O colectivo Capitán Gosende escudriña o Coto do Castro, entre as aldeas cerdedesas de Laxoso e A Devesa, na busca da pedrafita do Retortoiro
Calros Solla
A presenza na Carta arqueolóxica propiciou que, en 2014, a empresa encargada da elaboración do PXOM cerdedés o incluíse no inventario patrimonial (coordenadas.- X: 547.860; Y: 4.714.403; alt. 442 m) e tramitase a súa catalogación. Na actualidade, o lugar do Coto do Castro, tamén coñecido por O Castro, Castro de Arriba (a penela de cara ao sur, a máis alta), Castro de Abaixo (a penela de cara ao norte), Castrobó, castro do Lavadoiro ou castro do Retortoiro, consta no catálogo de Patrimonio coa referencia GA36011073.
Un camiño ancestral empedrado, hoxe alterado por ancheamentos, desvíase da estrada nas inmediacións da aldea da Devesa (Tomonde). En descenso, o camiño atravesa serpeando os depósitos castrexos, deslindando o chamado Castro de Arriba do contiguo Castro de Abaixo. As rodeiras fondas, labradas nas laxas, evocan o chiar extinto dos carros do país. A antiga verea coñécese por camiño do Retortoiro, chamadeiro inspirado nas características do seu trazado, cheo de voltas e reviravoltas.
Membros do colectivo Capitán Gosende dedicamos unha xornada de exploración á busca do chamado Marco do Retortoiro, pétreo chantón que, a canda o propio castro, fixa as estremas de tres parroquias (Sabucedo ao norte, Quireza a poñente e Tomonde a levante) e, a maiores, dous concellos (Cerdedo ao sur e A Estrada ao norte).
No ano 2008, percorrín o lugar acompañado dun solícito informante da Devesa. Xa daquela, non fomos quen de localizar a pedrafita do Retortoiro, mais, pola descrición facilitada, non era unha entosta cativa e, segundo as miñas anotacións, fincábase ao pé do vieiro e presentaba uns riscos tallados nas súas faces. A microtoponimia da zona reforza a súa existencia, xa que, no Topográfico se consigna, nas proximidades, o topónimo “A Cancela do Marco”.
Na xeira do domingo tampouco houbo fortuna, mais agardamos que esta nota de prensa avive a lembranza dos lectores e que alguén nos poida dar razón do seu paradoiro. A ilocalizada pedrafita do Marco tamén ficou consignada na devandita Carta arqueolóxica (páxs. 80-1).
Así e todo, a excursión valeunos para redescubrir a beleza do Coto do Castro, contraforte asomado á foz do regueiro de Vesacarballa-Laxoso que, nesta época do ano, baixa en ruxideira de apoxeo. Aproveitamos, así mesmo, o paseo para retirar das marxes fluviais o plástico refugallo, outra moderna maldición.
O sitio arqueolóxico do Coto do Castro agóchase baixo unha galería vexetal de caducifolias: ameneiros, bidos e carballos de bo porte. O pestífero eucalipto tamén enraizou naquelas ramplas. Onde non? O castro do Retortoiro, co regato polo medio, érguese equidistante entre as aldeas de Laxoso (Quireza) e A Devesa (Tomonde). A pedra de gran aflorada no Castro foi empregada como material construtivo nas aldeas do arredor. As pegadas extractivas son evidentes.
Cinguido pola reconca fluvial e o abrupto desnivel que, hai dous mil anos, constituían do poboado prehistórico as primeiras liñas de defensa, as terrazas do Coto do Castro convértense en magnífico escenario do connatural folclore de mouros. Así o recollín, hai doce anos na Carta arqueolóxica, co aquel de preservar este tesouro inmaterial do esquecemento:
“Os mouros baixan ao regueiro (ou á presa do Castro) para facer a bogada (castro do Lavadoiro). No luscofusco, polo camiño do Retortoiro, faise presente un encanto, adoptando a figura de leiteira. Segundo aconsellan os vellos, cómpre evitar o encontro, pois ten a solercia de trocar camiños e provocar fatais extravíos”.
O regueiro precipítase en pequenas freixas e banzados, caneando penedos tapizados de carriza e dentabrún. Choutamos augas arriba e abaixo, andamos e desandamos as corgueiras e carricovas, percorremos a levada do Castro, marabillámonos do amplo mostrario de penedos figurativos, asento de cachopos e boullosas. Porén, as nosas cámaras fotográficas non trouxeron a proba dos mouros lavandeiros. Non estaba de ser.
Cos ollos rebordantes de amenidade, abandonamos silandeiros a cuíña do Retortoiro. Sumido nos meus pensamentos, pregueilles aos numes do castro pola sorte da comarca. Desexei vernos gobernados por unha autoridade sensíbel co noso medio ambiente, co noso acervo cultural. A situación é tan desesperada que mesmo xulgariamos con clemencia calquera outro dos seus defectos.
Ende mal, de non mudaren as súas actitudes irracionais, impétrolle ao encanto do Coto do Castro, á leiteira do Retortoiro que os confunda de vez e nos libre da súa impostura.