Calros Solla
Emporiso, semana a semana, aproveitando o pouco lecer que nos dispensa a trasfega cotiá, empregamos o noso entusiasmo inconformista e mais os medios de difusión ao noso alcance para ofrecer de Cerdedo e da comarca unha imaxe alternativa e vivificante, en contraste coa prostración institucional e a resignación da maioría.
Velaquí unha mostra. Organización de visitas e itinerarios: Roteiro Sarmiento (dende 2002), Roteiro da Montaña Máxica (perto de 5.000 visitantes guiados), Roteiro do Pedre Milenario, Roteiro da Pantalla (este ano celebraremos a IX edición), aldea vella de Vichocuntín... Investigación e salvagarda da Memoria Histórica: Proxecto Campo das Laudas, cabodano dos mártires da Ponte do Barco... Valorización e defensa do noso patrimonio natural, etnográfico, arqueolóxico (75 estacións petroglíficas descubertas en Terra de Montes) e arquitectónico. Recolleita do patrimonio inmaterial: grazas ao mecenado da editorial Morgante, creación da colección Cerdedo in the Voyager (a piques de editarse o título nº 20), etc., etc.
Desculpen a compracencia do exordio. A falla de resonancia que o noso tan modesto coma desinteresado labor ten entre os directamente beneficiados fai que, de cando en cando, nos apeteza levar unha mañiza de flores á nosa tumba.
Metámonos en fariña. En Capitán Gosende estamos a vivir xornadas ben gozosas. Días pasados, a tropa deu cun filón petroglífico na aldea de Cuíña (Quireza). A fronde impenetrábel (que poucas veces nos detén) delongou a descuberta dos gravados rupestres do Pousadoiro. Mais nunca é tarde...
Abelloados polo achado dos sitios arqueolóxicos do Pousadoiro I e II, recuncamos ao día seguinte na esculca daqueles predios e, como esperando a quen o busca, batemos cun terceiro panel.
Denominado “petróglifo do Pousadoiro III” (coordenadas.- X: 543.959; Y: 4.711.290; alt. 540 m), a inscultura localízase no bordo inferior dun bolo granítico que sobrancea no pedregal. A sección do penedo elixida para dispor a talla caracterízase pola súa cor abrancazada, en contraste co máis da pedra. No soporte faise evidente a ausencia da carapa de mofo e lique. Deducimos pois, que, até non hai moito, o gravado se ocultaba e gorecía tras unha barreira vexetal (toxo, urce...) que, con certeza, desapareceu por mor do incendio forestal que afectou o lugar hai uns meses.
O petróglifo do Pousadoiro III componse de 25 coviñas de tamaños e fondura disimilares. 19 das 25 concavidades forman un agrupamento. Neste conxunto, 10 coviñas alíñanse describindo (liña punteada) un arco que semella contornar as restantes. A uns 150 cm cara ao norte das anteriores, advertimos a presenza doutras 6 coviñas illadas.
No petróglifo, a coviña meirande (tamén a máis profunda) atinxe os 10 cm de diámetro. A máis pequena acada os 3 cm.
A día de hoxe, xa son 55 os gravados rupestres consignados en Cerdedo, 14 máis ca os rexistrados no libro O legado dos homes pequenos (2017).
En Capitán Gosende esforzámonos por non sucumbir á fusionada moribundia de Cerdedo, malia que, con frecuencia, a nosa tarefa sexa tan rendíbel como urrar no deserto.
Hai alguén aí!?