Xosé Enrique Acuña
No Yapeyú, (referencia ao lugar berce do liberador José de San Martín) figuraba Agustín Pérez Pardella, un mariño habitual do mar de Vigo e que, nas súas arribadas, mantiña un trato puntual con Álvaro Cunqueiro, José María Castroviejo ou Julio Siguenza. Pardella, fillo dun emigrante galego, poeta arxentino, foi a autoridade no transatlántico que avisou, ante as preguntas dun xornalista de El Pueblo Gallego, que no seu barco viaxaba o que el definía como o máis importante libreiro de América do Sur. A sorpresa para Belarmo, tal era o xornalista, foi cando, presentado e xa situado ante o libreiro, este confésalle con orgullo a súa orixe: “Son de Vilar, preto de Forcarei”. Desde ese momento soubo Belarmino Calvo Belarmo que tiña entrevista e que esta circularía decontado como unha historia de emigración que enxalzar.
A bordo do buque —no que tamén retornaban repatriados grazas á caridade pública varias ducias de emigrantes galegos, dos fracasados e empobrecidos— este home narraba pola contra unha traxectoria persoal de éxitos que concordaba plenamente co adiantado polo poeta e dramaturgo Pérez Pardella. O influínte libreiro localizado dixo chamarse Francisco Gil e como data de nacemento apuntou o 5 de maio de 1915. O reporteiro toma nota e na entrevista xa publicada recóllese que chegara á Arxentina cando só contaba cinco anos e que desde moi neno non parara nin de traballar nin de estudar. Certo día, sendo mozo, chamaran por el para fregar e varrer os solos dunha gran libraría de Buenos Aires. Daquela tiña dezasete anos e na mesma libraría, declarou, seguía a traballar tres décadas despois.
Gil non ía desembarcar en Vigo. Viaxaba en tránsito. Non era o momento aínda de visitar a súa mínima aldea natal de Forcarei. “Terei tempo á volta desta viaxe”, conta, e á vez explícalle ao informador o motivo desta: “Vou a Francia para abrir contactos con libreiros, editores e escritores”. Unha misión certa, pero que ao tempo agachaba o desexo de retornar a unha terra que deixou nese treito da nenez no que a memoria pouco ou nada fixa. Francisco Gil, o libreiro, dáballe volta desde 1960 a unha idea que o obsesionaba e perseguía mais que batía co alto prezo das viaxes atlánticas. Un atranco que acadou solución en 1963 por conta da solidariedade dos seus máis íntimos amigos que optaron por recadar fondos que cubrisen o, para el, caro embarque. Un destes compañeiros, o máis activo, fora precisamente o poeta e oficial da mariña Agustín Pardella e outro será un pintor de enorme prestixio que aportará unha obra para facer con ela unha poxa solidaria. Antonio Berni, bon amigo de Gil, o doador da peza, tratara en tempos parisinos e prebélicos ao marxista Henri Lefebvre, coñecera os surrealistas máis senlleiros, dos que abrazou parte do seu ideario político e artístico, entrou e deixou o Partido Comunista despois de retornar a Arxentina onde sobre todo triunfará como muralista.
Na libraría El Ateneo e con Jorge Luis Borges
E cal foi o motivo para que estes dous homes fixesen por Francisco Gil? A resposta podemos atopala nesa libraría na que traballaba desde os anos trinta. Con local no centro de Buenos Aires, o negocio fora fundado en 1912 por un emigrante, rioxano e socialista, de nome Pedro García baixo a razón social de El Ateneo. Alí será onde o emigrante de Forcarei vai formándose ao longo do tempo até acadar a confianza do seu patrón, que certo día decide colocalo á fronte da sección de Literatura. Antes, e por anos, un autodidacta Francisco Gil formárase nos corredores de libros entre o contacto cos seus informados clientes e as ensinanzas que recibe do que por un tempo será compañeiro de emprego. O gran Santiago Rueda, sobriño do propietario, que deixará posteriormente a libraría e se converterá nun dos máis sinalados renovadores da edición en Arxentina.
