Calros Solla
A limpeza e rareamento levados a cabo naqueles predios e, en concreto, no lugar denominado Os Castelos, permitíronnos admirar en toda a súa magnificencia o santuario rupestre da Laxa das Filloeiras. A máxica luz do abrente axudounos a viaxar no tempo, remontando o horizonte dos 4.500 anos. Non hai mellor porta dimensional ca aquela que se atravesa coas ás do pensamento.
É motivo de orgullo lembrarlles que unha feliz tarde de marzo de 2012 dei co petróglifo identificado como “Laxa das Filloeiras I” (cinco círculos concéntricos adobiados cunha coroa de nove coviñas) e, dous meses despois, o 22 de xullo, a fortuna sorríume de novo co achado da “Laxa das Filloeiras II” (unhas 50 coviñas, das cales, 23, por mor do seu maior diámetro (até os 23 cm), escasa profundidade e fondo plano semellan o molde tradicional empregado para elaborar as filloas, características que inspiraron o nome). Os motivos representados no panel da Laxa das Filloeiras II son rarísimos, atrevéndonos a afirmar que non teñen parangón na arte rupestre galega e mesmo atlántica. Cinco anos atrás, naquela gozosa tarde marzá do ano 12, o sanctasanctórum dos Castelos chamara por un, agochado nunha selva impenetrábel de toxo, xesta e radiata.
Agradecemos o traballo de desbravamento efectuado pola Comunidade de Montes de Pedre. Ben sabemos que na contorna das estacións petroglíficas a corta da maleza (toxo, silvas, fento...) non só favorece o acceso dos visitantes, senón que serve de eficaz barreira protectora en caso de incendio. De calquera xeito, advertimos os comuneiros que á beira do sitio arqueolóxico debérase empregar ferramenta manual e non o sistema de corte (grosas cadeas xiratorias) adaptado á transmisión dun tractor. A precaución tense que facer extensiva aos outros cinco gravados rupestres espallados polo monte da parroquia: Corvas I e II, Outeiro da Corva e, en especial, aos petróglifos da Laxa da Romaxe I e II, situados, monte abaixo, a escasa distancia das Filloeiras. Se os comuneiros precisaren información, brindámoslles gustantes a nosa colaboración. Vállanos de penoso exemplo o acontecido no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro en 2015. Aprendamos pois dos erros.
Gabamos o interese mostrado arestora pola Comunidade de Montes de Pedre. Amólanos un chisco que tivésemos que agardar catro anos para ver recoñecido o froito do noso traballo. Catro longos anos, o tempo que lles levou caer da burra aos mandatarios do desaparecido concello de Cerdedo. Tamén nos causa fastío que os dous paneis informativos instalados en Pedre pola cesada autoridade e, en concreto, o chantado a medio camiño da Laxa das Filloeiras e da Laxa da Romaxe, estean ateigados de imprecisións (sen dúbida, os artífices descoñecían o que pretendían dar a coñecer). O colectivo Capitán Gosende divulgou puntualmente o resultado das súas pescudas; consúltense as hemerotecas, procúrese na internet. Os erros impresos no devandito panel son froito da preguiza ou da soberbia, ambos os dous pecados capitais.
Tristemente, no letreiro que tenta interpretar a arte rupestre de Pedre, parroquia agraciada con catro das manifestacións máis relevantes daquel concello que foi, non se fai mención do Capitán Gosende, o colectivo local que as atopou e bautizou. E con esta omisión, a autoridade pecou ademais de avareza, envexa e ira. Moito teñen pois que confesar. Por fortuna, hoxe por hoxe, abondan os medios para dar a coñecer o noso humilde labor. Levamos tempo implicados na promoción cultural de Cerdedo e xa estamos afeitos a estas mostras de cativeza.
A expedición do sábado 7 de xaneiro deu para moito. De primeiras, posibilitou a localización e estudo dun novo panel inscultórico, situado a poñente do nomeado “Laxa das Filloeiras II”. O conxunto, composto de 11 concavidades (7 filloeiras e 4 coviñas), labrado noutro soporte granítico rasante, localízase, terra polo medio, a 3’60 m da laxa principal. A meirande parte dos elementos foron tallados na veta de pedra de gran fino que, continuación de “Filloeiras II”, suca o laxedo de leste a oeste. Salientamos nas nosas anotacións unha asociación tanxencial filloeira-coviña e unha combinación de dúas coviñas unidas por canliña, tanxenciais a outra filloeira. Por xunto, os motivos ocupan unha superficie aproximada de 1 metro por 90 cm. Este anexo de “Laxa das Filloeiras II”, eleva o número de cavidades a 61, das cales, 30, adscríbense ao modelo “filloeira”.
