[Lembranza escrita]
Antonio Fraguas Fraguas
Ten a meiguería do dicir un anceio de música de aceiros ben temperados que moven as agudas mans dos canteiros, dende moi cedo, dende a mañanciña. Homes, mociños das quintas e rapaces que van aprender o oficio, érguense moi cedo, cando atinxe o luceiro as penedas da serra e chega a súa luz, luz esfrangullada, o bufardo da palleira onde durmía a turma. A voz de sempre, a voz que manda, fai o anuncio do día como un roufeño zuido que ven como o vento por debaixo da porta. Non hai mais remedio que facerlle caso; hai que erguerse porque logo vai romper o día. Os canteiros teñen que chegar xunto ás pedras cando abre a mañá pero inda pestanexan no ceo un fato de estrelas que vai esmorecendo fío a tío deica quedar soamente luz de fondo vermellón.
Inda non se ve ben de todo e os canteiros por parellas van poñendo as pedras 6 xeito, en poios ou no chan, pra traballo de pico e de punteiro, operación de forza e precisión calzando con rebos xeitosos e lixeiras rachiñas que pon o rapaz ó alzapremar a pedra os canteiros. Posta no seu lugar a pedra, o canteiro que a vai facer, pásalle a man e pousa a chaqueta na súa beira, coile a ferramenta que precisa e a régoa e comenza a música dos aceiros e o canto dos mozos que traballan, dos grandes poetas populares que compuxeron atinadas composicións, principalmente de amores, pra gañar lembranzas e deixar tristezas, como cantaba Villaverde de Famelga axeitando unha pedra pra rematar unha cancela
Canta, miña pedra, canta,
á compás deste punteiro,
canta, miña pedra, canta,
faille compaña ó canteiro.
Vai pesando a mañá en módulos de moi diferentes tons musicais e óense por enriba do conxunto, secos e mais separados, os golpes do martelo grande na barrena e no pistolete, manexados por especialistas da canteira, que darán preparadas as furas pros barrenos que se cargan cando as sombras van a sinalar o medio día. O tempo de arrear os canteiros, o mellor tenor do grupo dará a voz de ¡Fogo! que con certa separación cantará¡ tres veces, e, seguidamente, dirá, cantando tamén, ¡Mecha ardendo! xa solo faltan os estrondos porque con eles remata o medio día da mañá.
A tarde chega deica que aparece a estrela da fartura; coa estrela cara a posta do sol vanse tombando as pedras feitas e algunhas abertas xa cos guillos dispostas pra ser feitas a pico ó outro día. O canteiro xa gañou o día, traballou de estrela a estrela.
Dende fai unhas xornadas a praza onde se vai erguer o pazo de señorío ten xa cubertiños pra que comence o traballo de calidade e precisión nas fachadas da obra. Unha mañá aparecerán aquí os mestres de cantería. Non preguntes de onde veñen, traen un mandado que lle fixeron cantando cando parrandeaban coas mozas diante da fonte da Ferrería no intre en que as campás da igrexa de San Francisco repenicaban prá festa e no reloxo da Peregrina daban a hora das despedidas. Óese o canto con orde de camiñar
Canteiros e carpinteiros
da vila de Pontevedra:
botai polo mundo adiante
buscando madeira e pedra.
Todos levan a súa buxola pra saber hora o rumbo de camiños, e no fondo das cordas do corazón dorme a saudade con unha esperanza de riquezas, de tesouros, de moreas de ouro; moitos pensaban así:
Os canteiros vanse, vanse,
para Santa Liberata,
levan os picos de aceiro
hanos de traer de prata.
Inda queda unha ilusión forrada de lendas de canteiros que atoparon tesouros escondidos dos que ninguén sabia nada e deron riqueza pra facer casa, muros nas leiras, plantar árbores erguer cruceiros e deixar ricos os herdeiros. É unha lenda e os mozos xa non pensan nela, levan na caixa da ferramenta a ilusión de ser os mellores artistas da pedra.
Xa están na praza e ponse debaixo dos pendellos improvisados. Están asentados os cimentos e comenza a labra dos primeiros perpiaños coas correspondentes molduras das que ten o molde de folla de lata. Remexen na caixa os ciceles, collen o escollido e a maceta tronco cónica, e ponse a traballar cada un na pedra encomendada, pedras lisas, e pedras que hai que rematar de desbastar pra darlle feitura á porta e ó balcón. Son todas pedras de conta e sairán das mans dos canteiros sen a mais pequena falta. Ninguén é capaz de sentir como o canteiro a emoción de ver rematada a súa peza artística, a pedra que vai encaixar debaixo da lumieira, é a pedra que mais campa na beira da porta.
O pulimento fai a estimada fariña buscada pra limpeza de pezas nobres da cociña como os peroles de facer doce e, as mozas, atendendo peticións das señoras da casa, van buscar a fariña que se xunta a rente das labras, e van ledas pra botar unha parranda, inda que sexa pequena, co mozo que gardou a poeira que resulta un tanto misteriosa poeira de amor. E un canteiro que sabe dicir cousas tan garimosas que case estremecen o corazón e sempre ten unha resposta pra canto se lle pregunte, o seu falar é un falar que namora. Canta na caída da tarde, e o seu canto son promesas que as rapazas escoitan con saudosas esperanzas e un solpor de ledicias ás que mantén na cadea da cautela a consella agasalleira:
Non te fíes, rapariga,
no canteiro que ben canta:
é a fariña da pedra
que se lle pon na garganta.
Os canteiros son xentes de bo humor dotados dunha intelixencia extraordinaria e polo mesmo graciosos conversadores capaces de engaratusar as rapazas que namoran cos seus parrafeos, por iso non causa asombro a acusación da cantiga facendo responsables do roubo dunha meniña ós canteiros e por non saber quen foi o mozo que a levou son requiridos todos de maneira solidaria:
Canteiriños, canteiriños,
que traballades na pedra,
aquí falta unha rapaza
tendes que dar conta dela.
Alegres co seu oficio, artistas co seu traballo, tiveron na súa vida horizontes de todas as terras e acertaron a poñer a cruz no remate das torres de cantas igrexas, capelas e ermidiñas hai á beira de tantos camiños como ten que buscar os viaxeiros que camiñan no mundo peregrinante. Pero faltou a súa historia, e pra por remedio a tan alto esquecemento un gran investigador, Don Antonio Rodríguez Fraiz, un profundo amante de tan nobre oficio, ten adicado moitas horas na recollida de datos de homes e semblanzas, de obradoiros onde se fala coa pedra que vai ser perpiaño, tranqueiro, lumieira, fuste ou capitel, escollerase o andar, leito e sobreleito, e pra levala pouquiño e pouco, lévase de anda meniño, e inda pra rematar no seu posto da parede chegará na compaña dun canto saudoso guiada pola man dun canteiro que non a deixa deica acougar no seu asento. De mestres, de humildes pero sempre grandes artistas dos canteiros trata este libro que pola calidade do seu contido debera ser feito en litografías que se erguerían como pezas nobres dun monumento, ben labrado, os nosos canteiros. A obra de Don Antonio Rodríguez Fraiz, constitúe a maxistral demostración da óptima categoría dun oficio, que, realmente, é ben merecente dela.
* Introdución do libro de Antonio Rodríguez Fraiz "Canteiros e artistas de terra de montes e ribeiras do Lérez" Compostela, maio 1982.