El Ateneo ocupaba un amplo local na rúa Florida e a ela acudía todos os día Francisco Gil desde o popular barrio de Nueva Pompeya no que a súa familia se instalara nada mais chegar emigrada a Buenos Aires. Nesta avenida porteña ocupou localizacións diferentes até rematar asentada no número 340 e lindeira co edificio que acollía o xornal La Nación. Desde el saía José Blanco Amor (o “outro” Blanco Amor), unha das súas firmas de referencia, para procurar de Gil os libros que este xornalista e escritor precisaba para documentar o seu labor de editorialista. Como tantos outros confiaba na portentosa capacidade memorística dun libreiro que xa tiña acreditado un prestixio desde o que se permitiu gozar da amizade e as confidencias dos máis importantes intelectuais arxentinos. Un deles, o poeta Luis Alposta, é o que transmite como se abriu unha singular camaradaría entre Jorge Luis Borges e quen será por anos o seu libreiro de confianza. Alposta —á vez médico e biógrafo dos pioneiros do tango, foi o que, por consello do médico galego-arxentino Antonio Pérez-Prado, preparou a tradución ao lunfardo dos Seis poemas galegos de Lorca— deixou escrito que unha noite de decembro de 1975 entrou, e compartiu cea, na casa de Borges da rúa Honduras grazas a Francisco Gil, desde había anos íntimo do escritor.
Todo un exemplo do círculo de amigos que abriu Gil a partir do seu labor nunha libraría como El Ateneo, tamén dotada de editorial e con sucursais abertas noutras grandes cidades arxentinas, e que se converterá da man do libreiro galego nunha clara e aceptada referencia do mundo cultural de Buenos Aires. Gil frecuenta a Borges, goza da súa confianza, e recibe o mesmo trato de mestres como Ernesto Sábato e Manuel Mujica Láinez que igualmente confían da discreción dun home que, á vez que lles solventa peticións e encargos, é quen de se atrever a recomendarlles lecturas. Gil, nos longos anos que rexentou o día a día da libraría El Ateneo, coincidiu con escritores de todas as ideoloxías e viviu, con eles e as súas distintas ideas, todos os avatares da política arxentina co peronismo e a cruel ditadura militar como momentos máis extremos. Aberto á amizade de escritores máis tradicionais como o novelista Eduardo Mallea, católicos como Francisco Luis Bernárdez, —de quen se dicía que pasaba horas, co permiso de Gil, a ler de balde en El Ateneo— ou canónicos como Ricardo Molinari, Carlos Mastronardi, Adolfo Bioy Casares, Victoria Ocampo, Leopoldo Marechal ou Arturo Marasso, poeta e profesor de grego de Julio Cortazar. Tamén, e por centos, se relacionou con outra sorte de intelectuais, xa nalgún dos casos máis novos ca el, e que procuraban de Francisco Gil —para eles don Francisco— o contacto preciso para coñecer e se achegar, aínda que fose por un momento, ás grandes figuras, casos de Borges ou Sábato, ou que, coa súa mediación, se lles abrisen as portas dunha editorial calquera onde publicar. De tal xeito que Gil tratou a xente máis fóra do común como a poeta e cantora María Elena Walsh, parella da folklorista Leda Valladares e da fotógrafa Sara Facio, a Norath Lange, unha narradora con orixes entre nórdicas e e irlandesas, a escritora ucraína Julia Prilutzky, o ilustrador e poeta trotskista Miguel Ángel Bustos, un día desaparecido, e despois asasinado polos militares en 1976, a Carlos Penelas, tamén poeta e historiador dos anarquistas galegos na Arxentina ou a Marta Linch, novelista de vida contraditoria que certo día decidiu suicidarse cun tiro de pistola, e que sempre, cando visitaba El Ateneo, xeraba atención pola súa construída e natural beleza.
Entre artistas, escritores e exiliados
Mostras todas do arco de familiaridades que Francisco Gil despregou como xestor dunha libraría na que, con continuo ánimo de innovar, igualmente se responsabiliza de organizar eventos, recitais e mostras artísticas. Alí pendurou gravados Luís Seoane e alí se vendían, por consello directo de Gil, moitos dos seus libros de artista. Seoane, cos seus amigos arxentinos Norberto Falcini e Alberto Girri, era asiduo de El Ateneo e mesmo, en retornos a Galicia, confiáballe encargos, mesmo cartos, a un libreiro, da súa confianza que recibía visitas de vellos amigos do pintor, como o dramaturgo escocés Wiliam Shand, e que por el, lle mandaba saúdos fraternais a un home como Seoane que na súa libraría sempre logrou un espazo privilexiado. De feito as obras gráficas saídas da “factoría Seoane”, entre elas os selos ou editoriais galegas que creou en Buenos Aires, sempre se venderon en El Ateneo e homes ligados a estes proxectos, casos de Rafael Dieste ou Lorenzo Varela, non era raro velos pola libraría de Gil. O mesmo acontecía con Otero Espasandín, co fotógrafo —é tamén libreiro por un tempo— José Suárez ou Arturo Cuadrado, poeta, editor e locutor radiofónico de sona en Buenos Aires, que sempre gustou duns animados faladoiros como os da libraría El Ateneo nos que a presenza de exiliados da guerra do 36 coma el —tantos deles pintores ou escritores— sempre se fixo notar.
