EU BEN QUIXERA (Estradenses en Cuba) Explicación da letra
X. Mª Lema
1º. Agradecéndolles as axudas que historicamente prestaron ós seus paisanos de aquí, nos anos duros (finais do séc. XIX e primeiro terzo do XX), nos que subvencionaron a creación de escolas ou a publicación de obras literarias como os Contiños da Terra do mestre estradense Manuel García Barros. No prólogo á 1ª edición (1930), o propio escritor de Callobre recoñece que “gracias á axuda xenerosa dos estradenses que compoñen as entidás «Fillos da Estrada na Habana» e «Unión Estradense» en Bos Aires” se puidera publicar a súa obra, que logo tivera grande éxito na época e anos posteriores (volverase editar en 1951).
Este agradecemento vai expreso na estrofa II.
2º. Levarlles ós emigrados actuais as lembranzas da terra estradense que deixaron hai moitos anos. Lembranzas que lles fagan evocar elementos xeográficos fundamentais coma os ríos Ulla e Umia que atravesan de leste a oeste as terras do concello da Estrada (o Ulla polo norte, o Umia polo sur) [estrofas I e III], que lle fagan contemplar mentalmente toda a extensa comarca natural da Ulla e a súa veiga, de sur (parroquia de Ribela) a norte (o Val de Vea), e de oeste (A Somoza) a leste (Agar) [estrofa IV]. Nestes recordos entran tamén monumentos de lugares tan senlleiros, inequivocamente estradenses, coma os barqueiros de pedra da “ría” dos xardíns do Pazo de Oca [estrofa V].
3º. Finalmente, as referencias afectivas amplíanse á lingua galega, que tanto lle debe ás iniciativas dos galegos da Habana (lémbrese que alí xurdiu a idea da creación da Academia a principios do séc. XX) e á conxunción ou mestura da nosa música coa cubana [estrofa VI], para rematar cunha evocación xeográfica de toda Galicia ó completo: da vila máis oriental (O Cebreiro) á beira do mar [estrofa VII].
Explicación da música
X. Comesanha
Existen tres partes musicais diferenciadas en seis estrofas máis a coda que se desenvolve na VII estrofa.
1º) ESTROFAS I, III, V: configuran o tema principal coas notas Re, Si, La, Sol, Mi, con variacións incluídas en cada bloque, pero comportándose como leitmotiv que realza a unidade e identificación da melodía principal desta Romanza. No Bloque V é destacable a mutación da voz das sopranos polos tons de Si, Sol#, Fa#, Sol#,Mi, creando un ambiente cálido que fala dos barqueiros de pedra de Oca e do desexo de que puideran partir cara a Cuba para trasladar as lembranzas da terra. Este ambiente cálido e sentimental que se fai escoitar nas voces das sopranos, están acompañadas do resto das cordas harmónicas da coral, que van recordando con nostalxia o texto EU BEN QUIXERA, que lle dá título a este poema.
2º) ESTROFAS II, IV: configuran a danza con ritmo de foliada, creando un carácter musical moi tradicional, evocando de maneira festiva o motivo de cando chegaban de Cuba subvencións para as escolas, evocando a publicación de obras coma os Contiños da terra do noso Manuel García Barros, e, así mesmo, con esta métrica musical, insinuar o recordo do val do Ulla.
3º) ESTROFA VI: dispón a letra a través dun ritmo en forma de habanera, xa que se plasma unha complicidade entre a lingua materna e o arquipélago do Caribe cheo de son tropical. Neste bloque a música pasa a ser dunha expresión romántica-festiva a ter unha doce calidez arrolada polas ondas do mar.
4º) CODA - ESTROFA VII que segue cos parámetros musicais das estrofas I, III, V incorporando nos dous últimos versos a cadencia final da obra musical.
Eu ben quixeraI. Eu ben quixera estradense en Cuba traerche da terra os airiños do Ulla. II. Chegaran da Habana cartiños pra escolas das letras primeiras e pra publicar os Contos da Terra, a obra senlleira dun mestre sen par. III. ¡Ai quen puidera en grácil burbulla traerche ben fresca auguiña do Umia! IV. Eu ben che quixera os ollos prestar pra que ver puideras, lonxe como estás, da Ulla a súa veiga de Ribela a Vea, da Somoza a Agar. V. ¡Ai quen me dera que de Oca vogaran a remo e a vela os barqueiros de pedra! VI. Da Estrada eu viñera pra che parolar na lingua materna e pra che cantar, se a voz non me trema, a doce habanera de son tropical. VII. Eu ben quixera, estradense irmán, traerche enteira a terra galega do Cebreiro ó mar. * Letra: Xosé Mª Lema. Música: Xavier Comesanha |