De segundas, o traballo de campo permitiu determinar con maior exactitude as dimensións desta “catedral da arte rupestre”. O santuario prehistórico das Filloeiras non se limita ás pedras gravadas. O espazo sagrado, cuxo adral abrangue uns 1.200 m2, está deslindado por media ducia de prominencias graníticas. A saber:
Cara ao leste, Os Castelos, penedía sobranceira que, a xeito de frontón ou fastixio clásico, encabalga os seus fragueiros até acadar unha altura duns 6 ou 7 metros. Ollándoa de fronte, o rochedo emerxe mostrando unha base duns 30 m de anchura. Nas penas do cimo, a natureza insculpiu un bo número de bacías.
Tomando Os Castelos como referencia e no sentido contrario ás agullas do reloxo, cara ao norte, dous penedos obran funcións demarcativas. O segundo fito sitúase a uns 13 m do centro do frontón. Apoiado en dous puntos sobre o chan, é un pelouro de 3 m de alto e duns 14 m de perímetro medial. Coróase con 7 fondas barquelas naturais. Ao seu pé, espállanse, con querenza lonxitudinal, unhas 50 concavidades (das cales, 23, responden ao modelo xa explicado da “filloeira” (“Laxa das Filloeiras II”)). A 4 m cara ao oeste do segundo fito, érguese o terceiro. É un penedo de 1’30 m de alto e 7’50 m de perímetro medial.
O cuarto fito rochoso (de feitura cónica) arrédase, cara ao oeste, uns 22 m do terceiro e uns 40 m do frontón castelado. Ten uns 2 m de alto e un perímetro medial de 7 m.
Outras dúas prominencias rochosas deslindan o santuario polo sur. O quinto fito é o óvalo granítico (5 m de eixe mor) no que se tallaron 5 círculos concéntricos e 9 coviñas cenitais (“Laxa das Filloeiras I”). Elévase uns 60 cm sobre a laxa (escenario lousado duns 15 m de diágonal). Sitúase a uns 22 m do cuarto e a 8’50 m do sexto. O sexto fito (de feitura cónica) posúe unha altura de 1’40 m e un perímetro medial de 3’60 m. Localízase a uns 15 m do centro do frontón, pechando a xeometría sagrada.
Entre o frontal da penedía e os fitos segundo e sexto, esténdese unha faixa terreira onde medran exemplares novos de carballos e piñeiros.
Por completar a restra de medicións, o segundo fito afástase 8’50 do quinto e 13’50 m do sexto. O terceiro fito afástase, así mesmo, uns 10 m do quinto.
Agás o bolo que serve de soporte ao petróglifo “Laxa das Filloeiras I” (avultamento da laxa), os outros cinco fitos semellan pedróns independentes da superficie na que asentan.
Aquilo que chamou a atención da humanidade da Idade do Bronce segue impactando á humanidade (minimamente sensíbel) da Idade Tecnolóxica.
Entre os fitos terceiro-quinto e o cuarto, separados uns 22 m, a Comunidade de Montes de Pedre ordenou abrir unha devasa duns 7 ou 8 m de ancho que atravesa o sitio arqueolóxico de norte a sur. Tanto para as tarefas de devasa como para a roza empregouse maquinaria pesada.
Sería conveniente que, no futuro, as tarefas de desbravamento que se efectúen no recinto acoutado conten coa supervisión dos expertos de Patrimonio, pois, o achado do pasado domingo indica que o lugar aínda cala moitos segredos, aconsellando que a área de cautela atinxa, como mínimo, os devanditos 1.200 m2.
Aledámonos de que por fin os comuneiros de Pedre tomasen en consideración a súa herdanza prehistórica da que son lexítimos custodios. Teñan por certo que, cuns 3.000 anos de diferenza, o santuario da Laxa das Filloeiras, oculto naquela fronde montesía, foi para os nosos devanceiros tan sagrado como, para os contemporáneos, segue a ser a igrexa do Santo Estevo.
Por lei, calquera petróglifo goza de seu da consideración BIC (Ben de Interese Cultural), porén, somos conscientes de que a figura de protección máis eficaz dimana da boa vontade dos propietarios dos predios nos que se enclava o patrimonio de todos. Os comuneiros de Pedre, beneficiarios deste magnífico legado, débense erixir nos seus meirandes defensores. Así sexa.