A manifestación, organizada dende a Coordinadora Eólica Así Non, dará comezo ás 12:00h na Escalinata dos Milagres de Amil e na provincia de Pontevedra está apoiada por Amil sen eólicos, Colectivo do Vento, Asoc. Alarma na Terra de Montes, Asoc. Rapa das Bestas de Sabucedo, Eólicos no Morrazo Non, Colectivo Feminista Deza Tabeirós, Asoc. Vagalumes, Roteiros de Lalín, Asociación Cultural Viarium Dezae, AsíEólicosNon de Cerdedo-Cotobade, Non ao parque eólico do Castrove, Afectadxs Eólicos Vila de Cruces, Asoc. Carbia Deféndese, Terra de Montes en Perigo, A Lama Vive, Asoc. Boa Vida, Sindicato Labrego Galego A Estrada, Instituto de Estudos Miñoráns, SOS Groba, Plataforma Sur Dorsal Galega, Asoc. Pola Defensa da Ría, Colectivo A Forneiriña, Irmandade Illa de Tambo, Colectivo Anovaterra, Asoc. Umia Vivo, Centro social A Pedreira, Colectivo Espazo 16, Vaipolorío, Colectivo Monte Pituco (Pornedo) de Marín, SOS Suído Seixo, Colectivo Arroutada, Afectados P.E. Monte Festeiros, ADEGA, Burla Verde, A de Rousmeri.
Esta data foi elixida con motivo do Día Mundial das Montañas, ecosistema e medio de vida especialmente ameazado pola vaga eólica.
Os colectivos convocantes tamén chamaron a participar, a través de instancias e convites, a todos os concellos e grupos políticos das corporacións locais,así como ós axentes sociais en xeral que fan parte ou traballan polo porvir dos nosos concellos.
O lema empregado nesta ocasión para os actos reivindicativos será: “Defendemos as montañas fronte a gobernos e especuladores”, co propósito de ensalzar o determinante papel que está a xogar a sociedade civil organizada na defensa do territorio galego fronte o espolio eólico e a traizón dos gobernos.
O pobo, empoderado na defensa do territorio
Esta é a terceira edición na que a Coordinadora Eólica Así Non aproveita o Día Mundial das Montañas para apelar ás administracións públicas a defender os valores e recursos naturais comúns dos montes galegos fronte á depredación eólica. Porén, hai tempo que os gobernos da Xunta e do Estado veñen demostrando un manifesto abandono da súa función pública como valedores do interese xeral no proceso de transición ecolóxica, para poñerse ao servizo do lobby enerxético. Aos decretos de guerra do Estado español, que eliminan a avaliación ambiental da tramitación das autorizacións de renovábeis, súmanse agora as novas iniciativas lexislativas de excepción da Xunta de Galiza que declaran a prevaleza dos proxectos eólicos sobre calquera outra actividade no territorio, e que destinan inxentes recursos públicos a sociedades público-privadas explotadoras de recursos naturais, nas que a Xunta está en minoría. Estas recentes disposicións normativas de carácter extraordinario e antidemocrático constatan unha vez máis a verdadeira intención de quen nos goberna: entregar o noso país ao capital privado e favorecer os seus intereses especulativos.
Ao tempo, tanto Xunta como Estado seguen a demorar sine die a ampliación dos espazos naturais protexidos galegos e a protección de zonas húmidas, ademais de insistir, baixo o manido pretexto da simplificación administrativa, no recorte da capacidade de intervención das organizacións sociais e das comunidades afectadas nos procedementos administrativos de planificación e autorización dos proxectos.
Por se fose pouco, o Executivo galego e a patronal eólica, contrariados polas recentes sentenzas anulatorias e paralizacións cautelares de proxectos eólicos ilegais, están a protagonizar nos últimos meses unha vergoñenta campaña de descrédito e coacción contra o Tribunal Superior de Xustiza, na que se acusa sen contemplacións ao poder xudicial de facer política e de crear inseguridade xurídica. Tal servilismo e deixazón de funcións públicas por parte dos gobernos está alimentando a potestade do lobby enerxético para exercer con máis forza os seus abusos sobre as poboacións afectadas, obstruíndo o acceso á información, ocupando grandes superficies, expropiando terras sen previa negociaición, e fragmentando fraudulentamente os seus macroproxectos para saltarse as salvagardas legais en materia de protección ambiental e de participación pública.
Este modelo intensivo e especulativo de implantación de enerxías renovábeis entrega o país enteiro a mans das grandes eléctricas e incapacita a sociedade galega para acadar un tránsito ordenado, equilibrado, ecolóxico e xusto cara a un territorio libre de combustíbeis fósiles. O tempo e os feitos veñen unha vez máis a darnos a razón, demostrando que son eles, os gobernos e especuladores, os que crean inseguridade xurídica, e somos nós, os galegos e galegas, as que estamos defendendo a nosa terra para termos un futuro.
As montañas, de interese público de primeira orde
As montañas son as nacentes do 80% dos ríos e regatos que abastecen de auga o noso territorio, regulan o clima, controlan a erosión do solo, crean paisaxe, outorgan alimento e outros recursos básicos, preservan a biodiversidade, captan CO2, acollen especies, endemismos, e hábitats protexidos, e constitúen o fogar secular de boa parte da poboación rural galega. Sen elas non sería posible a vida. Sen embargo, non gozan da consideración de “interese público superior” nin se fai prevalecer a súa preservación sobre os intereses privados do gran capital. Desde a Coordinadora “Eólica Así Non” mobilizámonos tamén no Día Mundial das Montañas para reclamar a súa consideración como ecosistemas de interese público de primeira orde, e como principais garantes de saúde, seguridade e futuro do pobo galego.
Así, os colectivos convocantes animán a participar con nós en Amil o día 10 de decembro, ás 12 horas para loitar contra a invasión de macroproxectos eólicos e pola defensa do noso medio natural, do noso patrimonio, da auga, da economía local e, sobre todo, pola defensa da saúde e da vida no rural.