O colectivo Capitán Gosende dá a coñecer un posíbel crómlech situado na parroquia de Castro
Calros Solla
A estrutura arquitectónica prehistórica, datábel na Idade do Bronce ou mesmo nunha época anterior (máis de 4.500 anos de antigüidade), atópase soterrada –oculta á vista– nun contraforte montés (520 m de altitude) pertencente á aldea de Filgueira (coordenadas centrais do recinto.- X: 547.914; Y: 4.712.066). A zona cóbrese dunha densa e disuasiva matogueira.
O xacemento presenta unha forma ovalada ou elíptica. O eixe horizontal (maior) acada os 55 m de lonxitude, mentres que o eixe vertical (menor), os 25 m. Daquela, o crómlech de Filgueira acoutaría unha superficie aproximada de 4.319 m2, acadando o seu perímetro os 251 m.
O crómlech de Filgueira está composto de oito ortostatos (pedrafitas) de dimensións desemellantes. A separación entre os ortostatos é duns 25 m. A orientación do conxunto é sueste-noroeste. O planalto no que se sitúa antecede uns afloramentos graníticos voluminosos, chamativos e en declive.
O anel lítico de Filgueira sitúase a uns 230 m, cara ao nordés, do leito do regueiro da Devesa ou das Valgadas; e a uns 90 m, cara ao sur, doutro curso de auga intermitente; afluentes, ambos os dous, do río de Quireza, tributario do Lérez.
O pétreo aliñamento afástase, cara ao leste, uns 940 m do centro do lugar de Castro do Medio; e, cara ao sueste, uns 635 m da ermida de Filgueira.
O xacemento de Filgueira localizaríase a 1 km cara ao norte do coto de Castrodiz (631 m), depósito da Idade do Ferro, na estrema interparroquial de Castro e Figueiroa. Así mesmo, o círculo lítico localizaríase a uns 935 m cara ao noroeste da mámoa 2 da necrópole de Pedrouzos, na estrema das parroquias de Castro e Figueiroa; a 1 km cara ao suroeste da mámoa de Penarredonda, na estrema parroquial de Castro e Tomonde; a pouco máis de 1 km cara ao noroeste da mámoa do Alto da Eiriña, na parroquia de Figueiroa; e, finalmente, a pouco máis de 1 km cara ao nordés do gravado rupestre Lombo da Serpe (Castro do Medio), descuberto polo colectivo Capitán Gosende o 16 de febreiro de 2019.
Coa descuberta do posíbel crómlech de Filgueira, Cerdedo achega ao patrimonio galego un sitio arqueolóxico inédito e escaso, parello aos xacementos de Castrotión (Oca, A Estrada), Corzán (Negreira), A Mourela (As Pontes de García Rodríguez), As Fachas (Barreiros), Bealo (Boiro)...
Consonte as imaxes das que dispomos e o traballo de campo, a estrutura elíptica do crómlech de Filgueira non se ve, na aparencia, circundada de valado ou parapeto ningún; de aí que non empreguemos a denominación henge (termo inglés) para identificalo. A forma oval confírenlla as referidas oito pedrafitas, que nos lembran, salvando as distancias, o crómlech de Stonehenge (Amesbury, Inglaterra), ou mellor, o círculo de menhires de Calanais (illa de Lewis, Escocia) ou o círculo megalítico de Drombeg (Irlanda), tamén coñecido polo Altar do Druída.
No tocante aos henges, nestes últimos anos, grazas ao labor porfión do voluntariado, tamén foron aparecendo ao longo e largo do territorio galego henges ou cerradas circulares de pedra (dotados de gabias e noiros), análogos aos documentados nas illas británicas: A Roda (Barreiros), As Lavandeiras (Xove), A Mourisca 1 e 2 (Cervo), Vilarello (A Pobra do Brollón), O Castrillón (Adai, Lugo), Ventosiños (Coeses, Lugo), Riba das Chousas (Paradela), O Castrillón (O Corgo), A Zarra (Castroverde)...; todos localizados na provincia de Lugo. Os colectivos Patrimonio dos Ancares e Tir n’a Nog descubriron e divulgaron moitos deles. Na estrema da Laracha e Cerceda (provincia da Coruña), sitúase o henge das Portaleiras, dado a coñecer polos investigadores Manuel Ruibal e Dolores González (blog Arqueotoponimia, 9-10-2021). Unha completa relación de círculos líticos tipo henge (medio cento) témola no blog O noso patrimonio do investigador Xabier Moure. Na provincia de Pontevedra, Moure consigna o desaparecido círculo lítico da Chan de Marcos (Campo Lameiro) e outros cinco (cromeleques e henges): en Catoira, Santa Trega, Moaña, Sanxenxo e Vilanova de Arousa.
Súmense a esta listaxe –que non deixa de medrar– o henge de Pardesoa (Forcarei), descuberto polo arqueólogo Antón Costa, e os sitios arqueolóxicos do Coto da Roda (Parada, Cerdedo/Castrelo, Forcarei), A Roda da Ameixoada (Figueiroa, Cerdedo) e A Mouteira (Parada, Cerdedo), dados a coñecer polo colectivo Capitán Gosende (Faro de Vigo, 23-9-2012, Faro de Vigo, 2-12-2012, Faro de Vigo, 29-3-2015 e 23-4-2015, respectivamente).
Polo que respecta á súa función e significación, o crómlech de Filgueira configuraría e delimitaría un espazo ritual e sagrado, relacionado con cerimonias fúnebres, místicas ou de entronización, un fito asembleario ou de delimitación territorial, ou vinculado, pola súa orientación, coa astronomía e os ciclos agropecuarios.