ideal que é a mellor Patria que hoxe se me pode ofrecer. Hai tres días que lle dicen adeus á estatua da Liberdade. Alí quedou a vella matrona co seu “ ice cream cone” na man ( para arrefriar o mundo), e oxalá algún día poida vela con máis simpatía.”
E así desde os 40 o enorme labor de Daniel na Arxentina esencialmente, salvo a ida a París, como ministro da República dun Goberno morto e a Montevideo.
En Bos Aires prodúcese a séntese frutífera e madurecida do ser político da Daniel desde as múltiples propostas e accións integradoras da nosa identidade.
O amor a Galicia, ao pobo do galego, foi, como en Bóveda, o latexar esencial do seu corazón que lle deu pulso vital á súa vida, á súa obra e ao seu pensamento.
b) Os retratos de negros en Daniel.
1. O PANCHITO:
O negrito que trouxo das Américas, de Cuba, a Galicia un indiano que regresaba rico.Panchito criouse na aldea e sentiu anceios de emigrar, pero na Habana non se afacía e retornou á aldea.
2.Os debuxos de negros en Cuba e en Nova York.
Expresión moi clara na defensa dunha nación, a negra, desfavorecida, a sufrimento pleno, sen recoñecemento debido, traducido plasticamente nestas estampas ou retratos.Un xeito de dicir. Todo un discurso que lermos atentamente.
a) Daniel en Cuba:
Alí Daniel toma parte en máis dun cento de actos. Pero nese estar cubano
danse outras importantes facetas que completan ao Daniel total, A visión nacional e popular, a antropolóxica, as tradicións ( sempre modernas). O contacto “ en quente” como di Paz Andrade coa xente de color fai xurdir outra maneira de expresarse o artista Daniel.Outro discurso.
Vexamos por caso e sensibilidade o debuxo no xornal HOY da Habana ( dec 1938) onde un negro e un branco se dan a man e di o negro (poñémolo no noso idioma):
- Irmáns?
E o branco contesta:
- Os traballadores sempre somos irmáns.
E así xorden os “ Debuxos de Negros” ( Pretos) ( asinados en 1939 e que non se editarán ata 1970, ed. Galaxia). Son, en Cuba, dez estampas a tinta china.Os temas son ben nacionais, de etnia e identidade: “ El Bongocero”, “Ritmo afro-cubano”, “ El Billetero”, “ Punto Guajiro”, “ La Conga…arrollando”, “ Rumba criolla”, “ Negros en el bembé”,“ El guateque”, “ Apunte de Negra”, “ Para unha estampa”, “ Tres apuntes de negros”.(Tamén consideramos, aínda que non foi editado, o debuxo exposto no Museo Carlos Maside, O Castro, representando un Consello- Asemblea popular de negros, titulado “ Escena de negros (changüi)”.
Ao contacto cos pretos, como xa se dixo, Daniel danos unha obra na que se descobren novas dimensións na súa arte e creación.
“ Xesto e ritmo, afirmación evocadora, vitalidade e canseira, alegría e traxedia” ( dinos Neira Vilas no seu libro Castelao en Cuba).
b) Daniel en Norteamérica:
En Nova York debuxa tamén dúas estampas .Unha especial é coñecida por “ Negro en Nova York”.( outra A MATERNIDADE nai e fillo chineses)
“ Nos Estados Unidos sentín primeiro unha enorme compaixón polos negros e máis tarde un desexo de matar a miña repugnancia por eles.Agora avancei máis e sería capaz de trocarme en líder das reivindicacións negras e en defensor desta raza.O día que despertei a este sentemento foi o 1º de setembro de 1938.Percorriamos o estado de West Virginia ( onde os negros non son perseguidos coma no Sul) e na porta dun Bar aldeán, onde comían e bebían uns cantos bárbaros brancos, albisquei un letreiro na porta: NOTICE: WHITES ONLY.Agora síntoma irmán dos negros”( di Daniel).
Virxinia Pereira a muller compañeira de Daniel contoulle a Anisia Miranda dona compañeira de Neira Vilas que o debuxo do negrito en Nova Cork, tan triste e aterecido, era un barrendeiro que traballaba pola beirarrúa do bar onde a parella almorzaba algunhas veces.
A XEITO DE CONCLUSIÓNS:
Este tempo de trasterro de Daniel.Este tempo de ir a Cuba e Norteamérica, nas arelas da Galicia Ideal do exílio en Bos Aires,foi mediador de moita substancia e esencia para o facer político e tamén pois artístico de Daniel.
Nós dicimos que abrir os ollos e ver…iso é marabilloso e Daniel no seu ir vital, perdendo vista, púxoa limpa e intuidota no seu sentir, facer e pensar.Daniel viviu prácticamente toda a súa vida, traballou nela, accionou nela, na resistencia.Iso , fose no espazo e tempo que for, incidiu nel, motivouno e activouno, a recoñecer e a afirmar in situ o seu ver o mundo no baseamento matrio,cerca ou lonxe, de Galicia, o seu pobo.