O cadro de amizades aberto por Gil no transcurso da súa vida profesional e persoal —vendíalle libros directamente ao presidente Héctor Cámpora que ás veces non levaba enriba cartos para pagalos— non evitou, todo o contrario, que esquecese a vida do seu barrio. O libreiro galego animou a creación dunha biblioteca popular en Nueva Pompeya e contribuíu á vida cultural alí desenvolvida e na que, fóra de elitismos, participaba directamente co concurso doutros seus amigos do campo da cultura. O cantante de tangos Lucio Demare, o pintor Emilio Centurión, o tamén artista e ensaísta, fillo de galegos, Rodrigo Bonome, o lunfardista e letrista de tangos Julián Centeya, o poeta Jorge Isaacson, biógrafo do gran Macedonio Fernández, e o coleccionista Gregorio Plotnicki, creador do Museo Manoblanca en Nueva Pompeya (alí existe unha sala adicada ao libreiro galego), e que será, tras a morte de Francisco Gil en 1997, dos que enredará para que a súa figura quedase presente no rueiro de Buenos Aires por medio da colocación dunha placa, na praciña de Centenera y Cruz, que perpetuase o seu nome: “Francisco Gil (1915/1997). Librero mayor de Buenos Aires. Vecino de Nueva Pompeya. Homenaje de la Ciudad”. Unha consideración oficial desde a que se recoñecían as súas décadas de traballo en El Ateneo e que o emigrante de Forcarei recibira, de xeito oficial, en 1975 por parte da capital federal arxentina. Antes, en 1964, Francisco Gil conseguira ser a primeira personalidade que, sen ser escritor, resultou elixida como socio de honra da Sociedad Argentina de Escritores. O motivo non foi outro que unha anterior decisión imaxinada polo libreiro e que, de xeito unánime, se sitúa como antecedente directo do que co tempo será a prestixiosa Feira do Libro de Buenos Aires. Gil puxera en marcha no interior de El Ateneo o que el bautizou como “A primavera das letras”. Un evento desde o que autores e autoras firmaban exemplares dos seus libros e entraban en contacto directo cos seus lectores e que, como tantos outros aspectos e anécdotas da súa vida, non deixou ser gabada e repetida por outro escritor, neste caso peronista dos de cargo e goberno, como José María Castiñeira de Dios. Un poeta natural da Tierra del Fuego que pronunciará charlas sobre a vida e milagres do libreiro nacido no lugar de Vilar, parroquia de San Amedio da Millerada, Forcarei.
Na entrevista que en Vigo lle realizaran a bordo do Yapeyú, aquel día de setembro de 1963, Francisco Gil anunciaba que despois de percorrer Francia, visitaría á fin o seu Forcarei natal. Non coñecemos se tal feito se chegou a producir. Belarmo, o xornalista a pé de porto co que charlara (e que rematou sendo redactor-xefe no diario deportivo Marca), lanzáralle daquela unha pregunta propia de emigrante: “Fixo cartos?”. Francisco Gil, o libreiro amigos de tantos escritores e pintores, contestoulle: “Xa llo dixen aos meus fillos. Non gañei moito… mais teño amizades e gañei tamén a posesión dunha biblioteca que é unha verdadeira xoia”. Unha biblioteca, sóubose tras a súa morte, inzada de primeiras edicións, exemplares adicados e orixinais artísticos, propia de todo un “libreiro maior” de Buenos Aires. Como para lembralo a cen anos do seu nacemento.
* Publicado orixinariamente na web Biosbardia:
https://biosbardia.wordpress.com/