Calros Solla
O colectivo Capitán Gosende avanza no seu sílabo de reloxos de sol, engadindo á súa listaxe os cinco cuadrantes da parroquia de Castro
Non achamos reloxo de sol ningún no lugar de Castro do Cabo, nin lembranza da súa pasada existencia.
Castro do Medio:
Grazas ao testemuño dos naturais, soubemos da pretérita existencia na aldea de dous reloxos de sol:
–O reloxo de sol da casa de Isolina.
–O reloxo de sol da casa de Xulio.
A casa de Isolina sitúase na Aldea de Baixo. A vivenda orienta cara ao sur dous pinches. O anterior arma unha cuberta a dúas augas e o posterior, un tellado a tres. No bico dun dos pinches, quizais no anterior, asentaba un cuadrante de ruda feitura. Peza de granito cuadrangular de base rectangular, coa face superior tallada en arco. Gnomon orientado cara ao sur. Tipoloxía cuadrangular.
O reloxo debeu precipitarse ao chan dende o seu postoiro, pois o noso informante lémbra os fragmentos (dúas metades) arrecunchados nas inmediacións da vivenda. Ao parecer, os anacos puxéronse a recado hai unha década. O noso informante puido tirarlle daquela unhas fotografías das que, non tardando, haberemos ter noticias.
A casa de Xulio sitúase na Aldea de Riba, á beira esquerda da rampla de acceso ao lugar. Antes das obras de reconstrución, a vivenda abría unha solaina cara ao sur. No mesmo balcón situábase o cuadrante, hoxe desaparecido, do que non posuímos unha descrición precisa. Probabelmente, a pedra na que se tallou o reloxo, de feitura cudrangular, embutíase na parede da casa.
Pendurada da parede, baixo o beirado do mesmo balcón, tamén se exhibiu durante décadas (aproximadamente, dende os anos 30 ate a década dos 80) unha colosal vértebra de balea que chamaba a atención de propios e alleos.
Filgueira:
–O reloxo de sol do Pardiñeiro.
–O reloxo de sol da ermida da Virxe dos Remedios.
Na chamada Casa de Baixo (hoxe, belamente restaurada e empregada como Casa do Pobo), localizábase o reloxo de sol do Pardiñeiro. O cuadrante pousaba encol do lintel do portal de acceso á vivenda que, no pasado, foi propiedade dun cura. Vai para vinte ou vinte e cinco anos que falta do sitio. Tallado en pedra de gran, os informantes descríbeno xa circular con peaña, xa cuadrangular de base rectangular e cos cantos arredondados. Todos os informantes coinciden en que o gnomon non tiña a típica forma de nariz, senón que unha variña metálica se fincaba oblicuamente no cénit da escala horaria.
Volvemos salientar o bo traballo de restauración e rehabilitación levado a cabo pola veciñanza de Filgueira na, antano, ruinosa Casa de Baixo; hogano, flamante Casa do Pobo. Unha soberbia construción dotada, entre outras curiosidades, dun patio exterior con bebedoiro e manxadoira para cabalarías. O pío do bebedoiro, afastado do chan, embútese no muro para mellor abeberar os cabalos. No soarego da manxadoira, formado por dúas lousas de pedra, labráronse cadansúa cunca para conter o gran da ración (avea, millo, orxo, trigo). Moitas grazas, Xulia, pola visita guiada. Animamos os veciños de Filgueira a encargarlle a un bo canteiro unha reprodución do seu cuadrante roubado, para, sobre o cargadeiro do portal, pórlle a guinda á sua magnífica Casa do Pobo.
No cotarelo da Eira da Ermida, o reloxo de sol da capela da Virxe dos Remedios pousa nun recanto da cuberta do templo, á esquerda da porta. O cuadrante, malia carecer de gnomon, oriéntase cara ao sur. O limbo do reloxo tallouse nun resalte circular da escultura. A peza asenta nunha base cuadrangular de base rectangular cos cantos arredondados, prolongada cun lampión moldurado que lle confire unha fasquía de laúde. De fronte, no “mastro” do lampión tallouse un símbolo semellante á flor de lis e na “cavilla”, quizais, unha tetrapétala ou cruciña (moi luída). Reloxo de sol de tipoloxía circular.
A capela dos Remedios ergue unha espadana de dous vans. Encol do lintel da espadana asenta un pináculo central perforado, flanqueado por dous lampións. O pináculo coróase cunha cruz de ferro en cuxo pé vira un fermoso catavento. Na dirección represéntase un raposo perseguindo un capón.
Bugarín:
–O reloxo de sol da Casa da Escola.
Na escola de Bugarín houbo en tempos un reloxo de sol. O cuadrante, tallado en granito, cuadrangular de base rectangular, situábase na parede sur do edificio, encaixando entre un saínte da cachotaría e unha pequena peaña (orientación sueste). Un informante octoxenario díxonos que o mandara facer e colocar o mestre Bonifacio Alonso Torre (xubilado en 1895), que aínda chegaría a ser alcalde de Cerdedo (1905-6).
Non me resisto a facelos partícipes dunha graciosa anécdota. Así que nos apeamos en Bugarín, trabamos conversa cunha veciña nonaxenaria. A muller non só descoñecía que na aldea houbese reloxos de sol, senón que a humanidade había milenios que os inventara. O compañeiro Soto púxoa ao corrente do funcionamento dos cuadrantes. Tras a explicación, a candorosa muller exclamou: “Que adiantos!”.
Tras o escrutinio da parroquia de Castro, engadimos 5 reloxos de sol á nosa listaxe. Daquela, nos casaríos de Cerdedo, Pedre e Castro documentamos un total de 22 reloxos de sol, dos cales, que saibamos, só se conservan 9.
Continuará...