Parques Eólicos Campo das Rosas e Porto Vidros NON!!!
Fai máis dun ano que os proxectos CAMPO DAS ROSAS E PORTOVIDROS saíron a exposición pública, presentándose numerosas alegacións en contra que aínda non foron contestadas. As entidades convocantes e a veciñanza, coñecedoras do avance na tramitación dos expedientes, estamos moi preocupados e instamos á Xunta de Galicia a que se teña en conta a nosa opinión como propietarios dos terreos e como afectados directos polas consecuencias negativas que conlevarán estes parques eólicos.
As Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Quireza, Pedre, Chamadoira, Corredoira e San Bernabé, propietarias dos terreos afectados, acordamos nas asembleas rexeitar a construción destas instalacións eólicas por supoñer un grave prexuízo para a vida nas nosas aldeas. Os propietarios e veciñas de case a totalidade do territorio afectado non queremos que se leven a cabo estes proxectos, que terán consecuencias moi negativas para a nosa vida por motivos como:
- A excesiva proximidade dos aeroxeradores ás vivendas, con muíños de 163 m. de altura a 520 metros de distancia das casas, como ocorre en Cuíña. Isto conlevará ruído, efecto parpadeo e sombras, impacto paisaxístico e, por conseguinte, perda de calidade de vida e prexuízos á saúde.
- A afección ós mananciais e traídas que abastecen ás aldeas
- As grandes extensións de chan e vivendas afectadas polas poligonais dos parques eólicos
- Despregue de liñas eléctricas de alta tensión rodeando os núcleos de poboación, entre outros.
No último ano a comarca de Terra de Montes está a sufrir unha avalancha de proxectos con preto dunha trintena de parques eólicos en diferentes fases de tramitación, ademais das respectivas liñas de alta tensión que se estenderán por todos os concellos. Isto suporá a devastación de practicamente todo o territorio con consecuencias nefastas para o noso futuro e por iso chamamos a non baixar a garda e a manternos unidos.
Non estamos en contra da enerxía eólica nin da existencia de parques eólicos, pero hai alternativas máis xustas que non se queren desenvolver. Non queremos ser un territorio de usar e tirar en mans das empresas enerxéticas, temos dereito a controlar e xestionar os nosos recursos de forma racional e para favorecer o ben común, non os negocios duns poucos.
É o momento de actuar e de facer forza xuntándonos. Témonos que mobilizar para impedir que sigan a destruír a nosa terra e a condenar a morte o rural galego. O noso benestar e o das xeracións que veñan está nas nosas mans!!