Manifesto Día das montañas 2023. Amil
Logo de que o Estado español eliminase por decretazo a avaliación ambiental da tramitación da autorización de proxectos eólicos, a Xunta de Galiza reforma a lei para facer prevalecer os proxectos eólicos sobre calquera outra actividade no territorio, declarándoos de “interese público superior”. Con esta manobra golpista pretende esquivar as sentenzas xudiciais que paralizan e anulan os proxectos eólicos ilegais recorridos polo pobo. Ademais, vén de destinar inxentes recursos públicos a unha sociedade público-privada na que está en minoría, coa finalidade de facilitar a explotación dos recursos naturais que son de todos e todas.
Ao tempo, tanto Xunta como Estado seguen a demorar sine die a ampliación dos espazos naturais protexidos galegos e recortando a capacidade de intervención das organizacións sociais e das comunidades de veciños e veciñas afectadas nos procedementos administrativos de planificación e autorización dos proxectos eólicos. A Xunta de Galiza está a prevaricar!
Por se fose pouco, Executivo e patronal protagonizan unha vergoñenta campaña de descrédito e coacción contra o Tribunal Superior de Xustiza, na que acusan ao poder xudicial de crear inseguridade xurídica, e a nós, á veciñanza afectada e aos colectivos sociais, de impedir que o país obteña riqueza e prosperidade. Este servilismo dos gobernos para co capital, co que se alía para atacar aos tribunais e á cidadanía, está a alimentar a lexitimidade do lobby enerxético para exercer con máis forza os seus abusos sobre as poboacións afectadas. En definitiva, os gobernos están entregando o país galego ao capital privado e incapacitándonos para acadar unha transición ordenada, equilibrada, ecolóxica e xusta cara a un territorio libre de combustíbeis fósiles. Son eles, os gobernos e os especuladores os que crean inseguridade xurídica, e somos nós, os galegos e galegas, as que defendemos as montañas e o país!
As montañas abastecen de auga e alimento á poboación, regulan o clima, absorben CO2, controlan a erosión do solo, crean paisaxe e cultura, preservan a biodiversidade e constitúen o fogar secular de boa parte da poboación rural galega. Sen elas, a vida non sería posible. A pesar de todo, elas non gozan da consideración de “interese público superior”, nin prevalecen sobre os intereses privados do gran capital. Desde a Coordinadora “Eólica Así Non” reclamámolas como ecosistemas de interese público de primeira orde, de interese público supremo, principais garantes de saúde, de seguridade e de futuro para o pobo galego.
Reunímonos na Amil, non por casualidade, senón porque aquí estamos a padecer a construción do polígono eólico Acibal e a veciñanza fomos testemuñas de como se dinamita o monte, de como mudan os cotos que coñeciamos e, en definitiva, de como se transforma un monte en terreo industrial. Así vimos deturpar e mesmo desaparecer petróglifos, vimos as vacas e bestas perdidas no medio dos buratos das cimentacións dos aeroxeradores, vemos como se estragan as brañas...
Aquí somos testemuñas de como a Xunta, nomeadamente Augas de Galicia e as Direccións Xerais de Planificación Enerxética e de Patrimonio miran para outro lado cando denunciamos os danos ás augas e petróglifos, e como o Concello se queda de brazos cruzados, incapaz de defender o seu territorio.
Deciamos que a Xunta de Galiza reforma a lei para declarar os proxectos eólicos de “interese público superior” e faino con retroactividade, esa que antes nos negaron cando se estableceu a nova distancia que teñen que cumprir os polígonos eólicos ás nosas casas:
• Se falamos de protexer as nosas vivendas de ruídos e sombras, a Xunta dinos que a retroactividade non é posible, porque as empresas eólicas teñen que ter “seguridade xurídica”
• Onde queda logo a seguridade xurídica para os veciños e veciñas?
Dende os organismos da Xunta dinnos que non teñen persoal suficiente para vir a revisar o que pasa no Acibal, entón, se non son quen de controlar e vixiar a construción dun só polígono eólico, que vai pasar cando estean en construción todos os que están aprobados nos nosos concellos?
Todos e todas nós temos polígonos eólicos previstos nas nosas montañas, Serra da Groba, Serra do Galiñeiro, Serra do Suído, Monte Peón, Serra da Fracha, Serra do Cando, Monte do Pé da Múa, Monte Sistalto, Monte Marcofán, O Paraño, Serra do Candán, Serra do Testeiro, Monte de San Sebastián, Montes de Carbia, Cumeiro, Piloño, Sabrexo, Merza, Bodaño, Serra de Cabanelas, Monte Xesteiras, Monte de Arca, Montes Penaquetanxe, Cádavo, Montouto, Xiabre, Castrove, Acibal,...
Non imos permitir que pase nos nosos montes o que está a pasar co Acibal.
Por todo isto, asociacións, colectivos e cidadanía comprometidos coa defensa das nosas montañas, pedimos:
1º. A necesaria conservación dos espazos naturais, coa
◦ actualización do catálogo de zonas húmidas
◦ a ampliación da Rede Natura e
◦ a correcta avaliación e catalogación da arte rupestre.
Porque a implantación eólica non pode facerse a costa de agravar a perda de biodiversidade e do consecuente aumento das desigualdades sociais e territoriais.
2º. Deter a discriminación do medio rural, que non pode ser obrigado a acoller polígonos eólicos e LAT. As aldeas e as montañas non poden ser terra de sacrificio.
3º. Paralización de proxectos eólicos polos principios de precaución e o de non regresión ambiental.
As asociacións e colectivos reunidos hoxe na Amil
• Colectivo do Vento
• Alarma na Terra de Montes
• Rapa das Bestas de Sabucedo
• Eólicos no Morrazo Non
• Colectivo Feminista Deza Tabeirós
• Asociación Vagalumes
• Roteiros de Lalín
• Asociación Cultural Viarium Dezae
• AsíEólicosNon de Cerdedo-Cotobade
• Non ao parque eólico do Castrove
• Afectadxs Eólicos Vila de Cruces
• Asociación Carbia Deféndese
• Plataforma Terra de Montes en Perigo
• A Lama Vive
• Asociación Boa Vida
• Sindicato Labrego Galego A Estrada
• Instituto de Estudos Miñoráns
• SOS Groba
• Plataforma Sur Dorsal Galega
• Asociación pola Defensa da Ría
• Colectivo A Forneiriña
• Irmandade Illa de Tambo
• Colectivo Anovaterra
• Asociación Umia Vivo
• Centro social A Pedreira
• Colectivo Espazo 16
• Vai polo Río
• "Colectivo Monte Pituco (Pornedo)" de Marín
• SOS Suído Seixo
• Colectivo Arroutada
• Afectados P.E. Monte Festeiros
• ADEGA
• Burla Verde
• A de Rousmeri e
• Amil SEN Eólicos
Por unha transición ecolóxica, xusta e ordenada e por garantir o noso futuro, comprometémonos desde a veciñanza e os colectivos sociais a seguir defendendo as montañas de gobernos e especuladores!
EÓLICA ASÍ NON!