O esmoleiro de Tresaldeas
Empregouse a pedra na edificación do baseamento e o ladrillo recebado para o máis. A cachotaría encintouse e riscouse de negro. A pintura do recebado combina a cor branca cunha tonalidade imprecisa de rosa.
Entre o pedestal da cruz e o pináculo da dereita fixouse un eixe para bandear unha campá de bronce canda o seu xugo de ferro, no que se recortou unha cruz.
O esmoleiro de Tresaldeas presenta as seguintes dimensións: 3’63 m de alto (até a cimeira da cruz), 1’90 m de largo (frontal) e 1’50 m de fondo.
No frontal ábrese un van arcado de 1’77 m de alto e 1’39 m de largo, pechado cunha reixa negra, cuxos barrotes centrais dispoñen outra cruz. No marco esquerdo da reixa soldouse a fechadura e, ao seu carón, a caixiña metálica das esmolas. Os ángulos existentes entre o arco e a estrutura arquitrabada decoráronse con senllas cunchas de vieira. Por riba do arquitrabe, ocupando unha posición central, encaixouse unha placa de pedra gris coa seguinte inscrición: “Donada por Luis Blanco y familia - 1962”.
O interior da capeliña está pintado de branco, mesmo o altar corrido e a edícula na que se encadra unha imaxe da Virxe do Carme co Neno no colo, albas figuras orladas cunha fita dourada, a cuxa devoción foi ofrecido o esmoleiro. Asemade, a Virxe terma coa man dereita de dous escapularios de tea. Piso embaldosado.
Fernández de la Cigoña, que se achegou polo lugar en 1998, recolleu a súa “pequena historia”: Luís Blanco, nado no lugar de Tresaldeas, tivo un fortísimo accidente de coche na provincia de Burgos. Prometeu que, se saía con ben, faría esta capeliña en forma de peto (en Esmoleiros e petos de ánimas da provincia de Pontevedra, páx. 73). Durante a nosa visita de hai uns días, puidemos corroborar o anotado polo noso predecesor.
Así mesmo, vinte e tres anos despois do consignado por De la Cigoña, testemuñamos que o esmoleiro de Tresaldeas segue mantendo vivo o culto, pois, reixas dentro, lucían as flores frescas contidas en varios búcaros e ardían tremelucentes as candeas.