A man dereita do xefe provincial de Falange, Manuel Castro Pena, e executor da represión nos primeiros meses do golpe franquista na Estrada
Xosé Álvarez Castro
Ricardo Menéndez Bustamante “O Cubano” Ninguén mellor que os propios camaradas falanxistas para contarnos as súas andanzas: J. Ramón Criado, instrutor do expediente que se lle incoa dentro do proceso de depuración da Falanxe, considérao un individuo ao que rodea un ambiente de desprestixio e que fai unha vida ostentosa en contradición cos seus medios coñecidos de vida e coa austeridade falanxista. A relación de cargos inclúe o apoderarse de cheques, xestións para obter o indulto do médico Bustelo (implicado nas extorsións de San Simón), intervención en secuestros para obter diñeiro, irregularidades nas peticións de diñeiro para o suposto rescate de José Antonio, requisas irregulares, entre outros. Diversas fontes sinálano como un pistoleiro implicado en varios asasinatos.
O informe fai unha serie de consideracións nada favorables: “hombre dado a la fastuosidad, frecuentador de casas de mal vivir, con amantes, precisaba de grandes cantidades de dinero para su ostentosa vida de disipación y juerga y, no teniendo fortuna propia, trató de arbitrar medios, prevaliéndose de la privilegiada situación que le daba su cargo de Jefe Provincial de Investigación a cuyo amparo realizó numerosos delitos de estafa, de tentativa de estafa y otros”.
Nesta atribución de culpas (sen dúbida certas) non se menciona o feito de que Ricardo era só unha peza dun conglomerado delitivo no que estaban implicados destacados falanxistas, entre eles o seu xefe directo, Manuel Castro Pena, xefe provincial da organización.
Como medida exemplarizante, e pode que tamén para evitar unha testemuña incómoda, foi fusilado polos seus camaradas o tres de febreiro de 1937.
RSS Feed