Daniel nos retratos de negros ( de pretos) afirmou,descubrindo e sentíndoo, unha manda de modos de ver e así, indo a ritmo da pruma ou pincel,de expresar e deixar constancia.Notario da vida.Notario das vidas.
Decir que referido a estes retratos Daniel acelerou a vista e colleron mover máis cás palabras. Do seu ver estableceu o seu lugar e tamén o fixo no mundo circundante, neste caso en especial nas nacións de negros.Tratou de adecuar o seu coñecer co seu ver.
As imaxes de negros en vivo, logo debuxadas, non podían controlar os silencios e si mediaban os pensamentos.Facíanse, e fanse, unha axuda, para irmos no que afirmamos e crermos.Recoñecer singulares, neste caso, desde o plural.Achegándose para iniciar relación. Convivencia.
Como dirían os que saben de arte:
- “ O pintor corre o risco de disolverse no modelo” ( e este non foi o caso.Daniel integrouse cómplice recoñecendo.)
O de Daniel cos debuxos de “ pretos” foron actos solidarios, irmáns, emocionais e afectivos, militantes, de dar forma ao recibido.Receptivo pleno.Todos os pobos e persoas coexisten fraternalmente aínda que os límites de separación sexan sécalos ou milleiros de quilómetros.
Daniel nos debuxos de negros, de pretos, e como na totalidade da súa obra, pero neste caso tratou de pintar a verdade existente naquel espazo e tempo, lugar e días, Iso foi, e é, un acto de resistencia xerador de ilusión e de esperanza.Atopou o que buscaba.O lugar.Aquel sítio.E deu o seu pensar.E notou desde quen eran, os negros, ausencias, carencias, desexos, miradas…soños.Todo chegou a Daniel con certa facilidade, pois el era cómplice, irmán, solidario.Acariñaba ao tocar o papel, o lenzo, a tea...e nesa vitalidade de facer…Daniel apartouse do debuxado. Os negros eran quen falaban…que van ao noso encontro para que os recoñezamos.Velaí unha solución.
Daniel soubo transformar a vida en debuxo, a calor e mornura dos afectos en debuxo, o sufrimento e a resistencia en debuxo.A palabra e o discurso en debuxo.A vida está neles.Esa luz.
Podemos decir, con argumentos nada académicos, pero de galego que quere selo total, que os debuxos de Daniel, estes en especial de negros, son mapas de amor.O medo non podía coller o sítio da esperanza e a solidariedade das nacións e dos pobos non pode volverse estéril.Deste xeito tamén Daniel afirmaba teimosamente, sen paro, a súa noción de “ volta á casa”.
Como di John Berger:
“ Resistir non significa soamente negarse a aceptar a imaxe absurda do mundo que se nos oferta (impón). Hai que denunciala.”
Daniel fíxoo de contíno.
Sabía que na resistencia, nesa escuridade, na longa noite…había unha luz.Sabía que a necesitabamos e buscouna, promoveuna, teimosamente.Esa liberación.
E polo mesmo a Daniel doeríalle esta cultura de papel hixiénico. Electoralista. Consumista. Disque útil.Que non garda e preserva a nosa memoria, que vive de nostalxías escurantistas, mesmo perigosas, que non reforza o noso presente, que quere que o noso pasado se nos perda neste presente, que nos cega para o noso futuro. Ese uso tamén da nosa Lingua, lingua de peito e de pobo, que non se purifica a uso e normalización. Que se usa ritualmente por páscoa florida, folclórica, e para encubrir as verdades. Que non indica.Que non acusa. Que falsifica as palabras. Que non é popular.
Velaí esa marcha triste ao ritmo da nosa música esgotada.
Podemos decir…que eramos como cegos…?
Podemos dicir que asi ainda…somos como cegos…?
Daniel tamén na súa pintura e debuxos alentou os cambios ao mesmo tempo que nos transmitiu a historia e as tradicións.Non foi un domésticado como así (domesticados) non o querían ser os negros que debuxou, os “pretos”, nin domesticadas as nacións e os pobos.
Os seus debuxos neste caso…non estaban feitos soamente de tinta china…
A pintura e o debuxo, a arte, en Daniel foi sempre un terreo de loita.
Seguindo a Jhon Berger, como tamén así moi parecido o dixo Daniel,
teñamos claro que o de que un estómago cheo é un dos soños máis antigos do mundo…iso non pode ser a verdade que queremos.
Na exemplariade de Daniel, como na de tantas e tantos, tomemos a conciencia de termos un pobo, o do galego, porque unha terra de diferentes…ten dereito a existir…a vivir…
Sintamos a nosa dignidade.
Vivámola.
Compartámola.
Disfrutémola a tope.