Xoán Carlos Garrido
O propio Fraguas lembraba como evitaba pasar por este Concello para ir a súa casa natal en Cotobade desde a súa residencia de Compostela, dando un rodeo para evitar un mal recordo, unha lembranza dolorosa. Fora unha experiencia traumática que tardaría en superar, se é que algunha vez o superou.
Non tiña vocación de heroe, simplemente amaba á nosa Terra e as súas manifestacións culturais. A pesares de exercer de concelleiro do PG na Estrada, quixera que a súa querencia polo propio non tivera esa carga de activismo partidista. Gostaría que a súa labor de promotor dun grupo de teatro no que as súas alumnas exhibían a súa independencia como mulleres non tivera como consecuencia que as fixeran pasar polo cuartelillo da falanxe, do que algunha delas saíu coa cabeza rapada (Sara Caramés). Desexaría que a súa labor arqueolóxica de recollida de vestixios dun pasado glorioso que acabou forxando o Museo de Historia do Instituto non provocara a ira dos que o saquearon para borrar calquera mostra da existencia dun pretérito propio.
Mais Fraguas é un exemplo da imposibilidade de disociar a cultura da política nun país oprimido. Por moito que se quixer. Mais tamén o é que a destrución da nosa cultura e patrimonio non é inocente senón que responde ao interese político por menoscabar a nosa autoestima. Non só a lingua. Senón calquera tipo de manifestación que puxese en valor o noso.
Nestes momentos, no concello no que Fraguas loitara por dar a coñecer o seu rico tesouro patrimonial, o seu legado arqueolóxico, a súa cultura popular, etc... estamos a asistir a demolición sistemática de todo isto. Nalgúns casos de xeito activo (os pasos de Gundivaos arrincados polo Concello para usar a súa pedra) noutros simplemente a través do desleixo (Torre de Guimarei, Casa do Povo, Igrexas, Pontes, Cruceiros, etc...).
Fraguas é tamén o nome dunha aldea abandonada do recentemente fusionado concello de Cerdedo co seu natal de Cotobade. Esa aldea, como moitas outras do país, son reflexo do que está acontecer nun mundo rural en liquidación. Con esta aldea pérdese e abandónase unha enxeñosa arquitectura popular, séculos de historia oral que se foron deitando nos membros daquela comunidade, a toponimia máis abundante de toda Europa e moitos outros bens que nos foron transmitidos de xeración en xeración para que a actual os dilapidara nuns poucos anos de xeito irreversíbel. Mais isto non é unha maldición bíblica nin unha catástrofe natural. É unha decisión política.
Dicir Fraguas, é lembrar os límites do activismo cultural á marxe da política nun contexto como o da nosa Terra no que simplemente abrir a boca e usar unha ou outra lingua xa é tomar partido.
* Terra e Tempo. (18-02-2019)