Lola Varela
Se facemos un apresurado diagnóstico de xénero do que pode significar hoxe a vida no rural galego, atoparíamos: masculinización imperante en case todos os eidos, mercado laboral moi restritivo para as mulleres cun menor acceso a infraestruturas e servizos, persistencia dos roles de xénero a través da reprodución e mantemento do réxime patriarcal, subsidiaridade e xerarquización dos traballos e do papel social das mulleres, desfamiliarización agraria en aumento, precariedade no acceso ás novas tecnoloxías e diminución do transporte público...
Eu que vivo nunha pequena aldea da Terra de Montes con a penas 25 veciños e veciñas, podo dar fe destas e doutras eivas, sen que exista unha planificación axeitada e decidida por parte da Xunta para fixar e manter a poboación no ámbito rural, desenvolvendo as posibilidades que aínda temos e que non son poucas, dende as explotacións agrogandeiras ate unha silvicultura polivalente e respectuosa co medio; dende alternativas de ocio e turismo rural, ate o eido das enerxías renovables….
Faise moi difícil vivir e traballar no rural e máis aínda sendo muller. A falta de oferta formativa e as cativas posibilidades de emprego nun entorno conservador, aumentan o padecemento e alentan o maltrato de xénero: hai un maior número de vítimas que nas cidades (6 de cada 10 mulleres) e son máis silenciadas ao vivir en sitios pequenos onde toda a xente se coñece, a vergoña está moi presente na familia tradicional e o persoal de apoio e axuda nestes casos escasea ou non está debidamente formado. Ademais, a dependencia económica feminina das súas parellas é moi forte (apenas un 30% da afiliación ao Réxime Especial Agrario son mulleres e a maioría recibe unha pensión non contributiva) e as axudas da administración por violencia de xénero son moi cativas: 400 €/mes ao longo dun ano ou ano e medio.
E, dada a carencia de servizos sociocomunitarios no noso rural, se falamos de conciliación da vida familiar e laboral compre insistir en maior medida que no espazo urbano na corresponsabilidade asumida pola parella ou membros da familia, para compartir tarefas domésticas e coidados de crianzas, maiores e dependentes. Do contrario, é a muller quen debe asumir esta dura faena; así, 9 de cada 10 medidas de conciliación son solicitadas por mulleres, o 69% das persoas coidadoras son mulleres e o 75% das mulleres renuncian a súa vida social e familiar fronte un 25% de homes.
A pesar de todo, da falta de tempo, da ausencia de formación, da pouca visibilidade do seu traballo e das actitudes machistas imperantes no rural, cando as mulleres se xuntan e deciden implicarse para plantarlle cara á decadencia das comunidades pola diminución da veciñanza en aldeas e parroquias, a súa iniciativa non pasa desapercibida. Trátase de manter aqueles espazos e momentos de sociabilidade tan necesarios no rural, nos que a muller xoga un papel relevante. Isto foi o que aconteceu na miña parroquia de San Martiño de Figueroa coa festa de Santa Lucía, que celebramos a carón dunha fermosa capela do S XVIII; este ano, unha comisión formada só por mulleres recuperou a festividade a piques de desaparecer, demostrando deste xeito ser boas transmisoras duns valores comunitarios indispensables para manter a esperanza de mil primaveras máis para o noso rural.
* Docente xubilada, experta en coeducación e feminista
(Publicado no Nº 3 de Nós Diario o 04/01/2020)